Financiado por:
/ Medio ambiente

Auga contaminada nos pozos próximos ao 'fracking'

01-07-2013 - ENERXÍA

O 'fracking' é xa un dos temas máis polémicos da escena enerxética do Estado mesmo antes de perforarse un só pozo nin sequera para a investigación do seu potencial no territorio estatal.

Pero o interese mostrado por algunhas autonomías como País Vasco e polo ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, e a prohibición deste tipo de extracción de gas natural noutras rexións como Cantabria situaron esta técnica en boca de todos.

Non obstante, é EEUU o país que ten experiencia nesta nova forma de extraer gas para a que hai que romper estratos rochosos de lousa no subsolo, usando auga a presión mesturada con area e substancias químicas contaminantes. E é alí onde se están a estudar en detalle os riscos ambientais, xeolóxicos e para a saúde pública que pode implicar. O último deles acábase de publicar na revista 'Proceedings of the National Academy of Sciences' (PNAS) e revisa precisamente unha das maiores ameazas para a saúde pública: a contaminación das augas subterráneas para consumo humano.

O equipo de investigadores da Universidade de Duke que asina o traballo analizou 81 novos pozos de auga próximos a puntos de extracción de gas coa técnica de 'fracking' e engadiu eses resultados aos que xa se realizaran previamente noutros 60 pozos. As principais conclusións ás que chegaron é que a concentración de gas metano na auga de consumo humano era seis veces maior do normal e a de etano chegaba a ser ata 23 veces superior nos pozos situados a un quilómetro da prospección.

Todos os puntos analizados estaban situados no nordés de Pennsylvania, nun depósito de gas de lousa chamado Marcellus. A contaminación das augas subterráneas con metano é algo que xa se demostrara con anterioridade e que outros estudos aseguraban que era producida por causas naturais. Pero, segundo o autor principal, Robert Jackson, os resultados sobre o etano e o propano (encontrado tamén en 10 dos pozos analizados) son "novos e moi difíciles de refutar".

A polémica está servida

"Non hai unha fonte biolóxica de etano e propano na rexión que estudamos e o gas de Marcellus é rico en ambos os dous gases", explica Jackson. Os investigadores, ademais, realizaron análises isotópicas dos átomos de carbono para comprobar a procedencia dos gases encontrados. "Os datos sobre o metano, o propano e o etano e as novas evidencias obtidas dos isótopos dos hidrocarburos e do helio suxiren que as perforacións afectaron á auga dalgunhas vivendas próximas", asegura o investigador do departamento de ciencias ambientais da Universidade de Duke (EUA).

"Nunha minoría de casos, o gas mesmo se parece moito ao de Marcellus, probablemente debido a unha construción defectuosa do pozo," di Jackson. Non obstante, dende Shale Gas España, a plataforma que xunta ás empresas interesadas en extraer este combustible no Estado español, dubidan da fiabilidade dos resultados obtidos por Jackson e o seu grupo. "Que encontrasen estes gases en augas de pozos de auga non demostra nada. Nesa zona de Pennsylvania hai contaminación das augas de forma natural porque estes gases están a moi pouca profundidade e están realmente mesturados", explica Rafael López, xeólogo de Shale Gas España.

Segundo este voceiro da industria do 'fracking', para saber realmente se a contaminación ten que ver con este método de extracción habería que facer moitas máis probas xeolóxicas. Na súa opinión aínda fai falta moita máis investigación para "chegar ao fondo do asunto".

 

Fonte: Elmundo

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS