Financiado por:
/ Medio ambiente

As ameazas mineiras de Galicia

15-02-2013 - Medio ambiente

A megaminería contaminante prevé asentarse con forza en Galicia, que xa é a cuarta comunidade autónoma en produción mineira, con máis de 520 explotacións activas, malia ser o sétimo territorio en superficie. Os antecedentes de moitos destes proxectos, nada exemplares no seu respecto á lei e ao medio ambiente, poñen en alerta a numerosos colectivos e expertos que advirten do perigo de que esta febre mineira "arrase" o país.

As promesas (e as inmensas necesidades) de emprego, o desleixo das administracións e as facilidades que a Xunta lle está a poñer ás empresas mineiras ábrenlle o camiño a polémicos proxectos que saben que o momento "é o idóneo" para intentar instaurar os seus negocios sen os reproches sociais nin públicos que si aturarían noutras épocas.

Por todo isto, expertos e plataformas sociais intentan aumentar a presión cidadá que faga cambiar de rumbo a unha Xunta que pon alfombra vermella a polémicas instalacións como a mina a ceo aberto que se montará en Corcoesto. As promesas de postos de traballo, aínda que poucos e xeralmente temporais, abondan para agochar o grave impacto medioambiental, económico e social que adoitan ter estes proxectos.

En Galicia, son varios os que prevén instalarse ou que contan cun importante rexeitamento social nos últimos meses.

A mina de Corcoesto e outras minas a ceo aberto

Esta mina a ceo aberto prevé extraer 1,6 gramos de ouro por tonelada de rocha o que, segundo Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e investigador do CSIC, deixaría "grandes feridas" na terra. "Por cada quilo de ouro, ademais de consumirse 128 quilos de cianuro no proceso, xeraríanse 4.000 toneladas de lixo e detritos que conterían, finamente moído e moi soluble, 250 quilos de arsénico antes preso dentro das rochas e pouco soluble", advirte. 

En Corcoesto, xeraríanse 4.000 toneladas de lixo e consumiríanse 128 quilos de cianuro por cada quilo de ouro

Edgewater, a empresa mineira canadense que con continuas polémicas prepara a explotación de Corcoesto, tamén puxo os olllos nas Foxas de Santa Comba. Ademais, hai previstos outros cinco proxectos de minería a ceo aberto de ouro e prata en territorio galego.

As terras raras da Serra do Galiñeiro

Neste caso, é unha multinacional surafircana a que xa realiza traballos de prospección para a futura apertura dunha mina de coltan e terras raras. Este proxecto tería un grave impacto sobre a Serra do Galiñeiro, tanto no medio ambiente, como na sociedade e na propia paisaxe. Os colectivos contrarios a esta instalación lembran que unha mina semellante de China acabou por envelenar auga, cultivos e habitantes a través das toxinas resultantes da explotación, tal e como aclaraba un informe da axencia Reuters.

Este proxecto de mina a ceo aberto busca xa minerais básicos para a fabricación de móbiles, coches híbridos ou turbinas eólicas. Uns corenta colectivos sociais presentaron alegacións. Ademais, noutras zonas como Cartelle ou Ramirás, en Ourense, tamén hai unha forte oposición aos proxectos mineiros que prevén extraer wolfram.

 A contorna das Fragas do Eume

No contorno do parque das Fragas do Eume, segundo denuncia Serafín González, prepárase a apertura dunha mina de andalucita a só 50 metros da beira do Parque Natural, na confluencia do río principal e algúns dos seus afluentes.

Detrás deste xacemento atópase Picobello Andalucita, empresa británico-surafricana que recibiu o visto e prace da Xunta a través dunha Declaración de Impacto Ambiental positiva. Numerosos colectivos ecoloxistas posicionáronse en contra da decisión.

Proxectos mineiros na Terra Cha

A concesión dos permisos de explotación de varias minas de cuarzo na comarca lucense da Terra Cha foi obxecto de polémica entre a empresa Erimsa e os gandeiros da zona, que se opoñen, apoiados polos sindicatos agrarios e outros colectivos sociais, á implantación destas canteiras. De feito, a propia empresa demandou os concellos de Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza ao entender que as administracións locais deses municipios tiñan que concederlle as correspondentes licenzas para a extracción de cuarzo por silencio administrativo.

A empresa Erimsa demandou varios concellos por entender que debían concederlle licenza para a extracción de cuarzo

Hai tan só uns días, o Tribunal do Contencioso-Administrativo Número 1 de Lugo desestimou a demanda da empresa Erimsa contra o Concello da Pastoriza na que reclamba a concesión da licenza de actividade para oñer en marca a mina por silencio administrativo.

A mina de feldespato en Xinzo

Son varios os colectivos que amosan o seu frontal rexeitamento ao proxecto mineiro a ceo aberto para a extracción de feldespato en Xinzo de Limia, xa que, como advirte o SLG, "atentaría directamente contra os intereses das explotacións agrarias da zona".

O proxecto mineiro afecta máis de 400 hectáreas de terras agrarias nas parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane. Nestas parroquias, téñense investido millóns de euros do erario público en concentracións parcelarias e diversas infraestruturas para potenciar o uso agrícola do solo, un dos máis ricos e fértiles da bisbarra, como melloras de vías de comunicación ou regadío. Do mesmo xeito, as familias que traballan estas terras tamén teñen feito investimentos millonarios para poder facer posible unhas producións agrarias que esixen un alto grao de mecanización, tal e como recorda o Sindicato Labrego Galego.

 Fonte: praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS