Co financiamento de:
/ Medio ambiente

A cidade afógase nunha partícula

08-05-2014 - CONTAMINACIÓN

A calidade do aire que se respira na maioría das cidades do mundo empeora, alertou a Organización Mundial da Saúde (OMS), e con ela aumenta o risco de que a súa poboación padeza enfermidades respiratorias, coronarias e outras patoloxías relacionadas coa contaminación.

Case o 90% das urbes sobre as que se recompilaron datos -1.600 en 91 países- superan os niveis recomendados pola OMS dun tipo de contaminación, as partículas en suspensión, moi relacionado co tráfico, a industria e as calefaccións. Os datos volven chamar a atención sobre un problema ao que hai unhas semanas a OMS tamén puxo cifras. Estimou que un de cada oito falecementos no mundo se producen como consecuencia da exposición ao aire sucio: sete millóns en 2012.

"Temos visto que a situación empeora, sobre todo en países de crecemento económico rápido, os chamados emerxentes. Nos industrializados, os datos non melloran como viñan facéndoo nos últimos 20 ou 30 anos", sinala María Neira, directora do departamento de Saúde Pública e Medio da OMS.

Recompilar e facer pública esta base de datos, "a máis grande do mundo sobre calidade do aire e poboación urbana", pretende contribuír a "concienciar e mobilizar" sobre un problema que, insiste, "ten un impacto claro na nosa saúde". Ao teléfono dende Xenebra, Neira subliña que a OMS non quixo "castigar" ás cidades con peores datos expoñéndoas, senón "apreciar o seu traballo ao monitorizar a situación e estimular outras para que fagan o mesmo".

Os datos presentados onte actualizan unha base de datos que agora conta con 500 cidades máis que no anterior reconto, de 2011. Só o 12% destas urbes respiran o que a organización considera aire limpo, que no caso das partículas PM10 -chamadas así polo seu diámetro, inferior a 10 microns- é dunha media anual de 20 microgramos por metro cúbico. Peshawar e Rawalpindi, ambas as dúas en Paquistán, son as cidades máis contaminadas, con rexistros que multiplican ata por 27 os máximos recomendados: 540 e 448, respectivamente. Das 20 cidades con peor calidade do aire, a metade están na India. Nova Delhi marca 286.

Moi lonxe dos datos europeos, que roldan os 60 en cidades búlgaras e polacas e baixan ata os 11 de Reykjavik ou os 12 de Copenhaguen. En España, a cidade máis contaminada é La Línea da Concepción, con 33. Barcelona, con 25, e Madrid, con 22, superan as recomendacións da OMS, pero, como acontece no resto de Europa, os rexistros son dos máis baixos na clasificación mundial.

A metade da poboación urbana obxecto do estudo está exposta a niveis polo menos dúas veces e media superiores aos que a OMS recomenda non superar, recorda Neira. As causas son variadas: a dependencia dos combustibles fósiles, como nas plantas que producen enerxía con carbón; o transporte en vehículos privados; a escasa eficiencia enerxética nos edificios (como se quentan ou arrefrían e illan) e o emprego de biomasa para cociñar e para as calefaccións. "Hablamos de zonas urbanas, así que o transporte, o tipo de vehículos e a clase de combustible que usan, xoga un papel moi destacado", afirma a experta.

Os científicos apuntan aos vehículos que funcionan con motores diesel como os grandes culpables da mala calidade do aire de moitas cidades. Emiten máis partículas microscópicas e óxidos de nitróxeno que os de gasolina. A mediados de 2012 a OMS certificou que os fumes do diesel causan cancro de pulmón. A organización recomendou que se reduzan os valores límite de partículas PM2,5, tamén chamadas partículas finas (menos de 2,5 microns de diámetro), as que xera a combustión de carburantes fósiles, especialmente os vehículos diesel. Están compostas por elementos tóxicos, como metais pesados, e son moi perigosas porque, ao ser tan pequenas, penetran con facilidade nas vías respiratorias. Varios estudos relacionáronas coa mortalidade por causas cardiovasculares e respiratorias.

A base de datos da OMS tamén recolle as medicións de PM2,5 e mostra que Nova Delhi, cunha media anual de 153 microgramos por metro cúbico, é a cidade máis sucia do mundo para este contaminante. Das 20 cidades con peores rexistros, 13 están na India. A OMS ten establecidos 10 microgramos de media anual como o albor de protección á saúde. En Europa, os peores datos están en Polonia, con algunha cidade por enriba de 40, e en República Checa, con varias que superan os 30.

A finais de abril pasado a OMS revelou noutro informe que a contaminación é máis daniña para a saúde do que cría. O vínculo entre a exposición ao aire sucio e as enfermidades respiratorias, cardiovasculares, os accidentes cerebrovasculares (ictus) e o cancro resultou ser moito máis estreito. A organización cuantificou que uns sete millóns de mortes en 2012 se podían atribuír á contaminación, parte á atmosférica (2,6 millóns) e parte á interior (4,3), a que se produce dentro do fogar por cociñar con lumes abertos, estufas de carbón, leña ou biomasa.

A axencia da OMS que investiga o cancro (IARC, nas súas siglas en inglés) actualizou hai uns meses a súa clasificación e situou a contaminación ambiental no nivel 1, o máis alto, o das substancias sobre as que non cabe dúbida científica acerca da súa relación co cancro.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS