Financiado por:
/ Medio ambiente

Demóstrase a rendibilidade da pesca sostible

01-02-2013 - MEDIO AMBIENTE

Reducir a presión pesqueira dá resultados beneficiosos nun prazo de tempo non demasiado longo. Esta é unha das principais conclusións que se desprenden dunha investigación liderada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na que se analizan as capturas de 53 países e xurisdicións ao longo de algo máis dunha década.

O traballo, publicado na revista Global Environmental Change, revela que aqueles que aplicaron o Código de Conduta para unha Pesca Responsable da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) lograron mellorar os seus recursos pesqueiros e están a obter unhas capturas de mellor calidade.

O estudo, liderado pola investigadora do CSIC no Instituto de Ciencias do Mar Marta Coll, contou coa participación da Universidade de “British Columbia” (Canadá), do “Istituto Nazionale di Oceanografia e di Geofisica Sperimentale” (Italia) e a organización “World Wildlife Fund”.

O Código de Conduta para unha Pesca Responsable foi desenvolvido en 1995 pola FAO e ten como obxectivo reducir o impacto negativo da pesca no ecosistema.

Os expertos están convencidos de que este código é unha ferramenta eficaz na xestión sostible dos recursos pesqueiros. Non obstante, o seu cumprimento é voluntario e os países que o asinaron estano a incorporar á súa lexislación con maior ou menor éxito.

13 anos de pesca

 O traballo analiza as capturas levadas a cabo por 53 países e xurisdicións, que supoñen o 96% da pesca global, dende 1990 ata 2003.

Para avaliar os beneficios ecolóxicos do código, comparouse o seu cumprimento con cinco indicadores ecolóxicos: o nivel trófico das capturas (relacionado co tamaño das presas capturadas); o volume da captura total; a captura total expresada en unidades de produción primaria necesaria para xerar os peixes capturados; o índice de perda de produción (a perda que supón para o ecosistema a captura, que de non ter sido atrapada poderían ter alimentado a outros peixes); e a probabilidade de sostibilidade da pesca.

Unha mellora derivada dunha pesca máis sostible reflíctese nunha redución na captura total, así como na produción primaria requirida para xerar a captura e no índice de perda de produción, mentres que se observa un aumento no nivel trófico das capturas e no índice de sostibilidade.

Aínda que os países que implementaron o código teñen un menor volume de capturas, a calidade e diversidade da súa pesca é maior. Isto reflíctese no feito de que recuperaron poboacións de especies de gran tamaño, como atúns ou bacallau, que teñen un maior nivel trófico e un maior valor comercial", explica Coll.

Posicións por países

 En termos relativos, detalla Marta Coll, "os 10 países e rexións que máis melloraron a pesca, facéndoa máis sostible en 2003 con respecto a 1990 son: Estados Unidos (costa atlántica), Namibia, Chile, Dinamarca, Irlanda, Holanda, Portugal, Ecuador, Rusia (costa do Pacífico) e Alemaña. Ao contrario, os países que empeoraron por pescar de forma máis insostible no mesmo período son: Ghana, Filipinas, Vietnam, Bangla Desh, Islandia, Exipto e Suráfrica".

En termos absolutos, a pesca máis sostible (segundo os datos de 2003) é a de Canadá (costa Pacífica), Australia e Estados Unidos (costa Pacífica). A menos sostible, tamén segundo datos de 2003, está en Turquía, Corea de Sur, Malaisia, China, Perú, Ghana, Filipinas, Marrocos, Vietnam e Bangla Desh.

España, en termos relativos de mellora respecto a 1990, encóntrase no posto 14 e 15 (para costa Atlántica e Mediterránea), e en termos absolutos está no 10 e 14, respectivamente. "O noso estudo transmite unha mensaxe positiva no contexto dos acordos internacionais que se ocupan de cuestións ambientais: o cumprimento de acordos como o código de conduta da FAO pode contribuír a aumentar a sostibilidade, independentemente da posición xeográfica do país.

Dado que o cumprimento do Código en todo o mundo segue sendo baixo ou moi baixo, conclúe o traballo, "estes resultados poden alentar os países a adoptar as medidas necesarias para aumentar a sostibilidade ecolóxica dos recursos mariños".

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS