Financiado por:
/ Medio ambiente

A mina de Corcoesto pon en perigo máis de mil explotacións agrogandeiras

18-01-2013 - MEDIO AMBIENTE

Todas as actividades agrogandeiras da zona ameazadas. Así o advirte o Sindicato Labrego Galego (SLG), que fai público nun comunicado o seu "rexeitamento máis absoluto" ao proxecto mineiro que a empresa canadense Edgewater Corporation ten previsto en Corcoesto para a estracción de ouro. Segundo a organización agraria, esta mina a ceo aberto terá "un irreversible impacto" sobre as explotacións gandeiras de toda a bisbarra.

Concretamente, o SLG advirte de que están en perigo máis de 1.000 explotacións agrogandeiras en activo que dan traballo a 1.350 persoas, segundo se tira dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística referentes ao número de unidades de traballo agrícola. Xa que logo, 404 explotacións da Cabana, 596 de Coristanco e 349 de Ponteceso verían a súa actividade ameazada nunha comarca que, como tantas do rural galego, "ten boa parte do seu peso económico baseado nos sectores primarios".

Porque tal e como levan denunciando meses as organizacións ecoloxistas e veciñais, a actividade mineira para a extracción de ouro en Corcoesto suporía durante dez anos a expropiación ou adquisición directa de 773 hectáreas de terras, o consumo de 2.800 millóns de litros de auga, a xeración de máis de 17 millóns de toneladas métricas de refugallos tóxicos ou a utilización de unha tonelada e media de cianuro de sodio cada día. Ademais, a estes riscos habería que engadirlles o impacto medioambiental que causarán as voaduras, unhas 238 ao ano, xa que "poden esparexer partículas contaminantes nun radio de trinta quilómetros".

O SLG lembra tamén que Coristanco e Cabana son concellos incluídos na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e recorda que se o radio de impacto das voaduras se aumenta, "estarían tamén ameazados" os pasteiros de comarcas eminentemente gandeiras como Terra de Soneira, Xallas, A Barcala ou Ordes. Incluso alertan das dificultades para "facer agricultura ecolóxica" en todo o noroeste da provincia da Coruña.

Así, e segundo o SLG, con estes datos na man, os 271 postos de traballo temporais que daría a empresa (só se manterían durante os dez anos de explotación) "non xustifican poñer en perigo millleiros de empregos relacionados cunha actividade permanente como a agrogandeira, clave na vertebración económica e social de todo o territorio afectado". "Permitir que Edgewater Corporation leve para adiante un proxecto mineiro tan prexudicial sentaría un perigoso precedente" que segundo o sindicato "ameazaría outros municipios eminentemente gandeiros de Bergantiños, Ferrolterra, Arzúa ou Terra de Melide", onde tamén existe a posibilidade de solicitar concesións para a extracción de ouro e afíns segundo se desprende da orde do 7 de xullo de 2011 (publicada no DOG o 20 de xullo dese ano) na que se convoca o concurso público de terreos para extracción de minerais na provincia da Coruña.

O Sindicato Labrego Galego insiste na súa oposición frontal ao proxecto mineiro de Corcoesto e anuncia que colaborará cos colectivos e organizacións "que loiten contra o seu desenvolvemento", e que ofrecerá "apoio e asesoramento ás explotacións agrogandeiras afectadas".

 

Fonte: praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS