Financiado por:
/ Igualdade

Igual salario por igual traballo

07-03-2018 - IGUALDADE

As traballadoras alemás poden coñecer dende os primeiros días de xaneiro deste ano a media do salario que cobran os seus compañeiros na empresa por realizar as mesmas tarefas.

En Islandia existe normativa que obriga ás empresas a certificar que pagan por igual a homes e mulleres.

En Alemaña, segundo a nova lei Para o Fomento da Transparencia nas Estruturas Salariais, aprobada en xullo de 2017, pero cuxo dereito individual a comparar os soldos aplícase dende o 6 de xaneiro do 2018, as traballadoras e os traballadores poderán solicitar o cálculo da media dos salarios de polo menos seis empregados do sexo oposto que realicen tarefas similares (non poderán coñecer o salario concreto dun compañeiro/a). Ademais poderán coñecer o criterio e os procedementos utilizados pola empresa para fixar os salarios.

Esta medida será de aplicación en empresas con polo menos 200 traballadores/as. Aínda que a lei non contempla sancións, o empresario poderá ser demandado ante os tribunais no caso de incumprimento.

Segundo a actual ministra alemá de Familia “Se unha persoa pode comparar o seu salario co doutros na empresa, pode esixir con maior facilidade un soldo xusto”.

E é que segundo datos do propio Goberno alemán, os homes cobran de media un 21% máis que as mulleres.

A solicitude de acceso a esta información pódese exercer enviando unha comunicación á empresa a través dun correo electrónico, unha vez cada dous anos; a empresa ten tres meses para responder. No caso de que non o faga ou o faga fóra de prazo, o/a traballador/a poderá presentar unha queixa ante o comité de empresa e mesmo unha demanda.

Ademais, a lei establece que se o/a empregador/a non cumpre coas súas obrigacións de información a carga da proba revértese, é dicir a empresa terá que demostrar que non se violou o principio de igualdade salarial.

A lei fai un chamamento ás empresas con máis de 500 empregados/as a revisar regularmente o cumprimento da paridade nos soldos e informar aos seu persoal. Iso si, se a revisión, que é voluntaria, revela unha discriminación de xénero en relación aos salarios, esta deberá eliminarse sen demora.

A lexislación islandesa, pioneira en asegurar o mesmo salario para o mesmo traballo vai máis lonxe: ademais de expoñer a unha empresa que viola o principio de igualdade salarial a demandas xudiciais, esixe que todas as empresas con 25 ou máis empregados/as establezan un valor para cada tarefa que se espera que desempeñe un traballador/a nun determinado posto, e que logo fixe os salarios a partir da suma deses valores.

As empresas máis grandes teñen un ano para certificar o seu cumprimento –emitido por evaluadores autorizados–, ao Centro de Igualdade de Xénero do goberno do país. As máis pequenas teñen ata finais do 2021. Os empregadores/as recibirán unha certificación estatal se demostran a equiparación de salarios; en caso contrario, serán sancionados con multas diarias, cuxa contía non foi fixada. As empresas deben renovar esta certificación cada tres anos.

Isto sucede nunha contorna no que a brecha salarial é do 5,7% segundo os datos oficiais, e no que os permisos por maternidade e paternidade teñen a mesma cantidade de días de baixa non transferibles: tres meses para cada un, máis tres meses adicionais por parella para ser compartidos (aínda que na práctica, só o 19,7% dos homes usa unha parte dese tempo).

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS