Financiado por:
/ Medio ambiente

Increméntanse os récords mensuais de temperatura na última década

09-05-2013 - MEDIO AMBIENTE

A aparición de temperaturas mensuais extremas volveuse máis frecuente na última década, como indican as medidas tomadas arredor do globo terrestre e analizadas por un equipo de investigadores da Universidade Complutense de Madrid e do Potsdam Institute for Climate Impact Research (PIK).

Segundo esta investigación, os meses cálidos que rexistran récords de temperatura son, de media, cinco veces máis numerosos do que cabería esperar sen a tendencia á alza ocasionada polo cambio climático. Nalgunhas partes de Europa, África e o sur de Asia, o número de récords mensuais incrementouse mesmo nun factor dez, como mostra este novo estudo publicado na revista Climatic Change.

O 80% destes récords mensuais nas temperaturas non se terían producido sen a influencia humana no clima terrestre, segundo conclúen os autores.

Na última década producíronse ondas de calor sen precedentes como está a suceder agora en Australia e xa sucedeu no ano 2009, ou como pasou en Estados Unidos en 2012, en Rusia en 2010 ou en Europa en 2003.

As altas temperaturas extremas causan grandes incendios forestais, perdas de colleitas e mesmo mortes. "A sociedade e os ecosistemas non están preparados para afrontar cada novo récord de temperaturas", como afirma Dim Coumou, do Potsdam Institute for Climate Impact Research.

O estudo apóiase na análise dos datos de 131 anos de temperaturas mensuais facilitados pola NASA, distribuídos en 12.000 puntos arredor do mundo.

A partir destes datos, os investigadores desenvolveron un complexo modelo estatístico que explica o aumento no número de extremos como unha consecuencia da tendencia a longo prazo das temperaturas inducida polo Quentamento Global.

Este aumento foi particularmente pronunciado ao longo dos últimos 40 anos, debido a un incremento na tendencia do cambio climático. Superpostos a este incremento na tendencia media, os datos mostran os efectos da variabilidade natural, cun número maior de récords nas temperaturas durante os anos nos que se produce o fenómeno do “El Niño”. Non obstante, segundo os investigadores do estudo esta variabilidade natural non explica o subxacente incremento substancial no número de extremos.

Se o quentamento global continúa ao ritmo observado, a investigación prevé que en 30 anos o número de récords podería ser de ata 12 veces superior ao que se daría sen o cambio climático. Pero é máis "se nos situamos na década de 2040, para ser considerados novos récords as temperaturas terán que superar aqueles records rexistrados nas dúas décadas anteriores, o que supoñerá temperaturas extremadamente altas nunca antes vividas," explica Coumou. E isto refírese á media global, polo que esta situación se agravará en certas rexións da Terra. Como sinala Alexander Robinson, investigador do equipo da Universidade Complutense de Madrid, "os resultados son outra confirmación definitiva de que o cambio climático xa empezou ter un grande efecto na sociedade, e de que o efecto será aínda máis profundo no futuro".

Por si soas as estatísticas non poden dicir cal é a causa dunha onda de calor en particular, pero non obstante o que mostran é un amplo e sistemático incremento no número de récords debido ao cambio climático. Segundo esta investigación, actualmente este incremento é xa tan acusado que a maioría dos récords mensuais nas temperaturas son debidos ao quentamento global. Os datos analizados indican que soamente unha pequena parte destes extremos se tería producido de forma natural.

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS