Financiado por:
/ Medio ambiente

Estado español: o estado europeo que máis pesticidas utiliza en agricultura

21-03-2016 - EUROSTAT

A Unión Europea vén de publicar o anuario estatístico sobre a agricultura, gandería e pesca -edición 2015-, no que se mostra ao Estado español como o país con maior consumo de pesticidas do conxunto dos 28 países. O libro recolle os datos máis recentes, que corresponden ao ano 2013, no que se rexistrou un consumo de 360.000 toneladas, co Estado español encabezando ese consumo, co 19,5%, por diante de Francia (18,7%), Italia (13,8%) e Alemaña (12,3%).

Estes catro países figuran sempre entre os de maior consumo en todos os grupos diferentes de produtos químicos utilizados, que son divididos en 6 activos:

- Funxicidas e bactericidas: son os máis utilizados, representando o 42% do total, e nos que España ocupa a segunda posición.

- Herbicidas: o sector agropecuario español é o terceiro da Unión Europea con máis uso, por detrás de Alemaña e Francia e diante de Reino Unido.

- Insecticidas: é neste grupo onde os agricultores españois teñen menos reparo en utilizar a química, resulta alarmante que en España se vendan 6.695 toneladas de insecticidas, triplicando o uso do segundo e o terceiro país, que son Francia e Italia.

- Molusquicidas: utilizados contra os limacos, carafio e moluscos, España está en cuarta posición, por detrás de Francia, Reino Unido e Alemaña.

- Reguladores do crecemento de plantas e

- Outros produtos protectores.

No libro non se explican as razóns polas que España no apartado de “outros”, caixón de xastre de moitos produtos, alcanza as 17.262 toneladas, case tres veces máis que Italia e cinco veces máis que en Francia. En termos de pesticidas utilizados por área de cultivo,  España ocupa o cuarto lugar (cunha cantidade notable, 3 quilogramos por hectárea), tras Holanda, Béxica e Italia, descontando o caso singular de Malta, con moi pouca superficie de cultivo, que multiplica por catro a cantidade de química consumida respecto de España por área cultivada, sendo a maior parte da sustancia utilizada o xofre.

Estas preocupantes cifras de utilización de química contrarréstanse en certa medida cos bos datos que rexistra España en terra dedicada a produto orgánico, sendo o país líder da Unión Europea, con 1,6 millóns de hectáreas, o que representa o 16,6% do total. A estatística neste caso inclúe as terras reconvertidas  e as que están en proceso, sen desagregar ambas. A diferenza de España respecto ao segundo, Italia é de 300.000 hectáreas, e preto de 600.000 con Alemaña e Francia. Tamén foi o cultivo ecolóxico español, cun  6,2%, o que máis aumentou de entre os grandes países agrícolas, entre 2013 e 2014, últimos anos recolleitos.

Se se toman as cifras de porcentaxe da terra de cultivo dedicada ao orgánico, que na media europea é do 5,9%, España ocupa o posto undécimo. Estonia, Suecia e Austria dedican o 16% da terra cultivada ao produto ecolóxico, e Letonia, Italia e República Checa superan o 10%, mentres que en España non chega ao 8%, o que dá idea do seu potencial de crecemento.

En gando tratado ecoloxicamente, España sitúase bastante mal. En vacún ocupa o posto 18 con menos do 3% do total de reses da cabana do país, mentres que os países líderes, como Suecia e Austria achéganse ao 20%. En vacas leiteiras aínda é peor, ocupando o posto 22, con menos do 1% en explotacións orgánicas, con Austria preto do 17%, e Francia, achegándose ao 5% e Italia, ao 3%, a modo de referente.

Os gandeiros españois de ovellas e cabras, que son os segundos da UE, tras Reino Unido, tampouco despuntan en crianza orgánica en termos relativos, si en absolutos, onde son cuartos con case medio millón de unidades e un crecemento notable, do 10,8%. En termos relativos ocupa o posto 13, con algo máis do 2%, fronte a unha porcentaxe do 15% en Alemaña, e superior ao 30% no líder, Austria, que ocupa a primeira posición en todas as categorías de crianza animal.

Lamentable é a situación do porco, do que España é o segundo produtor da Unión Europea tras Alemaña, con moita diferenza sobre o resto. En materia ecolóxica, soamente Rumania, Chipre, Malta e Bulgaria están peor, sendo inapreciable (menos de 7.000) o número de porcos criados de maneira ecolóxica, mentres que en Alemaña é o 15%.

O dato optimista é que quen se dedica ao campo si parece que ten claro o potencial e a necesidade de orientarse cara ao cultivo e crianza ecolóxica. Así, de algo máis dun cuarto de millón de produtores orgánicos, España conta co 12% do total (30.500 produtores), en segundo lugar tras os italianos, que son o 18% e diante de polacos, franceses e alemáns. A porcentaxe de activos orgánicos sobre o total dos activos agrícolas dun país é en España de algo máis do 2%, no posto 14, e lonxe de austriacos, nórdicos, alemáns e franceses. Unha clasificación similar cando se ten en conta o tamaño da explotación media dedicada ao cultivo ecolóxico, que en España está ao redor das 20 hectáreas, menos da metade que en Francia, a cuarta parte da de Reino Unido e seis veces menor que na República Checa. Con todo, en España do mesmo xeito que na maioría de países ten máis hectáreas o terreo dedicado ao cultivo orgánico que o de cultivo xeral.

En canto aos procesadores de materia prima orgánica, un total de 38.000 na Unión Europea, España mostra a fortaleza da súa industria agropecuaria, con case 4.200, o maior número tras Italia e Francia, que duplican a cifra española, aínda que Alemaña non ofreceu datos. En froitas e vexetais, os produtores orgánicos españois ocupan a segunda praza, e en panadería e fariñas, o terceiro lugar, mesma posición que en carnes.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS