Financiado por:
/ Medio ambiente

A UE prohibe tres insecticidas perigosos para as abellas

15-10-2018 - MEDIO AMBIENTE

O comité permanente de Plantas, Alimentación Animal e Alimentos, nos que sentan representantes dos 28 Estados membros e a Comisión Europea, apoiou a prohibición do uso ao aire libre de tres pesticidas considerados perigosos para as abellas.

Unha maioría de estados apoiou a proposta da Comisión Europea que permitirá restrinxir aínda máis a utilización de  clotianidina,  imidacloprid e  tiametoxam, tres substancias  neurotóxicas, producidas polo fabricante alemán Bayer e a suíza  Syngenta, que atacan o sistema nervioso dos insectos e cuxo uso xa estaba restrinxido dende o 2013, por mor dunha primeira avaliación negativa da Axencia Europea para a Seguridade Alimentaria,  EFSA.

A proposta, que inclúe a prohibición de calquera uso exterior dos tres citados pesticidas (só poderán utilizarse en invernadoiros onde non haxa risco de exposición para as abellas), foi adoptada tras o apoio recibido dunha maioría cualificada de Estados membros que representan o 76,1% da poboación europea. O Estado español, Francia, Alemaña, Holanda, Reino Unido, Italia, Austria, Suecia, Grecia, Portugal, Irlanda, Eslovenia, Estonia,  Chipre, Luxemburgo e Malta votaron a favor da prohibición; catro países votaron en contra (República checa, Dinamarca, Hungría e Romanía), e oito, entre eles Bélxica, abstivéronse.

A Comisión Europea recibiu a decisión con satisfacción porque “a saúde das abellas segue sendo dunha importancia crucial” debido a que “afecta á biodiversidade, a produción alimentaria e o  medioambiente”, valorou o comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria,  Vytenis  Andriukaitis.

O regulamento será aprobado nos próximos días e a Comisión Europea confía en que entre en vigor para finais de ano.

O Tribunal Xeral da UE confirmou en maio de 2018 a validez das restricións introducidas en 2013, por mor dos recursos das dúas empresas comercializadoras dos tres  neonicotinoides, Bayer e  Syngenta, contra as mencionadas restricións. Ligazón ao comunicado de prensa do Tribunal Xeral da Unión Europea.

Actualmente hai cinco  insecticidas  neonicotinoides aprobados na UE como substancias activas para a súa utilización na protección de plantas. Ademais dos tres en cuestión, o  acetamiprid e o  thiacloprid. O primeiro, segundo a  EFSA, presenta un risco baixo para as abellas polo que a súa prohibición ou restrición non serían “nin cientificamente nin legalmente apropiadas polo que Bruxelas lanzou o ano pasado o proceso para renovar a súa autorización que xa foi aprobada ata o 28 de febreiro de 2033. No caso do  tiacloprid, cuxa autorización expirou o pasado 4 de abril, a Comisión Europea considera que é un candidato para ser substituído debido a que está considerado como un  disruptor  endocrino.

Fonte: El Periódico

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS