Financiado por:
/ Medio ambiente

Álvarez-Cascos defende a xestión realizada na catástrofe do Prestige

28-01-2013 - MEDIO AMBIENTE

O exministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos cualificou como "a máis correcta" a xestión da catástrofe marítima do Prestige, no xuízo que se celebra polo sinistro, e acusou de "inevitables" os danos ambientais. Mentres, eludiu calquera responsabilidade na cadea de actuacións como o afastamento do buque.

"Se un ministro non tiña que adoptar decisións técnicas, non tiña ningún sentido que lle consultasen decisións técnicas", sentenciou a preguntas do letrado de "Nunca Máis", ante o que xustificou a súa participación en cazarías en plena crise.

Preguntado se non vía "frívolo" irse de cazaría, manifestou que se a súa presenza "fose útil, estaría aquí", en referencia aos días que transcorreron entre o 13 de novembro -día do sinistro- e o 19 de novembro, cando se afundiu o buque.

 

Defensa de Sors

 Sobre a toma de decisións, dixo que estaba "perfectamente xerarquizada" no Plan Nacional de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de 2001, segundo o cal a última responsabilidade recaía no entón director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, único responsable da Administración española que se senta no banco dos acusados.

Non obstante, saíu na súa defensa afirmando que non se imaxinaba ao director dos Bombeiros de Nova York "sentado nun tribunal por non evitar que caesen as Torres Xemelgas", sinalou en referencia ao 11-S.

Preservar o medio

 No xuízo, Cascos apelou en reiteradas ocasións ao citado Plan para insistir en que "todo o proceso de decisións se adoptou seguindo os protocolos establecidos" -en contraposición coa tese da propietaria do barco, Mare Shipping, para quen non se cumpriu- e que o obxectivo foi "preservar a seguridade das vidas humanas e o medio".

Sobre a posibilidade de levar o barco a un porto refuxio, insistiu en que non existía "ningún candidato voluntario para recibir ao Prestige, aínda que precisou que non lle constaba que o exalcalde de A Coruña Francisco Vázquez se negase a refuxialo no Porto coruñés ou que Repsol fixera o mesmo en relación co seu terminal, ao tempo que descartou que puidera levarse á Ría de Corcubión ou á de Vigo.

Tamén negou que "sobre a mesa" estivera a posibilidade de bombardear o barco, -formulada polo entón ministro de Defensa, Federico Trillo, e que subscribiu o exalcalde de A Coruña Francisco Vázquez- porque esa "hipótese" non era tecnicamente "razoable" polo tipo de fuel que transportaba o barco.

Culpables do sinistro

 Fronte á defensa que fixo da xestión da Administración española e a súa convicción de que os danos fosen "máis graves" se non se afastase o Prestige, responsabilizou do sinistro á "cadea de empresas" ás que pertencía o buque e a carga e ao seu "afán desmedido de lucro".

"O que provocou os danos foi a rotura dun barco que non debía estar navegando", sentenciou o exministro de Fomento para quen "das molladuras non teñen a culpa os paraugas, senón a auga".

Así, ante a insistencia dos avogados sobre o seu papel nas decisións, manifestou que "tan malo" é que o chanzo inferior "invada" competencias dun superior como que "o chanzo superior invada responsabilidades que entran no ámbito técnico", apostilou.

Intereses do Estado español

 Non obstante, insistiu en que estivo "perfectamente informado" e que a cadea de dirección do Ministerio estivo "ben organizada". Ademais, recalcou que todas as decisións buscaron defender "os intereses xerais do Estado" fronte aos "mercantís".

Cascos, que acusou de "absolutamente falso" que ordenara mandar o barco "ao quinto piñeiro", culpou, en varias ocasións, do accidente ao estado do buque.

Como exemplo, puxo os 45.000 buques que, cando se produciu o sinistro, pasaban ao ano polo corredor de Fisterra. "Deles os 12.000 con mercadorías perigosas e só un buque rompeuse, será problema do buque", apostilou ao aludir ás causas do sinistro.

Outro dos temas que centraron o seu interrogatorio foi o papel do remolcador "Ría de Vigo" despois de que se apuntase que negociou un contrato privado coa empresa de rescate Smit Salvage para o remolque do Prestige.

Cascos evitou entrar en polémica e unicamente sinalou non ter datos de que "infrinxise" a normativa, aínda que admitiu que se abriu unha investigación. "Pero non recordo o resultado", apuntou.

 

Fonte: ambientum. com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS