Co financiamento de:
/ Igualdade

Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo

13-11-2020 - XUNTA DE GALICIA

O obxectivo desta guía é abordar a violencia de xénero dende unha perspectiva integral, axudando aos estudantes a detectar e atallar comportamentos de risco neste eido a través dunha serie de orientacións básicas e información precisa sobre os sinais de alarma. Ao mesmo tempo, ofrece pautas de actuación e procedementos de intervención tanto nun primeiro momento como a medio e longo prazo, en coordinación cos servizos e recursos de atención especializada competentes.

A guía contempla catro supostos ou situacións que poderían darse, identificando os sinais de alarma que poden axudar á súa detección. Especifícanse ademais os esquemas de actuación das diferentes pautas de intervención que cada un deles require para abordalos de forma adecuada e eficaz.

A maiores a guía achega recomendacións, facendo fincapé na educación para a igualdade como o recurso máis potente para a prevención deste tipo de violencia, así como estratexias de comunicación para reunións e entrevistas ante posibles casos, tanto coa vítima e a súa familia como co presunto agresor e a súa familia.

Por outra banda, inclúese tamén unha compilación de recursos existentes no eido da loita contra a violencia de xénero, tales como o Teléfono da Muller ou os Centros de Información á Muller (CIM), entre outros.

O documento complétase cunha serie de fichas que permitirán rexistrar a información de cada caso, para a súa remisión a aqueles servizos ou instancias que teñan competencia na súa resolución, co gallo de asegurar a necesaria coordinación institucional entre a administración educativa, sanitaria, sociocomunitaria, policial e xudicial.

A Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo sistematiza, polo tanto, as accións que deben desenvolver os centros de ensino nestes casos, facilitando o traballo do persoal que traballa neles diante destas situacións, así como a súa rápida actuación. Deste xeito, pretende ser unha ferramenta práctica que contribúa á prevención e á erradicación da violencia de xénero desde o sistema educativo. Na elaboración deste documento participaron tres mesas de traballo nas que estaban representadas todas as institucións e entidades que conforman o Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

Ligazón á Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo

Fonte: ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS