Informe sobre o estado dos ríos galegos en 201324-02-2014 - Medio ambienteOs resultados amosan que existe unha tendencia cara un estado bo dos nosos ríos. A porcentaxe de treitos con calidade deficiente mantense como en 2012, e corresponden aos ríos Aríns, Chanca, Mero e Limia en primavera e o Lagar, Esteiro e Limia en outono. Ningún treito estudado en 2013 amosou unha calidade biolóxica mala. Porén, compre sinalar que en anos anteriores os ríos Lagares, Sar e Louro eran os que presentaban un estado de saúde malo e que en 2013 non se realizaron as inspeccións correspondentes. A calidade do bosque de ribeira é outro parámetro que serve para establecer a saúde dos cursos fluviais. A degradación que sofren as marxes dos ríos do país continúa como en anos anteriores. Máis da metade dos treitos estudados presentaban as súas marxes con alteracións importantes e moi degradadas, correspondendo aos ríos Corgo, Zamáns, Lagar ou Limia entre outros. | ![]() |
|---|
Dende 2004, ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de
participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con
271 grupos de voluntarios/as por todo o país. Deles, enviaron as inspeccións de
río o 52%, porcentaxe moi parecida á de 2012 (55%). En canto á participación
por provincias, A Coruña (40%) é a que máis grupos rexistra seguida de
Pontevedra (38%). Lugo é Ourense teñen unha participación máis discreta co 13%
e 9% respeitivamente.
A bacía máis estudada é a das Rías Baixas, que acada unha porcentaxe do 49% das
inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as do Miño (20%),
Arco Ártabro e Fisterrá (20%), as do Limia-Douro (4%) e as bacías que verten ao
Cantábrico (7%).
Cos datos colleitados polo voluntariado, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2013 foi nun 52 % moi bo na campaña de primavera e nun 33% en estado bo; en outono o 39% estiveron en estado bo, e estado moi bo outro 40%.
Observáronse treitos con saúde moderada (9% en primavera; 19% en outono) e deficiente (6% en primavera; 5% en outono). Pódese concluir que a calidade da auga nos ríos estudados polo voluntariado en 2013 mellora lixeiramente con respecto a 2011 e 2012.
En canto á calidade do bosque de ribeira, nos últimos anos establecíase unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos, que en 2013 continúa.
Así, as marxes moi degradadas en primavera supoñen un 15% do total e en outono
un 25%. Concluímos que non existíu variación, en canto a número, dos treitos
coas marxes ben corservadas.
Nos treitos con alteracións importantes houbo un ascenso a costa das marxes moi
degradadas, que descenderon.
A perda e o empobrecemento da vexetación de ribeira é un feito que se ven
constatando ano tras ano. Se ben mellorou a calidade da auga, no bosque de ribeira
segue a amosar un deterioro constante.
En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que, nos treitos estudados, o hábitat estaba ben constituído nun 56%, con alteracións nun 38% e empobrecido nun 6% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: ben constituído, 50%; con alteracións, 48%; empobrecido, 2%.
Os valores da calidade do hábitat en 2013 son moi parecidos aos obtidos en
2012. Aínda que os resultados amosan que a maioría dos treitos teñen o hábitat
ben constituído, a presenza de hábitats con alteracións e empobrecidos
infórmanos de que moitos dos ríos estudados atópanse nunha situación incerta en
canto á súa evolución, xa que para revertir a situación de degradación sería
preciso desenvolver accións concretas de recuperación.
Os ríos que discorren por por vilas e cidades, como o Limia, Mero, Aríns e
Esteiro son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión
humana á que están sometidos. Aqueles treitos próximos á desembocadura, onde a
corrente de auga perde velocidade, adoitan acumular máis contaminantes.
Ligazóns:
Fonte: ADEGA