Financiado por:
/ Medio ambiente

Aprobación do proxecto de Lei de Parques Nacionais

29-01-2014 - MEDIO AMBIENTE

O Proxecto de Lei de Parques Nacionais abre a porta a actividades prohibidas ata agora e introduce unha perigosa excepción para a transformación urbanística nos parques, poñendo en risco a esencia da rede.

O proxecto de lei enfróntase á oposición de Ecoloxistas en Acción, doutros moitos grupos ambientais, de comunidades autónomas e do propio Consello de Estado, que ve indicios de inconstitucionalidade.

A posibilidade de urbanizar e edificar dentro dos parques xa existentes, a navegación turística en Monfragüe, o voo sen motor en Guadarrama. Trátase de "toda unha serie de excepcións á carta que se inclúen no proxecto de lei para fomentar actividades turísticas e económicas en beneficio da rendibilidade particular e en prexuízo dos parques nacionais como figura de máxima protección", explica Theo Oberhuber, voceiro de Ecoloxistas en Acción. En lugar de asegurar a súa conservación, incorpóranse actividades de negocio de alto impacto.

O Proxecto de Lei recoñece aos "titulares de dereitos" (como propietarios de terreos, xestores de coutos de caza...) máis capacidade de influír que ao resto da sociedade. Non regula o control de poboacións, de forma que se poderá seguir practicando a caza de forma camuflada. Tamén elimina a necesidade de elaborar os PORN (Plans de Ordenación dos Recursos Naturais) e concede ao Ministerio de Defensa a potestade de realizar informes vinculantes que serán decisivos á hora de declarar novos parques e o seu trazado.

O Consello de Ministros aproba o Proxecto da Lei de Parques Nacionais malia a oposición xeneralizada. Esta semana coñeceuse o ditame contrario do Consello de Estado, que estima que a totalidade da lei debería reconsiderarse para asegurar a coherencia do novo modelo coa extensa xurisprudencia do Tribunal Constitucional.

Ecoloxistas en Acción considera que diversas disposicións poden ser declaradas inconstitucionais, como expresou o Consello de Estado, o que é máis que probable que se presenten varios recursos á lei unha vez aprobada. Tras varios anos será novamente o Tribunal Constitucional quen teña que decidir a regulación dos parques nacionais, cos graves riscos que iso supón.

Existe o perigo engadido de que se incorporen novas actividades e excepcións durante a tramitación parlamentaria, atendendo ás presións de diferentes grupos.

Na actualidade, existen 15 Parques Nacionais, que ocupan unha superficie de 381.716,49 hectáreas e acollen unha gran riqueza de fauna e vexetación, así como as especies máis emblemáticas do Estado. A última incorporación foi a do Parque Nacional da Serra de Guadarrama (33.960 hectáreas), entre Madrid e Castela e León, tras unha tramitación de dez anos e que concluíu o pasado xuño.

 

Fonte: Redacción Ambientum/ Ecologistas

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS