Financiado por:
/ Medio ambiente

Dende o día 1 de xuño é obrigatoria a certificación enerxética dos edificios

05-06-2013 - ENERXÍA

Dando cumprimento á normativa comunitaria e ao Real Decreto 235/2013 aprobado polo Consello de Ministros o pasado 5 de abril, a partir de mañá sábado, día 1 de xuño, xa é obrigatorio poñer a disposición dos compradores ou arrendadores de edificios ou de parte destes (sempre que os alugueres teñan unha duración superior a catro meses), un certificado de eficiencia enerxética.

Este certificado, cunha validez de dez anos, avalía a eficiencia enerxética do inmoble (edificio enteiro ou parte deste), tanto en termos de consumo de enerxía coma de emisións de CO2, outorgándolle unha cualificación nunha letra que variará da A á G, para consumo de enerxía primaria, e outra letra para emisións de CO2.

Ademais da información obxectiva sobre as súas características enerxéticas, o certificado deberá incluír recomendacións para a mellora da eficiencia enerxética do inmoble. O obxectivo da medida é fomentar o aforro e a eficiencia, así como que o consumidor poida valorar e comparar a repercusión do gasto en enerxía e emisións de CO2 que vai ter a súa decisión á hora de comprar ou alugar unha vivenda.

Calcúlase que esta normativa levará consigo aforros anuais de aproximadamente 32.000 tep, supoñendo que se realizasen actuacións de mellora da eficiencia enerxética nun 10% dos edificios certificados e se conseguise un aforro medio dun 20% coas medidas que se adopten.

O usuario que queira certificar unha vivenda deberá contratar os servizos dun técnico competente segundo o artigo 1.3.P do RD.235, que serán os que finalmente realicen a cualificación do edificio.

O Real Decreto afecta a edificios de nova construción e a aqueles existentes que se vendan ou aluguen; entre outros, cabe destacar que están exentas da certificación enerxética os edificios histórico-artísticos, lugares de culto por actividades relixiosas, así como vivendas que teñan un uso inferior a catro meses ao ano, como podería ser, por exemplo un apartamento vacacional.

Certificado para o edificio ou vivenda individual

O propietario que queira alugar ou vender unha vivenda terá dúas opcións:

  1. Certificar de forma individual a súa vivenda pertencente a un bloque.
  2. Consensuar cos veciños e contratar a certificación do bloque completo.

Por outra parte, a cualificación enerxética, deberá estar incluída en toda oferta, promoción ou publicidade dirixida á venda ou o arrendamento.
O rexistro dos certificados establécese en cada Comunidade Autónoma, a través dos organismos que estas designen para tal fin.

Edificios Públicos con certificado

Igualmente e como actuación exemplificante das Administracións Públicas, o Real Decreto obriga inicialmente a que todos os edificios ou partes destes, nos que unha autoridade pública ocupe unha superficie útil total superior a 500 m2 e que sexan frecuentados habitualmente polo público, dispoñan do certificado de eficiencia enerxética e exhiban a súa etiqueta de eficiencia enerxética.

Así, o complexo Cuzco que alberga aos Ministerios de Industria, Enerxía e Turismo, Economía e Competitividade e parte de Facenda e Administracións Públicas, xa foi cualificado mediante o programa informático de referencia obtendo a cualificación enerxética C en emisións de CO2 e C en consumo de enerxía primaria.

Para máis información:

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS