Financiado por:
/ Medio ambiente

A Unión Europea, vixiante ante a mina de Corcoesto

29-05-2013 - MEDIO AMBIENTE

A Comisión Europea de Medio Ambiente advirte que estará vixiante co proxecto mineiro a ceo aberto de Corcoesto e que exixirá á empresa Edgewater o cumprimento pleno da lexislación comunitaria en materia ambiental.

Fíxoo nunha resposta á plataforma Salvemos Cabana, que solicitara ao comisario europeo, Janez Potocnik, que avaliase o devandito proxecto ao entender o colectivo que se contradicía directamente coa resolución do Parlamento Europeo do 20 de abril de 2012 defendida polo seu propio departamento, na que pide os estados membros "que velen por unha aplicación plena e adecuada da lexislación da UE en materia de medio ambiente".

No escrito remitido a Salvemos Cabana, a Comisión aclara que xa solicitou ás autoridades do estado español "información detallada sobre o proxecto mineiro", así como "sobre o cumprimento do devandito proxecto coa lexislación ambiental da Unión Europea" e que analizará de xeito exhaustivo toda a documentación remitida "para garantir o pleno cumprimento da lexislación europea".

Dende a plataforma -e tamén segundo aseguran varias fontes expertas na lexislación medioambiental comunitaria- crese que o proxecto de Mineira de Corcoesto / Edgewater "é incompatible coa Directiva Marco da Auga", que establece un marco de acción comunitario no ámbito de política de augas e que naceu en orixe "coa vocación de protección do recurso hídrico e promover un uso sostible que garanta a dispoñibilidade deste recurso indispensable a longo prazo".

Tal e como aclara Salvemos Cabana, o obxecto da devandita directiva europea é establecer un marco para a protección das augas, "previndo a deterioración adicional e a protección e mellora dos ecosistemas acuáticos, así como dos ecosistemas terrestres dependentes e a redución da contaminación dos cursos fluviais superficiais e subterráneos", algo que para a plataforma "non é en absoluto compatible co uso de 1.100.000 litros de auga potable por día no proceso de recuperación do ouro ou no desvío dunha canle fluvial como o do río Lourido". Ademais, tamén lembra que se coñecen tres estudos científicos independentes publicados en prestixiosas revistas internacionais que certifican que a antiga actividade mineira realizada en galería a pequena escala e hai cen anos "está a contaminar sen remedio o río Anllóns cuns niveis de arsénico inasumibles que alcanzan os 850 quilos anuais vertidos ao esteiro fluvial".

Salvemos Cabana insiste en que a Comisión Europea debería valorar "se un proxecto como o da mina de Corcoesto é un ideal de sostibilidade que poida servir de referencia aos estados da Unión".

O anuncio da Comisión de Medio Ambiente da UE chega xusto no momento no que a empresa mineira Edgewater atópase en Bruxelas para defender ante as autoridades europeas o polémico proxecto, xunto con cargos políticos dos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco e dous profesores universitarios, todos eles apoiados por un dos lobbys industriais máis importantes do continente, a Asociación Europea de Industrias Mineiras (Euromines).

 

Fonte: praza.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS