Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A prohibición do chumbo na gasolina reduciu a súa presenza na atmosfera

14-03-2013 - MEDIO AMBIENTE

A pesar dos efectos beneficiosos dunha medida como a prohibición da gasolina con chumbo, ningún estudo se encargara ata agora de estudar a evolución temporal das súas concentracións no aire, así como a evolución da carga corporal do chumbo na poboación infantil española.

Por iso, expertos do Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) de Epidemioloxía e Saúde Pública analizaron os valores medios anuais de chumbo no aire medidos en Madrid, Gijón, Sabadell, Barcelona, Tarragona, Valencia e Bilbao entre 1986 e 2010.

A diminución das concentracións de chumbo no aire é ben clara entre 1991 e 1999, tras a promulgación do Real Decreto de 1988 que limitaba a 0,15 gramos por litro os valores máximos deste metal na gasolina a partir de 1991.

Á súa vez, co novo Real Decreto de 1999 o límite máximo permitido de chumbo na gasolina reducíase a 0,005 gramos por litro. Isto traduciuse nunha diminución do 63% dos niveis de chumbo no aire entre 1992 e 2001, ano no que se prohibiu definitivamente a venda de gasolina con chumbo no estado español (Real Decreto 785/2001).

Así, cidades como Madrid, por exemplo, pasaron de concentracións atmosféricas de chumbo que rozaban os 0,6 microgramos por metro cúbico en 1990 a niveis moi inferiores aos 0,1 en 2010.

Os nenos, os máis vulnerables

O traballo tamén describe como influíu a nova lexislación na saúde da poboación infantil, a máis vulnerable a este potente axente neurotóxico, xa que a barreira hematoencefálica que protexe ao cerebro da exposición a substancias tóxicas non está totalmente formada ata seis meses despois do nacemento.

Despois de revisar a bibliografía existente sobre concentracións de chumbo nos nenos españois, este estudo tamén puido constatar unha tendencia decrecente entre 1989 e 2008. A media de concentracións de chumbo en sangue observado na poboación infantil española polos traballos revisados nesta investigación foi de 21,79 microgramos por decilitro entre 1989 e 1991, moi por enriba do valor establecido como seguro pola Organización Mundial da Saúde (10 microgramos).

Esta cantidade reduciuse un 80% entre 1992 e 2001, cando entraron en vigor os decretos que reducían os límites de chumbo na gasolina, ata se situar nunha media de 4,20 microgramos por decilitro de sangue. Entre 2002 e 2008, xa coa prohibición definitiva da gasolina con chumbo, a concentración deste metal en sangue infantil diminuíu ata unha media de 1,12 microgramos.

 

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS