Financiado por:
/ Igualdade

Traballar moitas horas de pé durante o embarazo pode afectar ao tamaño do bebé

13-08-2012 - SAÚDE LABORAL

As mulleres que pasan longos períodos de pé durante o seu embarazo teñen bebés cuxas cabezas ao nacer son un centímetro (3%) máis pequenas que a media, o que implica unha taxa de crecemento máis lento.

Esta é unha das conclusións dun novo traballo liderado por investigadores de Rotterdam (Países Baixos) e publicado on line na revista Occupational and Environmental Medicine.


Os autores avaliaron as taxas de crecemento fetal mediante ultrasóns de 4.680 nais dende o inicio do embarazo ata o parto entre 2002 e 2006, así como as esixencias físicas do seu traballo: longos períodos de pé ou camiñando, carga de peso, quendas de noite e moitas horas de traballo.


Ao redor de catro de cada dez mulleres (o 38,5%) pasou moito tempo de pé e o 45,5% tiña que camiñar bastante. Por outra parte, levantar obxectos pesados era parte do traballo do 6%, mentres que en torno ao 4% traballaba en quendas de noite. A metade das mulleres (47,5%) traballaba entre 25 e 39 horas á semana, mentres que case unha de cada catro (23%) traballaba máis de 40 horas.



Investigacións anteriores xa suxerían que traballar moitas horas pode aumentar o risco de defectos conxénitos, nacementos prematuros, morte fetal e baixo peso ao nacer.


Os novos resultados indican que os bebés nacidos das mulleres que traballaban máis de 40 horas tiñan unha circunferencia de cabeza un centímetro menor e un peso máis baixo (entre 148 e 198 gramos) que os fillos de mulleres con menos de 25 horas semanais de ocupación laboral. Estas diferenzas foron evidentes durante os últimos tres meses de embarazo.



Non obstante, o traballo fisicamente esixente non se asocia con restricións no tamaño ou peso ao nacer nin con nacementos prematuros. É máis, segundo os autores, traballar ata as 34 ou 36 semanas de embarazo non ten ningún impacto adverso sobre o desenvolvemento fetal.



"En xeral, as mulleres que traballan teñen menos complicacións durante o embarazo, defectos conxénitos e mortes ao nacer que as mulleres que non teñen emprego, pero que non é posible acabar co risco que supoñen algúns aspectos do traballo", conclúen os autores.

 



Fonte de Datos: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS