Financiado por:
/ Medio ambiente

A proposta de Real Decreto pecha as portas ao autoconsumo e prexudica a empresas e consumidores

10-09-2013 - ENERXÍA

Atrasa a introdución de competencia no sector, mingua a liberdade de elección dos consumidores, ademais de prexudicar a competitividade empresarial. Péchanse as portas ao autoconsumo e á xeración distribuída en redes eléctricas intelixentes. O Real Decreto é contrario ás Directivas Europeas 2002/91/CE, 2012/27/CE, 2009/72/CE, 2009/28/CE

A Plataforma para o Impulso da Xeración Distribuída e o Autoconsumo Enerxético valora moi negativamente a reforma que supón o contido desta Proposta de RD.

As asociacións que a compoñemos levamos esperando unha regulación clara e sen ambigüidades das modalidades de subministración mediante Autoconsumo. Con carácter xeral, entendemos que este contén disfuncións e incoherencias que impiden o cumprimento dos seus obxectivos, e que polo tanto deberían ser tidas en conta.

Son tales as disfuncións detectadas na Proposta de RD que, ao contrario que nos países do noso ámbito, no caso español pode provocar unha paralización total da industria fotovoltaica, eólica de pequena e media potencia e doutras tecnoloxías renovables aplicadas ao autoconsumo como consecuencia da indebida creación das novas peaxes baixo o concepto de "Peaxes de respaldo", que, na práctica, fan inviable o autoconsumo.

Négase a contribución do autoconsumo á eficiencia enerxética do sistema, coa consecuencia de que tales instalacións de autoconsumo se ven penalizadas con cargo á rede de transporte e distribución, sen que cheguen a empregala.

Así mesmo, a Proposta de RD incorre tamén nunha infracción do Dereito Comunitario aplicable, en relación coa Directiva 2009/72/CE, do 13 de xullo, do mercado interior da electricidade e tamén con respecto á Directiva 2009/28/CE, do 23 de abril, de fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables. Ademais, a nova norma non resolve a inseguridade xurídica existente e é contraria ao fomento da competitividade empresarial, ao impedir que unha pequena industria queira investir en optimizar a súa factura eléctrica. En definitiva fai primar o interese particular contra o interese xeral.

Noutro sentido, a Plataforma considera que o Real Decreto dificulta moi seriamente calquera política activa a favor da eficiencia enerxética, que é unha das formas de aforro máis viables para o noso país, e pon moi en interdito un obxectivo clave da Comunidade Europea para o ano 2020, como é lograr unha mellora do 20% na eficiencia enerxética ata esa data.

Por todo iso, dende a Plataforma para o Impulso da Xeración Distribuída e o Autoconsumo Enerxético solicitamos que se teñan en consideración as nosas alegacións, de cara a unha modificación do Real Decreto e para evitar a paralización no sector do autoconsumo. Cremos que estamos aínda a tempo de evitar os problemas que comporta a proposta de Real Decreto para o noso sector. Ademais estamos convencidos de que a nosa solicitude está aliñada co interese dos consumidores e apelamos á Directiva 2009/28/CE do 23 de abril de fomento do uso de enerxía procedente renovable, que esixe que as peaxes non supoñan unha discriminación da electricidade procedente de fontes de enerxía renovable e que fomenten a xeración distribuída.

O desenvolvemento dun modelo de xeración distribuída apoiado no autoconsumo con balance neto e no autoconsumo instantáneo sen vertedura a rede debería servir como vector básico para o despregamento das redes eléctricas intelixentes e achegaría un importante valor ao país no seu conxunto, estimularía localmente o emprego e a actividade económica, sería ademais un factor máis de eficiencia e competitividade para toda a industria e servizos, cumprindo así cos obxectivos fixados pola Unión Europea.

Todo iso dirixido aos obxectivos ambientais subscritos polo Estado e diminuíndo, ademais, a dependencia enerxética futura en combustibles importados. En suma, trátase dunha ocasión perdida para desenvolver un mercado eléctrico máis competitivo e centrado no consumidor, mellorar a nosa competitividade, crear emprego duradeiro e de valor engadido no noso país.

 

Fonte: Ambientum/PIGDAE

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS