Financiado por:
/ Medio ambiente

Gas radón e tabaquismo

27-11-2014 - Saúde

O grupo de Radón da Universidade de Santiago de Compostela ven de publicar un artigo na revista European Respiratory Journal no que se asocia por primeira vez a concentración de radón residencial e a exposición a tabaquismo pasivo co risco de cancro de pulmón. O estudo (ao que acompaña un editorial) realizouse en sete hospitais galegos e un de Asturias, incluíndo máis de 500 suxeitos.

Ademais de observar un efecto significativo do radón para o cancro de pulmón en nunca fumadores –ata agora os estudos se fixeran sobre suxeitos fumadores–, os investigadores observaron que a exposición a fume ambiental de tabaco aumenta aínda máis o risco dese cancro debido á exposición a radón residencial. Así mesmo, “observamos que as mulleres teñen máis risco de cancro pulmonar que os varóns para unha mesma exposición a radón”, explica o  responsable da investigación.

O radón é un carcinóxeno humano recoñecido pola Organización Mundial da Saúde que se acumula de maneira natural no interior dos domicilios e ambientes interiores (tamén en lugares de traballo) e que é a primeira causa de cancro de pulmón en suxeitos nunca fumadores e o segundo factor de risco desta enfermidade nos que si fuman.

A publicación European Respiratory Journalm, a revista oficial da European Respiratory Society e unha das máis prestixiosas do mundo no seu ámbito.

O estudo enmárcase dentro dunha potente liña de investigación na que se analiza o efecto do radón residencial sobre a patoloxía respiratoria. Outro traballo do mesmo grupo, publicado en agosto no Journal of Thoracic Oncology (revista tamén situada entre as primeiras de patoloxía respiratoria), encontraba asociación entre o radón residencial e certos xenes implicados no metabolismo de axentes carcinoxénicos.

Fonte: gciencia.com

Máis información sobre o gas radón: Boletín CIG Saúde Laboral Nº 5

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS