Financiado por:
/ Igualdade

Xénero e cor de pel: unha dobre adversidade no traballo

04-02-2013 - IGUALDADE

As mulleres de minorías étnicas enfrontan unha dobre discriminación no lugar de traballo a causa da cor da súa pel e do seu xénero. Moitas fracasan cando presentan a solicitude de emprego só debido ao seu nome.

Cando a moza Jorden Berkeley, de 22 anos, graduada na universidade, comezou a buscar traballo, sorprendeuse ao non recibir respostas.

Nacida no Reino Unido de ascendencia caribeña, ela xamais imaxinou que o seu nome podería representar un problema. Pero unha asesora profesional suxeriulle que comezase a utilizar o seu segundo nome que ten un son máis inglés - Elizabeth - nas súas solicitudes.

"Aínda que o consello da asesora me sorprendeu, agreguei o meu segundo nome ao CV. Comecei a recibir respostas, non necesariamente ofertas de emprego, pero pasei da nada a entrevistas de traballo. Foi unha revelación. Falei cos meus amigos e familiares e descubrín que é algo que acontece con frecuencia. Tamén lin informes sobre mulleres musulmás que quitaban o veo para obter o traballo", contou Berkeley a OIT Noticias.

Zunade Wilson, tamén de 22 anos e de orixe caribeña, tivo unha experiencia similar. Recibía máis respostas cando utilizaba o seu segundo nome, Renatta. Cando comezou a traballar como asistente de aula, tamén tivo que enfrontar discriminación.

Levo o meu pelo de forma natural, teño un afro. Achegábase a data dunha inspección na escola e dixéronme que cando os inspectores estivesen na escola, tiña que facer algo co meu pelo, que tiña que telo máis arranxado. Respondín que o meu pelo crecía así e que non mo alisaría para compracelos".

Un informe do parlamento do Reino Unido sinalou que en 2011, a taxa xeral de desemprego para as mulleres descendentes de minorías étnicas superaba o 14 por cento, máis do dobre da taxa das mulleres brancas e máis alto que a taxa de desemprego dos homes descendentes de minoría étnicas.

Entre as mulleres de orixe paquistaní ou bengalí, a taxa de desemprego chegaba ata 20,5 por cento. Moitas mulleres pertencentes a estes grupos informaron que foran interrogadas sobre as súas intencións en relación ao matrimonio ou aos fillos debido aos prexuízos relacionados coa súa proveniencia étnica, sinala o informe.

Noutras partes do mundo, en particular en América Latina e nalgunhas zonas de Asia, as mulleres indíxenas con frecuencia son vítimas de discriminación cando entran no mercado laboral. Algunhas veces son ridiculizadas e están suxeitas a abusos verbais ou físicos porque levan os seus vestidos tradicionais no traballo.

"As mulleres indíxenas son obxecto de discriminación en todo o mundo, non só sobre a base do xénero, senón tamén a causa da súa identidade indíxena, orixe étnica, cor ou crenza relixiosa. Esta discriminación múltiple é especialmente evidente cando as mulleres, sobre todos as mozas indíxenas, entran o mercado de traballo e intentan progresar", afirmou Jane Hodges, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da OIT.

Múltiples formas de discriminación que persisten

Máis de 170 países ratificaron o Convenio (núm. 111) sobre a discriminación en materia de emprego e ocupación da OIT, que data de 1958. Non obstante, o informe máis recente sobre a Igualdade no traballo da OIT comprobou que a discriminación continúa sendo "persistente e multiforme", e agravouse coa crise económica mundial.

"A discriminación asumiu formas diversas, e a discriminación por motivos múltiples estase a converter na regra máis que na excepción", sostén o informe.

Segundo un estudo separado da OIT sobre a discriminación múltiple en moitas rexións do mundo, os criterios raciais que afectan aos homes musulmáns e os códigos de vestimenta dirixidos ás mulleres musulmás no lugar de traballo son cada vez máis frecuentes a causa das tensións políticas mundiais despois dos ataques a Estados Unidos o 11 de setembro 2001.

A dificultade, din os investigadores, é separar os motivos de exclusión vinculados á orixe nacional ou étnica, racial, relixiosa ou de xénero que se superpón.

Lisa Wong, especialista en materia de discriminación da OIT, dixo que a OIT identificou a discriminación racial como unha cuestión prioritaria. Wong está a supervisar a elaboración dunha guía sobre a promoción da diversidade étnica no lugar de traballo, que foi ensaiada en Sudáfrica a finais de xaneiro 2013.

"A pesar de que as normas do traballo que regulan a discriminación baseada na raza están ben establecidas dende hai moitos anos, tanto nos países industrializados coma nas economías en desenvolvemento, a discriminación baseada neste motivo, en especial cando se suma á de xénero, segue sendo un desafío", afirmou Wong.

A guía ofrecerá unha serie de medidas simples como a realización dunha auditoría sobre a diversidade étnica, a redacción e posta en práctica dunha política a favor da diversidade, e asesoría sobre como traballar coas organizacións de empregadores e traballadores co fin de sensibilizar aos xerentes e de mellorar a súa capacidade de resolver as reclamacións de xeito eficaz.

"Cando son implementadas e administradas correctamente, estas medidas poden contribuír non só a diversificar a forza de traballo, senón tamén a mellorar o acceso a novos e variados mercados de consumidores, o cal podería achegar beneficios á reputación da empresa e tamén potenciar as súas ganancias", agregou Wong.

 

Fonte: oit

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS