A UE desenténdese da contaminación das rías12-07-2013 - MEDIO AMBIENTEO PE conxela o expediente sobre este tema. Os grupos non se poñen dacordo sobre os documentos e os procedementos a seguir. Algúns partidos piden medidas "contundentes" e non só abrir un texto e enmendalo ata setembro. |
|---|
A comisión de Peticións do Parlamento Europeo (PE) decidiu conxelar o informe sobre a contaminación das rías galegas pola falta de acordo entre os eurodeputados para pactar un texto de recomendacións a ter en conta polas autoridades nacionais, rexionais e locais.
A presidenta da comisión de Peticións do PE, Erminia Mazzoni, accedeu a consultar aos servizos xurídicos para aclarar o procedemento a seguir despois de que algúns eurodeputados non estivesen de acordo con simplemente abrir un texto a emendas até o mes de setembro.
A decisión desa comisión europarlamentaria supón que o informe queda paralizado ata que se resolvan as súas dúbidas xurídicas. Deste xeito, o documento non poderá ser aprobado nin tampouco emitirse recomendacións respecto diso.
O informe era o resultado dunha visita dos eurodeputados a Galiza a primeiros de ano para comprobar o tratamento das augas e os danos ambientais nas rías do Burgo, Ferrol e Vigo.
Críticas
O novo atraso na aprobación do informe foi criticado pola maioría de membros da comisión parlamentaria, que xa fai cinco meses que busca o consenso. Así, a parlamentaria Ana Miranda (BNG) suliñou que os galegos xa están "fartos" desta situación e destes retrasos porque a comisión do PE "non está a solucionar o problema de fondo, o saneamento das rías galegas".
Tamén o socialista Antolín Sánchez Presedo critictou que, tendo en conta que a misión a Galiza foi fai cinco meses, "o normal é que xa tivésemos unha resolución".
Pola súa banda, o eurodeputado do PP Francisco Millán Mon, dixo que o "barullo" en torno ao informe a Galiza "non parece serio" e mostrouse a favor do último documento nese sentido presentado polo relator, o conservador francés, Phillipe Boulland, sobre o que dixo é "positivo para Galiza"
O texto de Boulland
O texto de Boulland sinalaba que existen algunhas partes das rías seriamente danadas pola contaminación tras anos de "abandono" das autoridades públicas responsables a nivel nacional, rexional e local e critica a rápida urbanización e industrialización na rexión por non conter medidas para protexer o medio ambiente e asegurar a depuración das augas.
Sen embargo, o documento recoñece algúns dos esforzos levados a cabo de saneamento público e as melloras consecuentes dende os anos oitenta, cando había unha planta de tratamento de augas, até a data, na que se contan 151 en toda Galiza.
Galiciaconfidencial.com