Financiado por:
/ Medio ambiente

GEO-5, Perspectivas do Medio Ambiente Mundial

04-06-2013 - PNUMA

O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) lanzou unha versión en español da quinta edición do seu emblemático informe, Perspectivas do Medio Mundial (GEO-5, polas súas siglas en inglés).

Alcanzar os obxectivos de sostibilidade en América Latina e o Caribe é posible cun compromiso renovado e mediante a ampliación das políticas exitosas.

O GEO-5 avalía os avances realizados cara ao cumprimento de 90 das metas e obxectivos ambientais máis importantes, revelando que só en catro destas metas se lograron avances significativos, a saber, a eliminación da produción e o uso de substancias que esgotan a capa de ozono, a eliminación do chumbo da gasolina, o acceso a un mellor abastecemento de auga e o fomento da investigación para reducir a contaminación do medio mariño.

Lográronse algúns avances en 40 das metas, por exemplo, na ampliación das áreas protexidas e nos esforzos para reducir a deforestación.
Detectáronse progresos escasos ou nulos en 24 delas, incluídos o cambio climático, as poboacións de peixes, e a desertización e a seca.
Observáronse retrocesos en oito das metas, entre as que figuran o estado dos arrecifes de coral a nivel mundial. Pola súa banda, 14 dos obxectivos non puideron avaliarse por falta de datos.

A rexión de América Latina e o Caribe alberga o 23 por cento dos bosques do mundo e o 31 por cento dos seus recursos de auga doce. Non obstante, o consumo e a produción insostibles -asociados principalmente á agricultura e á extracción de materias primas- están a acelerar a degradación do medio ambiente.

Os países da rexión comparten unha serie de desafíos ambientais, como o cambio climático, a perda de biodiversidade, a xestión da terra, a degradación das zonas costeiras e mariñas, a urbanización, a pobreza e a desigualdade.

O crecemento da poboación da rexión, xa en boa medida urbanizada, trae consigo o reto de proporcionar auga potable e saneamento a cidades en pleno proceso de expansión.

Segundo o informe GEO-5, outro dos grandes retos da rexión é o establecemento dun marco de goberno ambiental sólido, que incorpore a xestión do capital natural, a participación pública, a educación e unha cultura de conciencia ambiental, así como a redución da brecha entre a ciencia e a política.
O GEO-5 destaca unha serie de iniciativas emprendidas en América Latina e o Caribe, que están a liderar o camiño cara a unha economía verde caracterizada por unhas baixas emisións de carbono e o uso eficiente dos recursos.

As áreas protexidas da rexión, por exemplo, cobren máis de 500 millóns de hectáreas repartidas en 4.400 zonas diferentes. Considérase que representan unha das medidas de política máis importantes da rexión para a conservación da diversidade biolóxica, ademais de contribuír á adaptación ao cambio climático e a súa mitigación, e ao PIB nacional, se van acompañadas dunha xestión axeitada.

Outro exemplo é o dalgunhas iniciativas en Brasil e Colombia, concibidas para substituír as redes de transporte convencionais por un sistema de autobuses rápidos produciron múltiples beneficios ambientais e sociais ao reducir das emisións de carbono e mellorar a mobilidade.

Pola súa banda, o Corredor Biolóxico Mesoamericano, establecido por oito países de América Central, actúa como unha autoestrada que une grandes e importantes hábitats de vida silvestre. Ao fomentar unha maior participación das comunidades locais, o corredor axuda a promover un maior sentido de benestar, garantindo ao mesmo tempo a protección do patrimonio biolóxico da rexión.

Segundo o GEO-5, un modelo de desenvolvemento máis sostible para a rexión requirirá mellores estratexias nacionais e rexionais que poidan abordar de forma simultánea os problemas ambientais e económicos e, sobre todo, facer fronte aos desafíos máis graves da rexión: a pobreza e a desigualdade. Tamén se necesita un mellor goberno, a participación activa da comunidade e un alto nivel de cooperación interinstitucional.

Ligazóns:

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS