Financiado por:
/ Medio ambiente

A Comisión Europea renuncia a lexislar sobre gas non convencional e só recomenda estudos de impacto

24-01-2014 - ENERXÍA

A Comisión Europea renunciou a lexislar sobre a extracción de gas non convencional mediante fracturación hidráulica ("fracking"), tal e como reclamaban a Eurocámara e os ecoloxistas, e limitouse a aprobar unha serie de recomendacións non vinculantes aos Estados membros para que estuden o impacto ambiental destas iniciativas e melloren a transparencia para os cidadáns.

As recomendacións sobre "fracking" forman parte do paquete de medidas sobre clima e enerxía presentadas este mércores polo Executivo comunitario. Bruxelas xustifica a falta de lexislación porque se lle pediu actuar de forma urxente e as recomendacións poden aplicarse de forma máis rápida. Impóñense así as teses dos países máis favorables ao gas non convencional, como Reino Unido ou Polonia, que rexeitaban a intervención da UE.

A diferenza de Estados Unidos, onde a revolución do fracking reduciu considerablemente a súa dependencia enerxética, en Europa aínda non hai produción comercial de gas lousa. Un total de 10 Estados membros concederon licenzas de prospección ou exploración nos últimos tres anos, entre eles o Estado español, pero estes traballos só se iniciaron en Dinamarca, Alemaña, Polonia, Romanía, Suecia e Reino Unido, segundo os datos de Bruxelas.

En Polonia xa se realizaron tests pilotos de produción e o Executivo comunitario cre que a produción podería empezar en 2015-2017 en países como a propia Polonia ou Reino Unido.

"O gas lousa está a dar esperanzas nalgunhas partes de Europa, pero tamén é motivo de preocupación entre a opinión pública", dixo o comisario de Medio, Janez Potocnik. "A Comisión está a responder aos chamamentos para actuar con principios mínimos que os Estados membros están invitados a seguir para abordar as preocupacións en materia de medio ambiente e saúde e dar aos operadores e investidores a preditibilidade que necesitan", xustificouse.

En particular, a recomendación de Bruxelas invita en primeiro lugar aos Estados membros a planificar con antelación e avaliar posibles efectos acumulativos antes de conceder licenzas, así como á examinar coidadosamente os impactos e riscos ambientais. Deberán garantir ademais que a integridade do pozo de extracción se axusta ás mellores prácticas.

O Executivo comunitario recomenda ademais aos Gobernos verificar a calidade do chan, o aire e a auga do lugar antes de que empecen as operacións, co obxectivo de controlar calquera cambio e poder facer fronte aos riscos que se formulen. Tamén formula controlar as emisións, incluíndo as de gases de efecto invernadoiro, capturando os gases.

Polo que se refire á transparencia, os Gobernos deberán informar a opinión pública sobre as substancias químicas utilizadas en cada pozo de extracción. Finalmente, deberán controlar que os operadores apliquen as mellores prácticas durante todo o proxecto.

Os Estados membros deberán aplicar os principios suxeridos pola Comisión nun prazo de seis meses e, a partir de decembro de 2014, informar cada ano a Bruxelas sobre as medidas que puxeron en marcha. O Executivo comunitario controlará a aplicación das recomendacións cun marcador público que comparará a actuación dos diferentes países. E nun prazo de 18 meses revisará se este enfoque é suficiente ou se require lexislación.

 

Fonte: Ambientum

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS