A sostibilidade do medio ambiente non extermina empregos01-03-2013 - MEDIO AMBIENTEO coordinador do Programa de Empregos Verdes da OIT, Peter Poschen, fala sobre as oportunidades para empresas e traballadores na transición cara a unha economía verde. | ![]() |
|---|
A medida que aumenta o impacto do cambio climático, tamén incrementa a comprensión de que é necesario transformar a economía mundial cara a un modelo máis verde e sostible.
Pero cal será o custo? É un prezo que as economías en desenvolvemento, as máis afectadas, poden pagar?
A resposta é afirmativa, se o facemos correctamente.
Coas políticas apropiadas e a súa correcta implementación, o cambio cara a unha economía máis verde podería producir un dobre beneficio: ambiental e social. Ten o potencial de crear un incremento neto de entre 15 e 60 millóns de novos empregos ao longo das próximas dúas décadas, se se compara co que podería achegarnos o escenario actual. Ademais, podería axudar a decenas de millóns de persoas a saír da pobreza.
Pero non será doado.
Algúns postos de traballo e empresas desaparecerán, en especial nos sectores con altas emisións de carbono, os cales representan entre 10 e 20 por cento do emprego na maioría dos países.
Pero xurdirán novos empregos e empresas a medida que a transición cara a unha economía máis respectuosa do medio abra novos mercados, estimule a innovación ecolóxica e atraia investimentos.
A maioría dos escenarios suxiren que as repercusións netas sobre o mercado laboral serán positivas, se se adoptan as medidas correctas para orientar esta transición.
Decenas de millóns de empregos xa foron creados grazas a esta transformación. Países tan diversos como Alemaña, Kenya e a República de Corea, por exemplo, están a investir na explotación de fontes enerxéticas, na eficiencia enerxética e nas enerxías renovables.
Só na Unión Europea, existen ao redor de 15 millóns de empregos vinculados, directa ou indirectamente, coa protección da biodiversidade e a rehabilitación dos recursos naturais. En Alemaña, un programa de renovación de edificios dirixido a mellorar a eficiencia enerxética crea uns 300.000 empregos cada ano.
Brasil conta con ao redor de tres millóns de empregos - preto de 7 por cento do emprego formal - en sectores e ocupacións que contribúen a reducir o impacto sobre o medio.
En Estados Unidos, preto de tres millóns de persoas teñen empregos en sectores relacionados coa produción de bens e servizos ambientais.
O ímpeto é evidente, pero é necesario intensificar os esforzos para desenvolver estratexias nacionais dirixidas a incorporar tecnoloxías limpas e empregos verdes simultáneamente.
A duración e a dificultade desta transición dependerán en gran parte da planificación. O desenvolvemento de competencias é unha das claves para liberar o potencial de emprego dunha economía con baixa emisión de carbono.
Isto supón dotar aos mozos de hoxe coas cualificacións que serán necesarias mañá, e outorgar prioridade a todos os niveis de educación, comezando pola sensibilización dos nenos ao respecto do medio.
O déficit de cualificacións xa está a atrasar a transición na maioría dos países e sectores. En moitos casos, a demanda foi subestimada e a formación de competencias non logrou responder ás necesidades dos sectores e das profesións verdes que contribúen á ecoloxización das empresas na economía en xeral.
Os gobernos e os provedores de formación deben traballar en estreita colaboración coa industria co fin de garantir que os plans de estudo se manteñan actualizados en relación ás novas tecnoloxías e profesións, como os deseñadores ecolóxicos ou os asesores en emisións de carbono, así como en ocupacións cuxos perfís profesionais están a cambiar considerablemente, dende os traballadores da construción ata os responsables da loxística.
A crise mundial do emprego xuvenil fai que o problema sexa aínda máis urxente. Os mozos que adquiren competencias para a economía verde dispoñen dunha importante vantaxe competitiva nun mercado laboral restrinxido.
Nos países en desenvolvemento, os investimentos nos sectores verdes xeran a creación de novas empresas verdes, e ofrecen a oportunidade de crear empregos. A formación en materia de iniciativa empresarial pode ser de grande axuda para alcanzar este obxectivo.
En Kenya, por exemplo, 600.000 mulleres e homes novos foron alcanzados por un programa que promove o desenvolvemento da iniciativa empresarial entre os mozos. En Zambia, foron creados novos empregos e empresas na construción sostible de edificios co fin de reducir o déficit de vivendas.
Os desafíos que formula o abandono dunha economía con altas emisións de carbono son enormes. Pero é un investimento que non podemos deixar de facer.
Este artigo foi publicado inicialmente polo Huffington Post e é parte dunha serie especial sobre o Programa de Empregos Verdes da OIT.