Financiado por:
/ Igualdade

O risco durante o embarazo e as novas táboas SEGO 2019, un retroceso na protección da maternidade

08-11-2019 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 33

A nivel laboral, a baixa por risco durante o embarazo fai referencia aos posibles prexuízos que lle poden causar a unha muller embarazada traballadora as tarefas ou funcións que realiza no seu posto de traballo. No caso de existir problemas no embarazo relacionados coa saúde do feto ou da nai, a baixa que procedería sería por incapacidade temporal (IT). Para conceder a suspensión do contrato de traballo e a prestación por risco no embarazo, non poderá existir na empresa outro posto distinto e dentro do seu mesmo grupo profesional que sexa compatible co seu estado e polo tanto exento de risco. No caso contrario optaríase polo cambio de tarefas e/ou funcións sen risco antes que proceder á suspensión por risco no embarazo.

Na suspensión por risco no embarazo a traballadora ten dereito a apercibir a totalidade do seu salario ata o nacemento do seu fillo/a, momento no cal comezará a desfrutar do permiso de maternidade.

Para poder ter dereito á suspensión

Non se terá dereito á suspensión

No caso de estar desfrutando da suspensión por risco no embarazo e a traballadora fose despedida ou lle rematase o contrato, se extinguiría esta prestación e pasaría a cobrar a prestación por desemprego se tivese dereito á mesma.

Quen abona a prestación por risco no embarazo

A entidade xestora ou colaboradora que corresponda será a encargada de pagar á traballadora o 100% da súa base por continxencias profesionais, tendo como referencia a do mes anterior á concesión da suspensión. A empresa será a encargada de abonar as cotizacións correspondentes á Seguridade Social.

En que momento se podería conceder a suspensión?

A lexislación laboral vixente non especifica con claridade en que momento se debe proceder á suspensión do contrato de traballo como consecuencia do risco no embarazo.

Nas referencias da lexislación laboral existentes, no artigo 26 da Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL), especifícase que a empresa ten a obriga de adaptar o posto de traballo, cambiando as funcións e tarefas se fose necesario, para evitar aquelas actividades que poidan ser prexudiciais para a saúde da traballadora embarazada ou do feto, e no caso de que isto non fose posible conceder a suspensión do contrato de traballo por risco no embarazo.

Que acontece se se teñen varios traballos?       

Neses casos resulta posible que se conceda a prestación por risco no embarazo en distintos momentos segundo o posto de traballo, debido a que os riscos de cada un moi posiblemente sexan diferentes. Sería normal e compatible que nunha das empresas coas que ten contrato siga traballando e que na outra estea de baixa por risco no embarazo.

Causas de extinción da prestación por risco no embarazo

Fundamentalmente pola extinción da relación laboral, ben sexa por baixa voluntaria, remate de contrato temporal ou incluso despedimento.

Nestes casos a traballadora podería solicitar a prestación por desemprego (se ten dereito a ela) ou a baixa por maternidade.

Referencias lexislativas aos riscos para a maternidade

Así mesmo sen facer referencia ao momento de suspensión, o Anexo VIII do RD 39/1997 do Regulamento dos Servizos de Prevención estabelece unha listaxe non pechada de actividades que en ningún caso pode realizar unha muller traballadora dende o inicio do seu embarazo:

1.-  Traballos en atmosferas de sobrepresión elevada.

2.-  Traballos que impliquen contacto con axentes biolóxicos como toxoplasma ou virus da rubéola. Salvo se existen probas de que a traballadora embarazada está suficientemente protexida contra estes axentes polo seu estado de inmunización.

3.-  Traballos que poidan producir contacto cos seguintes axentes químicos: As substancias etiquetadas como H360, H360D, H360 F, H360 FD, H360 Fd, H360 Df e H370, substancias canceríxenas e mutáxenas, de categoría 1 A e 1 B incluídas na parte 3 do Anexo VI do Regulamento (CE) Nº 1272/2008, do 16 de decembro de 2008, sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas, e chumbo e derivados.

En todos estes casos deberá concederse á traballadora a suspensión por risco dende o inicio do embarazo, sempre que non fose posible a adaptación do posto de traballo.

Así mesmo o Anexo VII deste RD estabelece unha serie de axentes e actividades, que sen estar especificamente prohibidas, poden influír negativamente na saúde da traballadora embarazada:

A. AXENTES

1. Axentes físicos, cando se considere que poidan implicar lesións fetais ou provocar un desprendemento da placenta, en particular:

a)    Choques,    vibracións ou movementos.

b)   Manipulación manual de cargas pesadas que supoñan riscos, en particular dorsolumbares.

c)    Ruído.

d)   Radiacións non ionizantes.

e)   Frío e calor extremos.

f)     Movementos e posturas, desprazamentos, tanto no interior como no exterior do centro de traballo, fatiga mental e física e outras cargas físicas vinculadas á actividade da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación.

2. Axentes biolóxicos.– Axentes biolóxicos dos grupos de risco 2, 3 e 4, segundo a clasificación dos axentes biolóxicos estabelecida no Real Decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo, na medida en que se saiba que devanditos axentes ou as medidas terapéuticas que necesariamente traen consigo poñen en perigo a saúde das traballadoras embarazadas ou do feto e sempre que non figuren no Anexo VIII.

3. Axentes químicos.– Os seguintes axentes químicos, na medida en que se saiba que poñen en perigo a saúde das traballadoras embarazadas ou en período de lactación, do feto ou do neno durante o período de lactación natural e sempre que non figuren no Anexo VIII:

a) As substancias etiquetadas como H340, H341, H350, H351, H361, H371, H361d, H361 f, H350i e H361 fd polo Regulamento (CE) Nº 1272/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro de 2008, sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas.

b) Os axentes químicos que figuran nos Anexos I e III do Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo.

c) Mercurio e derivados.

d) Medicamentos antimitóticos.

e) Monóxido de carbono.

f) Axentes químicos perigosos de recoñecida penetración cutánea.

B. PROCEDEMENTOS

Procedementos industriais que figuran no Anexo I do Real Decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo.

PROCEDEMENTO DE SOLICITUDE Á S.S. DA PRESTACIÓN POR RISCO NO EMBARAZO

a) Solicitar ao noso médico do Servizo Público de Saúde (existe modelo) un informe que acredite a situación de embarazo e a data probable de parto.

Así mesmo deberase solicitar á empresa un certificado en relación á actividade laboral que se desempeña e as condicións do posto de traballo.

b) Co informe médico e o certificado da empresa se solicitará ante a entidade xestora ou colaboradora que corresponda (S.S., mutua, ISM,...) a certificación médica da existencia de risco durante o embarazo.

c) Procederase a facer a solicitude de prestación por risco no embarazo mediante modelo normalizado ante a entidade xestora que corresponda, acompañada da seguinte documentación:

A Guía SEGO 2019 de axuda para a valoración do risco laboral no embarazo

Complementariamente ao evidente baleiro normativo en materia de valoración do risco laboral durante o embarazo dunha traballadora, a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO) vén de elaborar a petición das mutuas colaboradoras da Seguridade Social e co beneplácito e impulso do anterior goberno do PP, unha “actualización” das coñecidas como “Táboas SEGO”, nas que se estabelece unha correlación entre factores de risco e recomendacións sobre a semana na que se debe dar de baixa á traballadora embarazada en función das actividades laborais que esta realice.

A Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO) é unha sociedade privada como se pode supoñer de Médicos Especialistas en Xinecoloxía e Obstetricia que desenvolven as súas funcións tanto en centros médicos públicos como en centros médicos privados.

Esta sociedade privada foi expresamente designada polo INSS co beneplácito da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social, coa encomenda de elaborar un documento de referencia con criterios orientativos para estabelecer en que momento conceder a prestación por risco para o embarazo, neste caso por parte das mutuas colaboradoras da Seguridade Social (entidades empresariais) ao ser considerado o embarazo dunha traballadora coma unha continxencia profesional.

A SEGO xa elaborara unhas primeiras táboas SEGO no ano 2008, sendo estas novas táboas do 2019 o resultado do traballo conxunto realizado por un grupo de 12 médicos procedentes da Inspección do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO) e do Grupo Médico da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT), que á súa vez contaron coa colaboración de cinco médicos do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e nada menos que 51 médicos pertencentes a distintas mutuas colaboradoras da Seguridade Social. Unha estrutura de colaboración a todas luces desequilibrada a favor dos médicos das mutuas, non contándose en cambio coa colaboración das organizacións sindicais que representan ás traballadoras que son sempre en última instancia as persoas afectadas polas decisións adoptadas nesta materia.

Da realización dun análise comparativo somero entre as recomendacións de suspensión por risco no embarazo estabelecidas nestas novas táboas 2019 da SEGO coas anteriores táboas do ano 2008, podemos sacar a conclusión de que estas novas táboas 2019 de recomendacións en relación ao risco no embarazo, empeoran nalgúns casos significativamente as cautelas de protección estabelecidas polas táboas do 2008 para as traballadoras embarazadas, ao incrementar o número necesario de semanas para acceder á suspensión ante certos supostos de risco.

Son moitas e reiteradas as ocasións nas que as mutuas se teñen queixado de que as empresas de maneira xeral priorizan e facilitan ás traballadoras embarazadas o procedemento de acceso á suspensión do contrato por risco no embarazo, antes que realizar un esforzo en materia preventiva e contemplar nas súas avaliacións de riscos as adaptacións necesarias de posto ou os postos compatibles exentos de risco para as traballadoras xestantes.

Ante esta circunstancia e, ao noso entender, como consecuencia dos intereses e enfoques manifestados polas mutuas, a actual versión da Guía SEGO 2019 potencia con determinación a obriga preventiva das empresas coa intención de esgotar todas as posibilidades antes de conceder a suspensión por risco no embarazo, fronte as maiores cautelas de protección preventiva até agora estabelecidas nas recomendacións da Guía SEGO 2008. Circunstancia esta que finalmente o anterior Goberno do PP ten primado, fronte por exemplo outras directrices e recomendacións estabelecidas polo INSST en relación a esta delicada temática de prevención, xerando na práctica dende a nosa perspectiva maiores niveis de desprotección para as traballadoras embarazadas e os seus fillos en xestación.

O maior nivel de desprotección resultante, non só vén producido polo incremento do número de semanas necesarias para acceder á suspensión ante a exposición a certa categoría de riscos en relación á Guía SEGO do 2008 ata xaneiro deste ano vixente; se non tamén polas situacións de indeterminación e o retraso na concesión da suspensión por risco no embarazo que en moitos casos vai acontecer como consecuencia das discrepancias formuladas polas mutuas (cada vez máis constantes e sistemáticas), en relación ao criterio das empresas e os seus servizos de prevención sobre os riscos aos que a traballadora xestante está exposta. Estes niveis de indeterminación e a obriga de resolver as discrepancias existentes para a concesión ou non da suspensión por risco no embarazo entre a mutua de turno, o servizo de prevención da empresa ou da traballadora e os seus representantes sindicais, vai a conlevar na práctica unha dilación ou retraso, en moitos casos inadmisible, na concesión da suspensión en tanto en canto estas discrepancias se solventan mediante a realización de novas avaliacións de riscos, adaptacións de posto ou a intervención da Inspección de Traballo, quedando entre tanto a resultas deste retraso, a traballadora exposta aos riscos polos cales solicitaba a suspensión; algo a todas luces impresentable e inxustificable en termos de prevención.

Por outra banda, a maiores de tentar esgotar a toda costa a obriga preventiva da empresa en contraposición á exposición aos riscos que nese período de indeterminación está a sufrir a traballadora embarazada; desta nova Guía SEGO 2019 se desprende unha filosofía que ao noso xuízo non estabelece as cautelas necesarias e desexables para que en todo caso e circunstancia a traballadora embarazada e o seu fillo en xestación gocen das maiores garantías preventivas posibles.

Para nós e coincidindo con moitas das directrices e recomendacións enunciadas polo propio INSHT (actualmente INSST), unha parte importante das condicións de traballo que en termos xerais poden ser aceptables para o conxunto dos traballadores/as no desenvolvemento do seu traballo habitual, non serían en cambio en absoluto aceptables para traballadoras embarazadas ou en período de lactación debido ao carácter diferencial da posible incidencia do risco tendo en conta a extraordinaria condición de vulnerabilidade no que se pode atopar a muller embarazada e por extensión o seu fillo en xestación, como consecuencia dos cambios fisiolóxicos que supón o embarazo tanto para a nai como para o seu feto: cambios antropométricos, incremento da demanda de osíxeno, modificacións no sistema respiratorio, modificacións no sistema circulatorio, etc.

Así mesmo cando nestes casos falamos de niveis de exposición a un risco potencialmente perigoso, non é en ningún caso aceptable que unha traballadora embarazada e o seu feto poidan estar expostos aos mesmos argumentando que estes riscos son aceptables para os traballadores/as ou a poboación en xeral. Dende logo esta non é nin pode ser a argumentación preventiva no o caso dunha traballadora embarazada, por moito que se queiran aforrar cartos ás mutuas colaboradoras da Seguridade Social.

A ninguén se lle escapa e menos aos profesionais que teñen contacto co mundo da prevención, que en moitos casos as exposicións e/ou os niveis de exposición nas avaliacións de riscos feitas normalmente e máis aínda aquelas que se fan con présa ou urxencia, poden aportar grandes variabilidades sendo tecnicamente difícil estabelecer con total fiabilidade cales son en realidade as magnitudes e valores de exposición aos que pode estar sometida a traballadora, tendo en conta a variabilidade das condicións de traballo nas contornas produtivas por mor de múltiples factores intervintes: distribución das concentracións puntuais dun produto ou substancia no ar, a variabilidade das condicións ambientais, os erros asociados á toma de mostras ou medicións, ou incluso os errores asociados ao propio análise da intensidade e perigosidade dos factores de risco identificados.

Moito nos tememos que en moitos casos a aplicación e interpretación por parte das mutuas destas orientacións da Guía SEGO 2019, poidan rematar por ampliar en demasía os prazos e os niveis de exposición a certos riscos das traballadoras embarazadas e aos seus fillos en xestación ata límites que puidesen ocasionar consecuencias realmente negativas. Sen dúbida algunha esta é unha cuestión coa que non se pode especular e menos aínda “arrimar a ascua á súa sardiña” para aforrar os cartos destinados precisamente para esa protección, argumentando que hai que extremar o cumprimento das obrigas preventivas das empresas. Algo co que evidentemente estamos de acordo, mais non neste caso perverso, minorando ao noso entender as garantías preventivas e as cautelas necesarias para asegurar sen ningún xénero de dúbidas a saúde integral da traballadora embarazada e o seu futuro fillo.

Outra circunstancia altamente cuestionable a constitúe sen dúbida unha prerrogativa autoadxudicada polas mutuas -co beneplácito do anterior Goberno do PP- mediante a cal se outorgan de maneira irregular, cando non ilegal, competencias para poñer en cuestión as avaliacións de riscos e as medidas adoptadas polos servizos de prevención das empresas, para deste modo poder paralizar o proceso de concesión da baixa por risco no embarazo, alegando que estes servizos de prevención non adoptaron as políticas preventivas que tiñan que ter adoptado, resultando en última instancia prexudicada quen menos culpa ten dese posible incumprimento: a traballadora embarazada e o feto que leva dentro.

Nin as mutuas teñen competencia para poñer en cuestión a actividade preventiva dos servizos de prevención das empresas (para iso xa existen as auditorías e a propia Inspección de Traballo), nin moito menos prerrogativas para, en base a esa cuestión, denegar a concesión dunha prestación que só están facultadas para tramitar.

Documentos

O RISCO DURANTE O EMBARAZO E AS NOVAS TABOAS SEGO 2019.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS