Co financiamento de:
/ Igualdade

Perspectiva de Xénero e Prevención de Riscos Laborais

18-06-2024 - GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL-CIG

O obxectivo principal da prevención de riscos laborais é protexer a todas ás persoas traballadoras da exposición a aquelas situacións ou actividades laborais que poden provocar un dano na saúde. Por tanto, incorporar a perspectiva de xénero neste ámbito significa poñer o mesmo nivel de atención, de preocupación e de recursos aos diferentes tipos de riscos que causan danos á saúde.

 

 

                                                                                                      VISUALIZACIÓN EN FORMATO BOLETÍN

 

ACHEGAMENTO E CONTEXTUALIZACIÓN

Por que hai desigualdades de xénero no mercado de traballo

Un elemento fundamental para a incorporación da perspectiva de xénero na seguridade e a saúde laboral é ter en conta que hai desigualdades importantes nas condicións laborais e de traballo de mulleres e homes, que consecuentemente comportan desigualdades na exposición aos riscos laborais.

Na actualidade existe a percepción nesgada de que os homes están máis expostos aos riscos laborais e que as mulleres levan a cabo traballos que son máis “seguros”. Isto é debido a que a seguridade e a saúde laboral adóitanse focalizar nos accidentes de traballo.

Obviamente os accidentes de traballo e os problemas de saúde que se lles asocian son moi importantes, pero a atención case exclusiva aos accidentes comporta que os esforzos preventivos cubran só unha parte da saúde laboral, e que practicamente non teñan en conta o resto de riscos.

Este feito tamén implica que as necesidades de prevención da maioría das mulleres non se valoren suficientemente, porque nos postos de traballo que ocupan, a pesar de que tamén se ven afectadas polos accidentes de traballo, adoitan estar expostas a outros riscos, como os psicosociais e ergonómicos así como certos riscos hixiénicos.

As desigualdades de xénero no mercado de traballo

As desigualdades de xénero no mercado de traballo, que sitúan ás mulleres nunha posición de maior precariedade laboral, son causadas principalmente polo sistema sexo-xénero, que atribúe ás persoas unhas calidades e unhas habilidades diferentes segundo o sexo da persoa (estereotipos de xénero) e pola división sexual do traballo, que asignou ás mulleres a responsabilidade do traballo doméstico e de coidado, necesario na sociedade, e aos homes, o traballo produtivo e remunerado, vinculado ao mercado de traballo, facéndolles responsables do sostén económico familiar.

Esta estruturación social ten provocado desigualdades de xénero no mercado de traballo que condicionan a exposición aos riscos laborais.

As dificultades de acceso e permanencia no mercado de traballo

O medre mantido da taxa de actividade feminina nas últimas décadas ilustra a crecente incorporación das mulleres no mercado laboral.

A participación das mulleres no mercado de traballo en igualdade cos homes é un valor socialmente compartido, tal como ilustran varios estudos, entre os que se atopa o baseado en datos da Organización de Cooperación e Desenvolvemento (OCDE), segundo o cal unha gran maioría das parellas traballadoras con fillos/as menores de seis anos manifestan que prefiren un modelo de adicación a tempo completo de traballo remunerado por parte dos dous membros da parella.

Aínda que a taxa de actividade feminina aumentou, non toda esta incorporación á actividade laboral traduciuse en ocupación, dado que o desemprego afecta máis ás mulleres, exceptuando algúns períodos puntuais. Aínda así, as mulleres continúan sendo as máis afectadas polo desemprego de longa duración e se atopan en maior proporción entre as persoas que buscan o primeiro traballo.

Un aspecto que a miúdo queda relegado a un segundo plano é o impacto que ten na saúde a perda ou a falta de traballo remunerado.

Hai unha ampla evidencia científica que asocia o desemprego con diferentes problemas de saúde, sobre todo de tipo mental, pero tamén con trastornos de saúde física. O desemprego significa, en primeiro lugar, a diminución dos ingresos económicos, pero tamén a perda de status social, de autoestima, de actividade física e mental, así como da capacidade de tomar decisións.

Unhas condicións laborais máis precarias

A contratación temporal na Galiza, como no resto de Europa, é máis frecuente entre as mulleres. Esta inestabilidade convértese nunha situación de grave desprotección para as persoas traballadoras no caso do traballo irregular.

En canto ás consecuencias da inestabilidade laboral, a evidencia científica ten posto de manifesto os efectos nocivos na saúde mental. Tamén se asociou a temporalidade cunha maior incidencia de accidentes de traballo, menores niveis de saúde laboral e maior morbilidade.

Unha parcialidade máis elevada

O traballo a tempo parcial é principalmente un tipo de xornada máis frecuente entre as mulleres.

A miúdo, as mulleres utilizan esta opción para compaxinar a vida laboral coa familiar, mais outras veces é a única opción dispoñible no mercado de traballo, sobre todo no caso de persoas pouco cualificadas.

As principais dificultades asociadas á parcialidade teñen que ver coas súas consecuencias respecto á promoción profesional, aos baixos salarios e ao incremento do risco das mulleres á pobreza durante a vida laboral e na xubilación. O traballo a tempo parcial é máis frecuente nos traballos pouco cualificados, mal remunerados, monótonos, con poucas oportunidades para aprender e desenvolver as habilidades, con menos posibilidades de promoción e menos estabilidade e, por tanto, expostos cunha maior frecuencia a factores de risco psicosocial.

A segregación horizontal

A segregación horizontal maniféstase en dous fenómenos asociados aos estereotipos de xénero:  a distribución diferenciada segundo o sexo en ocupacións e sectores de actividade, e a presenza de mulleres nun menor número de ocupacións e actividades económicas. Mentres que as ocupacións maioritariamente masculinas considéranse habitualmente como cualificadas e socialmente valoradas, as ocupacións con maior presenza feminina con frecuencia están pouco valoradas e asociadas a unha baixa cualificación.

Diversos estudos revelan que as dúas ocupacións máis frecuentes entre os homes asalariados son a de traballadores cualificados e a de operadores de instalacións, maquinaria e montadores, mentres que a proporción de mulleres nesas ocupacións é moi inferior. En cambio, as ocupacións máis frecuentes entre elas son a de empregadas administrativas, de traballadoras en servizos de restauración, persoais e de protección, e vendedoras en comercios, onde as proporcións de homes son tamén bastante inferiores.

Segundo diversos informes hai 43 ocupacións onde só traballan homes e 34 máis onde estes representan máis do 80%, por exemplo albaneis e mamposteros, mecánicos e axustadores, peóns da construción ou taxistas e condutores de automóbiles e furgonetas, mentres que as ocupacións exclusivamente femininas son só 5, e hai 12 máis que presentan unha proporción de mulleres superior ao 80%. Algúns exemplos son as empregadas domésticas, as profesionais de apoio á xestión administrativa, as profesoras de educación primaria e infantil e as enfermeiras.

A segregación horizontal está tan consolidada que mesmo en ocupacións ‘novas,’ como as relacionadas coas tecnoloxías da información e as comunicacións, a presenza feminina é considerablemente menor, a pesar de que non requiren atributos asociados tradicionalmente aos homes, como a forza física. Con todo, tamén hai que mencionar que aos poucos a presenza das mulleres en ocupacións con maior proporción de homes vai en aumento.

Dende unha visión estereotipada, poderíase pensar que a segregación sexual no traballo é debida a unha tendencia ‘natural’. Pero esta idea nesgada contradise coa realidade empírica de moitas mulleres que traballan en ocupacións que requiren mover cargas físicas, coñecementos e habilidades tecnolóxicas ou horarios non estándares.

En relación coa seguridade e a saúde laboral, a segregación horizontal non evita que as mulleres estean expostas a riscos laborais, senón que condiciona o tipo de exposicións. É necesario, por tanto, que se teñan en conta tanto as necesidades das mulleres en profesións ‘masculinizadas’ como todos os riscos laborais asociados a profesións ‘feminizadas’.

A segregación vertical

A segregación vertical reflicte as dificultades que aínda teñen as mulleres para acceder a cargos de responsabilidade. Aínda que o nivel de formación sexa globalmente superior entre as mulleres, atopamos unha maior presenza de homes en postos de responsabilidade. Practicamente o 20% dos homes ocupados teñen persoal ao seu cargo, mentres que a porcentaxe de mulleres ocupadas en postos de dirección ronda o 6%, fronte a un 12% no caso dos homes.

Dende a seguridade e a saúde laboral débese ter en conta o fenómeno coñecido como “teito de cristal”, que fai referencia ás barreiras coas que se atopan as mulleres para acceder a cargos de decisión. Unha das principais causas son as dificultades de conciliación da vida persoal e laboral, e a falta de corresponsabilidade nas tarefas domésticas e de coidado. A segregación vertical acentúase polo feito de que as mulleres son as que traballan en maior proporción en xornada a tempo parcial e porque a miúdo quedan excluídas das redes, tanto formais como informais, que son imprescindibles para a promoción profesional dentro das empresas.

Os riscos laborais asociados ás desigualdades de xénero

A segregación de xénero no traballo remunerado é o elemento clave para explicar a distribución desigual da exposición aos riscos laborais. Así, nas actividades desenvolvidas predominantemente polas mulleres, os riscos máis frecuentes: son os relacionados con posturas de traballo inadecuadas, longas xornadas de pé, traballos repetitivos e exposición a axentes químicos e biolóxicos.

Mentres que nos traballos ocupados maioritariamente por homes predominan os riscos relacionados coa seguridade e a manipulación de obxectos cun peso elevado. En termos xerais, se os homes traballan máis na construción e na industria, os riscos de seguridade e hixiene estarán máis presentes nas súas contornas de traballo, mentres que a presenza maioritaria das mulleres nas actividades de servizos expoñeraas principalmente aos riscos ergonómicos, psicosociais, e tamén hixiénicos.

En relación cos riscos psicosociais, as últimas enquisas europeas de condicións de traballo poñen de manifesto que as mulleres, en maior proporción, levan a cabo tarefas monótonas, obteñen un salario inferior, teñen menos oportunidades de participar na planificación do seu propio traballo e teñen menos expectativas de promoción profesional; ademais, sofren acoso psicolóxico e sexual en maior grao que os homes.

A discriminación no traballo tamén é un factor de risco máis frecuente entre as mulleres. En boa parte dos riscos laborais, o feito de ocupar un posto de traballo máis cualificado asóciase a unha menor exposición, aínda que non é o caso da discriminación por sexo, que está presente en todas as categorías profesionais.

Historicamente o deseño dos postos de traballo, dende a organización dos espazos, pasando polos horarios, os equipos e as ferramentas, pensouse, maioritariamente, seguindo un modelo masculino de traballador. Por exemplo:

Tendo en conta as desigualdades de xénero e sabendo como inflúen nos riscos laborais, poderemos aplicar políticas e prácticas preventivas que protexan a saúde laboral de todas as persoas traballadoras e tamén contribuír a erradicar as desigualdades de xénero no ámbito laboral.

Decálogo para unha saúde e unha seguridade laboral con perspectiva de xénero

1. As desigualdades de xénero no mercado de traballo comportan que a exposición aos riscos laborais sexa diferente para as mulleres e os homes, e por conseguinte, que a intervención preventiva no ámbito da seguridade e a saúde laboral teña que incorporar a perspectiva de xénero para ser efectiva.

2. As mulleres ocupadas teñen mellor estado de saúde que as que non o están. Aínda así, os efectos da dobre carga de traballo e as peores condicións laborais e de traballo ás que están sometidas fan que o seu estado de saúde sexa peor que o dos homes na mesma situación.

3. As desigualdades de xénero tamén condicionan a exposición aos riscos laborais dos homes, por exemplo, presentan unha maior incidencia de lesións por accidente de traballo e sofren en maior medida os riscos asociados a longas xornadas de traballo.

4. Para mellorar a detección e a identificación de enfermidades laborais hai que introducir a perspectiva de xénero de maneira transversal e impulsar estudos e investigacións específicas.

5. Os factores de risco ergonómico aos que están expostas moitas mulleres veñen agravados polo deseño inadecuado dos postos de traballo. Para reducir a devandita exposición hai que adaptar o posto de traballo a cada persoa e realizar unha correcta organización das tarefas.

6. Unha adecuada organización do tempo no traballo, que faga compatibles a vida persoal e a vida laboral e facilite a corresponsabilidade, contribúe a reducir os riscos psicosociais e a asegurar a motivación e a produtividade no traballo.

7. As medidas preventivas teñen que ir dirixidas a reducir a exposición aos diferentes tipos de factores de risco, tanto psicosociais como ergonómicos e hixiénicos, e non centrarse exclusivamente nos accidentes de traballo.

8. O Plan de Prevención de Riscos Laborais e o Plan de Igualdade son dúas ferramentas básicas para garantir a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e a saúde laboral, e a coordinación e interrelación entre ambos os plans é necesaria para a boa xestión da prevención.

9. O compromiso coa igualdade de oportunidades é unha estratexia básica para garantir o dereito á saúde de todas as persoas traballadoras, en tanto que ten en conta as necesidades de prevención de riscos laborais de mulleres e homes.

10. Cando a prevención de riscos laborais é efectiva, tanto para as mulleres como para os homes, a calidade da ocupación mellora e o desenvolvemento, tanto social como económico, dun país aumenta, xa que todas as persoas achegan o máximo do seu potencial.

ELEMENTOS E FACTORES A TER EN CONTA PARA A INTEGRACIÓN DA PERSPECTIVA DE XÉNERO NA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

A NECESIDADE DE INTEGRAR A PERSPECTIVA DE XÉNERO NA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS.

Aínda que o marco legal da prevención de riscos laborais e a acción preventiva tradicional considéranse neutrais, na maioría das situacións toman como referencia implícita aos homes e realizan todas as súas actuacións dende unha perspectiva androcéntrica que non permite identificar nin resolver moitos dos riscos aos que están expostas as mulleres no traballo. Incórrese así en discriminación indirecta.

Integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais mellora a seguridade e saúde das mulleres traballadoras que ocupan postos de traballo aos que a actuación preventiva ten prestado pouca atención. Ademais, isto non só protexe ás mulleres senón ao conxunto da poboación traballadora.

A desigualdade entre mulleres e homes é un feito que se perpetuará mentres se manteñan os estereotipos e roles de xénero. Dende a actuación preventiva nas empresas pódese e débese contribuír a eliminar as barreiras que non permiten alcanzar a plena igualdade de dereitos entre os distintos sexos.

A INTEGRACIÓN DA PERSPECTIVA DE XÉNERO NA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

A perspectiva de xénero en prevención de riscos laborais é unha materia que se debe abordar cun enfoque transversal e interdisciplinar, e implementarse como un plan integral a distintos niveis de actuación e que debe involucrar a todas as partes relacionadas coa prevención de riscos laborais. De feito, as Estratexias galega e estatal de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027 o propoñen como un obxectivo a acadar.

Integrar a perspectiva de xénero no sistema de prevención de riscos laborais das empresas consiste en considerar de forma sistemática as diferentes condicións de traballo e riscos laborais de mulleres e homes. Para iso, deberán definirse obxectivos e actuacións específicas dirixidas a eliminar as desigualdades e promover a igualdade en todas as políticas e accións, a todos os niveis e en todas as fases da xestión preventiva: avaliación, planificación, execución e seguimento do planificado, control e mellora continua.

Nos plans de prevención, avaliación de riscos e planificacións das actividades preventivas incluiranse e analizaranse os riscos laborais aos que estean expostos homes e mulleres, tendo en conta as diferenzas que poidan existir nas exposicións a riscos laborais e efectos sobre a saúde duns e outras. Para iso analizaranse ditas exposicións de forma integral, é dicir, atendendo a todo tipo de riscos laborais, máis aló das exposicións relacionadas coa maternidade (embarazo e lactación) ou de se teñen desenvolvemento normativo específico ou non.

Na avaliación de riscos e na vixilancia da saúde debe recollerse información sobre a exposición aos distintos riscos e danos para a saúde de forma desagregada por sexo. Tamén se indagará para explicar as discrepancias que se atopen nos datos, valorando se se deben a diferenzas biolóxicas ou a desigualdades sociais entre mulleres e homes.

Por último, planificaranse e poñeranse en marcha actuacións específicas para mellorar as condicións de traballo de toda a poboación traballadora. As medidas preventivas adaptaranse aos achados da avaliación de riscos e da vixilancia da saúde. Durante a planificación da actuación preventiva prestarase atención aos posibles efectos diferenciais na saúde por razóns de sexo e posibles exposicións a riscos distintas por razóns de xénero.

PRINCIPAIS DIFERENZAS DOS DANOS Á SAÚDE DE ORIXE LABORAL QUE SOFREN HOMES E MULLERES

A literatura científica e as análises sobre sinistralidade detectaron diferenzas entre mulleres e homes na incidencia de accidentes e patoloxías relacionadas co traballo. As máis relevantes son as seguintes:

En resumo, as mulleres teñen menos accidentes graves que os homes, pero sofren máis enfermidades crónicas. En moitos casos estas diferenzas débense a que homes e mulleres están expostos a riscos diferentes por razón de xénero, non de sexo.

NESGOS DE XÉNERO QUE AFECTAN Á PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS.

Os nesgos son visións parciais da realidade que se activan de maneira sistemática e inconsciente. Os nesgos inflúen nas decisións, os enfoques e as actuacións que levan a cabo, tanto en prevención de riscos laborais como noutros campos e disciplinas.

A continuación, expoñemos os principais nesgos de xénero que afectan á prevención de riscos laborais:

Este prexuízo é perigoso porque a falta de recoñecemento dos riscos relacionados co traballo das mulleres pode ter consecuencias negativas como, por exemplo:

  1. Unha prevención de riscos laborais ineficaz.
  2. A negación de prestacións en caso de enfermidades profesionais.
  3. Unha mala avaliación dos custos da enfermidade de orixe laboral.

Para superar estes nesgos é importante abordar a exposición aos riscos laborais do conxunto da poboación traballadora integrando de forma sistemática a perspectiva de xénero:

a)      Facer visible o invisible e valoralo xustamente.

b)      Indagar na orixe laboral dos danos que sofren as mulleres.

c)       Correlacionar correctamente as condicións de traballo das mulleres cos seus problemas de saúde.

d)      Fomentar a acción preventiva inclusiva.

e)      Propoñer actuacións específicas.

CAUSAS DETERMINANTES DA EXPOSICIÓN A RISCOS LABORAIS DIFERENTES EN HOMES E MULLERES

Como xa vimos con anterioridade hai dúas causas principais que determinan que a exposición a riscos laborais sexa distinta entre mulleres e homes: diferenzas biolóxicas e desigualdades de xénero.

Estas diferenzas biolóxicas van máis aló do embarazo e a lactación. As mulleres están suxeitas a ciclos hormonais, mostran unha maior incidencia de problemas da función tiroidea, teñen un 15 % máis de graxa corporal e a súa fisionomía é distinta á dos homes. Dando lugar, por estes motivos, a unha distinta afectación fronte a determinados riscos.

Tamén os roles e estereotipos de xénero condicionan unha exposición desigual aos riscos laborais a través da división sexual do traballo, a cal determina a exposición a riscos en dous sentidos:

1º- Pola segregación vertical e horizontal. A segregación vertical é a distribución desigual de mulleres e homes na estrutura xerárquica ocupacional, dando lugar a unha subrepresentación das mulleres en postos de decisión e liderado (teito de cristal) e sobrerrepresentación en postos cuxas posibilidades de desenvolvemento profesional son escasas (chan pegañento). A segregación horizontal é a concentración de traballadores ou traballadoras en determinados sectores, ocupacións e actividades, pero tamén hai segregación horizontal de tarefas dun mesmo posto de traballo. Se se realizan tarefas e traballos distintos, a exposición a riscos é distinta.

2º- Pola responsabilidade do traballo doméstico e de coidados, que recae fundamentalmente sobre as mulleres. Isto determina unha exposición desigual ao conflito traballo-familia ou dobre presenza. Tamén poden sufrir máis consecuencias derivadas da dobre xornada, como, por exemplo, prolongar a exposición a movementos repetitivos ou a substancias químicas cando se realizan tarefas de limpeza tanto no ámbito laboral como no fogar.

PRINCIPAIS RISCOS LABORAIS EN SECTORES FEMINIZADOS

Os sectores, ocupacións e actividades feminizadas consideráronse tradicionalmente como “traballos lixeiros” de escaso risco. Isto contribuíu a que a xestión preventiva en moitos casos fose insuficiente. Trátase de profesións moi vinculadas aos coidados, a limpeza e a estereotipos de xénero como que as mulleres son delicadas e coidadosas, polo que se presupoñen máis aptas para facer traballos meticulosos. Algúns destes traballos feminizados son:

Estes postos de traballo teñen en común unha exposición moi elevada a riscos ergonómicos (particularmente movementos repetitivos e posturas forzadas), a factores de risco psicosocial (especialmente altas demandas e esixencias emocionais e baixo control) e a produtos químicos e axentes biolóxicos.

A VIOLENCIA SEXUAL, O ACOSO SEXUAL E O ACOSO POR RAZÓN DE SEXO NO LUGAR DE TRABALLO

A Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual define as violencias sexuais como os actos de natureza sexual non consentidos ou que condicionan o libre desenvolvemento da vida sexual en calquera ámbito público ou privado. Esta definición inclúe as violencias sexuais no ámbito laboral: agresión sexual, acoso e violencias sexuais cometidas a través de medios tecnolóxicos, como a pornografía non consentida e a extorsión sexual.

Nos lugares de traballo pódese dar, ademais do acoso sexual, o acoso por razón de sexo, tipificados como delitos no Código penal. Neste último caso, o comportamento non ten natureza sexual, senón que atenta contra a dignidade da persoa en función do seu sexo.

Estas violencias sexuais vulneran o dereito fundamental á liberdade, á integridade física e moral, á igualdade e á dignidade da persoa que a sofre e que de forma estrutural son na súa gran maioría mulleres. Por iso, a Lei expón a necesidade de establecer nos lugares de traballo mecanismos de prevención e actuación. Entre eles, os protocolos de prevención e actuación fronte a estes riscos, así como a formación e información sobre este risco tal e como indican o artigo 12 da Lei Orgánica 10/2022 e os artigos 18 e 19 da Lei 31/95 de prevención de riscos laborais. Estas medidas axudan a previr o acoso e violencia sexual, ao mesmo tempo que se anticipa o seu tratamento adecuado.

O CONFLITO TRABALLO-FAMILIA OU A DOBRE PRESENZA COMO RISCO LABORAL

O conflito traballo-familia (CTF) refírese ao conflito entre as demandas do traballo remunerado e do doméstico-familiar. O CTF analizóuse como risco psicosocial en diversos estudos, denominando “dobre presenza” cando se pon o foco na simultaneidade das esixencias de ámbolos dous ámbitos.

A prevención de riscos laborais a miúdo ignorou o CTF ou dobre presenza por considerar que o ámbito laboral e o doméstico-familiar son espazos estancos e separados. Con todo, as responsabilidades, demandas e tempos que requiren ámboslos dous ámbitos funcionan como vasos comunicantes que se interfiren mutuamente.

No CTF ou dobre presenza hai dous factores crave: a xornada e as demandas laborais. Estes dous factores interactúan entre si, intensificando ou diminuíndo o conflito. Hai unha serie de condicións de traballo que supoñen un aumento do estrés que xera o CTF ou dobre presenza: altas demandas laborais, baixa autonomía sobre a xornada e ritmos de traballo, a prolongación das xornadas laborais, os cambios de días e horas de traballo con avisos previos curtos ou xornadas que coinciden con horarios de coidado a persoas dependentes.

Existe evidencia científica que alerta sobre as consecuencias para a saúde do CTF ou dobre presenza. Por iso débese xestionar como un risco psicosocial máis, integrando na avaliación de riscos psicosociais e adoptando medidas preventivas que o eliminen ou controlen.

XESTIÓN DOS RISCOS LABORAIS PARA O EMBARAZO, A LACTACIÓN E A REPRODUCIÓN

O embarazo e a lactación son estados nos que se producen cambios biolóxicos e fisiolóxicos nas mulleres. Ademais, o embrión, feto, ou recentemente nado/a son máis vulnerables a determinados riscos. O artigo 26 da Lei de Prevención de riscos laborais obriga a valorar os riscos laborais para o embarazo e lactación, así como a actuar para protexer a saúde da muller e da súa descendencia. Os anexos VII e VIII do Regulamento dos Servizos de Prevención estabelecen unha lista non exhaustiva de riscos que se deben avaliar e evitar.

Co obxectivo de xestionar os riscos laborais para o embarazo e a lactación terase en conta que:

a)      A avaliación inicial de riscos debe contemplar o risco para o embarazo e lactación e implementar as medidas necesarias para a eliminación ou redución dese risco.

b)      As empresas deben elaborar unha relación de postos de traballo sen risco para o embarazo.

c)       As traballadoras deben recibir información sobre a devandita avaliación de riscos nos seus postos de traballo e da relación de postos de traballo sen risco.

d)      Cando unha traballadora pon en coñecemento da empresa a súa situación de embarazo, debe realizarse unha revisión da avaliación de riscos que permita determinar se o seu posto conleva riscos para o embarazo ou a lactación.

e)      Ante unha situación de risco para a muller ou a súa descendencia, deberase eliminar o risco. Se non é posible eliminar o risco, a norma xerarquiza tres actuacións posibles:

1º.- Adaptar as condicións ou o tempo de traballo.

2º.- Cambio temporal de posto de traballo.

3º.- Suspensión do contrato por risco durante o embarazo ou a lactación (prestación da Seguridade Social considerada continxencia profesional).

f)       Ademais, as traballadoras embarazadas e nais lactantes deberán ter a posibilidade de descansar tombadas en condicións adecuadas e facilitar os permisos retribuídos para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto nos termos estabelecidos legalmente.

En calquera caso, o embarazo e a lactación só son as fases finais da reprodución. A prevención da saúde reprodutiva debe estenderse á fase de preconcepción, que afecta por igual a mulleres e homes. Así, o artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais estabelece que a empresa debe ter en conta nas avaliacións os factores de risco que poidan incidir na función de procreación das traballadoras e os traballadores.

COMO AVALIAR CON PERSPECTIVA DE XÉNERO UN POSTO DE TRABALLO

A avaliación de riscos con perspectiva de xénero considera de forma sistemática as diferentes condicións de traballo e de exposición a factores de risco de mulleres e homes. Para iso, durante a avaliación de riscos teranse en conta:

1)      Posibles diferenzas na gravidade das consecuencias da exposición a riscos polas diferenzas biolóxicas entre sexos, especialmente as derivadas de axentes químicos e factores de risco ergonómico.

2)      Posibles exposicións desiguais a riscos, non só por ocupar postos distintos, senón tamén nun mesmo posto, pola segregación de tarefas e desiguais condicións de traballo e emprego. Deberá comprobarse se mulleres e homes que traballan nun mesmo posto desenvolven as mesmas tarefas, da mesma maneira e coas mesmas condicións de traballo e emprego.

3)      A valoración na avaliación de riscos de todos os riscos identificando ás persoas por sexo, por exemplo:

a)      Equipos, roupa, materiais e vehículos que deben empregarse, indicando quen os utiliza, mantén e limpa.

b)      Condicións ambientais do posto, presenza de axentes físicos, químicos e biolóxicos.

c)       Factores ergonómicos asociados a posturas, movementos repetitivos, manipulación de cargas, bipedestación, etc. ou

d)      Factores psicosociais derivados da organización do traballo e da interacción con outras persoas.

e)      Posibilidade de sufrir discriminación por razón de sexo ou violencia sexual.

f)       As posibles responsabilidades de coidado a familiares e a súa repercusión tanto na exposición ao conflito traballo-familia como na promoción profesional.

4)      As posibles ideas preconcibidas sobre cales son os riscos, quen se atopa en situación de risco e que risco pode ser trivial. Especialmente evitaranse tópicos sobre o traballo “lixeiro” e sen riscos das mulleres e avaliarase en profundidade a súa exposición laboral.

5)      A participación das mulleres traballadoras na avaliación de riscos e nos distintos órganos de participación e representación. Facilitaranse medios, tempo e espazo para que poidan exercer os dereitos de participación e consulta, xa que por cuestións de xénero en ocasións a súa participación é menor que a dos homes.

6)      O risco para o embarazo, a lactación natural e a saúde reprodutiva dende un enfoque preventivo e non proteccionista.

MÉTODOS DE AVALIACIÓN DE RISCOS PSICOSOCIAIS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

O FPSICO, aínda que non incorporou no seu deseño a perspectiva de xénero, si ofrece a posibilidade de incorporala. Permite estabelecer unidades de análises sensibles ás desigualdades de xénero; por exemplo, ademais de incluír os postos de traballo, incluiranse o sexo, a idade, o tipo de contrato, o tipo de xornada e se a persoa ten ao seu cargo a menores ou persoas dependentes. Ademais, o FPSICO recolle entre os seus ítems (sobre os que se atopa maior detalle na NTP 926) moitos dos factores de risco psicosocial que teñen unha clara incidencia nas mulleres: recompensa, satisfacción co salario, presións de tempos, esforzo de atención, cantidade e dificultade da tarefa e esixencias cognitivas, autonomía temporal e decisional, esixencias emocionais, compatibilidade da vida laboral e a vida social, desenvolvemento profesional, posibilidade de atender asuntos persoais, exposición a situacións de violencia (inclúe o acoso sexual) e discriminación, etc.

Dado que a aplicación do FPSICO permite obter distintos tipos de informes (agrupados e comparativos), pódense analizar os distintos ítems e factores de risco psicosocial cruzando coas unidades de análises (sexo, idade, tipo de contrato, etc.). Unha vez que temos os datos cuantitativos do cruzamento de variables, debemos buscar explicacións para as diferenzas que se atopen en todos os factores de risco. Para afondar na comprensión destas posibles diferenzas pódese complementar a análise usando técnicas cualitativas e triangulando datos. Por exemplo, pódense realizar entrevistas, analizar información de documentos da empresa sobre absentismo, etc.

Por outra banda, o método CoPsoQ ISTAS21 ten en conta cuestións clave dende a perspectiva de xénero como, por exemplo, a inseguridade no emprego, a dobre presenza (conflito traballo-familia), esixencias emocionais, falta de influencia, etc. Así mesmo, incorpora o sexo como unha das 3 unidades básicas de análises á hora de avaliar os riscos, podendo eliminalo unicamente no caso de que poña en perigo o anonimato das respostas ao cuestionario.

ARGUMENTOS SOBRE A OBRIGATORIEDADE DE INTRODUCIR A PERSPECTIVA DE XÉNERO NAS AVALIACIÓNS DE RISCOS LABORAIS

Actualmente existe un amplo consenso técnico e social sobre a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na xestión preventiva de riscos laborais para combater as posibles situacións de discriminación ou desigualdade. Así quedou reflectido no  Marco Estratéxico da Unión Europea en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027 e nas Estratexias galega e estatal de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, cando sinala que “o recoñecemento da diversidade, incluídas as diferenzas e as desigualdades de xénero, e a loita contra a discriminación na man de obra son fundamentais para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores e as traballadoras, tamén cando se avalíen os riscos no traballo”. Máis adiante indica que “se alentará a adopción de medidas encamiñadas a evitar o nesgo de xénero á hora de avaliar os riscos e estabelecer prioridades de actuación”.

O marco normativo actual de prevención de riscos laborais non explicita a obrigatoriedade de integrar a perspectiva de xénero. Con todo, a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes indica no artigo 4 que “a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes é un principio informador do ordenamento xurídico e, como tal, integrarase e observarase na interpretación e aplicación das normas xurídicas”. Por tanto, a normativa de prevención de riscos laborais debe ser interpretada e aplicada integrando este principio de igualdade.

Esta obrigatoriedade queda implícita na Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, por exemplo, nos seus seguintes artigos:

Ademais, o Real Decreto 901/2020, que desenvolve os plans de igualdade introducidos pola lei 3/2007, sinala a inclusión da prevención de riscos laborais de forma explícita na fase de diagnóstico para analizar a igualdade de xénero nas actividades de prevención de riscos laborais.

Fonte: INSST

 

Documentos

BOLETÍN CIG-Saúde Laboral Nº 52 artigo 1.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS