Financiado por:
/ Medio ambiente

Destrúen o último bosque de ribeira de Vigo

08-02-2013 - Medio ambiente

O Amial da Carrasqueira xa é historia. O último bosque de ribeira de Vigo foi destruído polas obras da macrodepuradora do Lagares. Este bosque aluvial de amieiros Alnus glutinosa estaba catalogado como Hábitat de Interese Prioritario pola Directiva 43/92/CEE (cód. 91 E0). A presión urbanistica e as obras de construción da actual E.D.A.R. de Vigo a partires de 1995 provocaron a súa desaparición. E iso, que o propio anteproxecto da nova EDAR do Lagares citaba a súa importancia: “Os bosques pantanosos teñen maior relevancia pola súa rareza e a súa consideración de Hábitat de Interese Prioritario, e eríxense nas formacións vexetais de maior interese na área de estudio”... “Son hábitats escasos no contexto xeográfico rexional, por estar vinculados a ambientes de extensión reducida como son os marismáns, lagunares e pantanosos”.

Pero son paradoxicamente as obras de construción da nova EDAR do Lagares as que lle están dando o o toque de graza a este amial. O medio natural da contorna da ría de Vigo perde así un espazo representativo do que eran os antigos bosques aluviais galegos, hoxe en día practicamente desaparecidos pola actividade humana nesta bisbarra tan poboada, e o crecemento urbanístico das últimas décadas.

 

Por iso, A Ría non se Vende denuncia que a afección biolóxica e paisaxística "será enorme" xa que co amial desaparecerán moitas especies de flora e fauna autóctona a el asociadas. "A Xunqueira do Lagares é (aínda agora) un humedal digno de formar parte da Rede Natura polos seus valores naturais, e polos valores culturais e antropolóxicos asociados ao ámbito rururbano (o auténticamente herdado do ámbito rural precedente), do seu contorno. Polo tanto, non é un lugar adecuado para unha depuradora, nin macro, nin media, nin micro", suliñan.

 

A macrodepuradora non é a solución

 

Así, denuncian que unha macrodepuradora non é a "solución racional" para o saneamento de Vigo ni para a preservación da calidade das augas da Ría e está abocada a sufrir os mesmos problemas que a depuradora actual, "avarías e interrupcións recorrentes no proceso de depuración; alivio periódico de enormes cantidades de augas sin depurar no seo da ría, debido á ausenza de separación de augas residuais e pluviais".

 

A Ría Non Se Vende lamenta "a pouca sensibilidade" dos poderes públicos, que "amosan día tras día a súa incompetencia na correcta solución dos problemas públicos e a súa insensibilidade á hora de preservar o noso medio natural".

Fonte: galiciaconfidencial.com

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS