Financiado por:
/ Medio ambiente

A enerxía xeotérmica da península ibérica pode xerar cinco veces a capacidade eléctrica actual

13-06-2014 - ENERXÍA

Investigadores da Universidade de Valladolid estimaron canta electricidade se podería obter coa calor que se almacena baixo os dez primeiros quilómetros do territorio peninsular. Os resultados indican que ao redor de 700 gigavatios, o que quintuplica toda a capacidade eléctrica instalada na actualidade. Galicia, Castela e León, Andalucía e Cataluña son as comunidades co maior potencial.

A temperatura aumenta 30º C cada quilómetro que se descende baixo terra. Este gradiente térmico, xerado polo fluxo de calor do interior da Terra e a desintegración dos elementos radiactivos na codia, produce enerxía xeotérmica. Preto de 500 centrais en todo o mundo xa a utilizan para xerar electricidade, aínda que no Estado español aínda non hai ningunha.

Non obstante, o subsolo da península ibérica ten capacidade para producir ata 700 gigavatios se se explotase este recurso con sistemas xeotérmicos estimulados (EGS, polas súas siglas en inglés) a entre 3 e 10 quilómetros de profundidade, onde as temperaturas superan os 150º C. Así o confirma un estudo que enxeñeiros da Universidade de Valladolid (Uva) publican na revista Renewable Energy.

"A explotación dun sistema EGS pasa pola inxección dun fluído -auga ou dióxido de carbono- para extraer enerxía térmica da rocha situada uns poucos miles de metros baixo a superficie, e cuxa permeabilidade mellorouse ou estimulouse previamente con procesos de fracturación", explica César Chamorro, un dos autores. "Despois, o fluído quentado lévase arriba á central xeotérmica, onde se produce electricidade, xeralmente mediante un ciclo binario (con intercambio de calor entre a auga e un líquido orgánico), e vólvese inxectar ao depósito nun ciclo pechado".

Aínda que existen estacións EGS experimentais en países como EUA, Australia e Xapón, só hai unha conectada á rede: a de Soultz-sous-Forêts en Francia. O resto das centrais xeotérmicas actuais están nas poucas zonas da Terra onde se producen anomalías térmicas e presenza de auga quente a pouca profundidade.

"Non obstante, os recursos EGS distribúense de forma ampla e uniforme, polo que o seu potencial é enorme e podería proporcionar unha potencia significativa a medio ou longo prazo, de forma constante as 24 horas do día", destaca Chamorro, que compara: "Os 700 GW eléctricos que indica o estudo representan aproximadamente unhas cinco veces a actual potencia eléctrica instalada en España, se sumamos a dos combustibles fósiles, a nuclear e a renovable".

O potencial técnico e o potencial renovable

"Mesmo se limitamos o cálculo ata os 7 km de profundidade -engade-, o potencial alcanza os 190 GW; e entre os 3 e 5 km sería 30 GW". Todos estes datos fan referencia ao chamado 'potencial técnico', que supón un arrefriamento (mediante auga) de 10º C en rochas que estean polo menos a 150º C para extraer unha fracción de enerxía durante un período de explotación de 30 anos.

Existe outro potencial, o renovable ou sostible, que só considera a enerxía eléctrica que se podería obter se se aproveitase o fluxo térmico ao ritmo que chega á codia dende o interior da Terra. Este valor é significativamente menor, e no caso de España estímase en 3,2 GW. "Parece pouco, pero é o equivalente a tres centrais nucleares", apunta o enxeñeiro, quen aclara que o límite de potencia instalable sería un valor intermedio entre o potencial técnico e o renovable.

Segundo o estudo, as rexións nas que se alcanzan maiores temperaturas a menores profundidades, e polo tanto, con maior potencial xeotérmico e susceptibles de estudos máis detallados para o seu desenvolvemento, son Galicia, oeste de Castela e León, Sistema Central, Andalucía e Cataluña. O motivo é que no seu subsolo hai maior fricción entre placas do zócolo e presenza de materiais graníticos. Os resultados son unha referencia a escala rexional, polo que a instalación dunha central goetérmica nun lugar concreto requiriría estudos máis detallados.

Para estimar as temperaturas a distintas profundidades (dende os 3.500 m ata os 9.500 m de profundidade) os investigadores teñen partido do fluxo de calor e temperaturas a 1.000 m e 2.000 m que ofrece o Atlas de Recursos Xeotérmicos de Europa, así como do datos térmicos da superficie terrestre que facilita a NASA.

Con esta mesma información aplicada a toda Europa os investigadores publicaron outro estudo, na revista Energy, onde comparan os potenciais de cada país. Turquía, Islandia e Francia son os que presentan maior potencial. En conxunto, o potencial técnico do continente supera os 6.500 GW eléctricos.

Respecto á implantación da tecnoloxía EGS, os autores recoñecen que aínda hai problemas importantes que se deben investigar, como as técnicas idóneas de perforación, a mellor forma de fracturar a rocha ou como operar ciclos termodinámicos avanzados.

"Pero cando se resolvan poderase pasar da viabilidade técnica alcanzada hoxe á viabilidade económica que permita a súa explotación comercial", apunta Chamorro. Segundo un informe do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), cun axeitado investimento en I+D, en 2050 poderíanse instalar 100 GW eléctricos con esta tecnoloxía en EUA.

"No caso do Estado español, os sistemas EGS tamén poderían ter unha contribución significativa ao mix enerxético nacional, reducindo a dependencia enerxética do exterior e diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro", conclúe o enxeñeiro.

 

Fonte: SINC

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS