Financiado por:
/ Igualdade

Contornas de traballo seguras e saudables, libres de violencia e acoso

29-07-2020 - OIT

O presente informe céntrase especificamente na forma en que a violencia e o acoso poden xestionarse a través de medidas de seguridade e saúde no traballo (SST) como, por exemplo, os marcos normativos, as políticas, os programas e os sistemas de xestión da SST (SX-SST) mellorados.

O capítulo 1 comeza examinando o concepto mesmo de violencia e acoso no mundo do traballo e analiza algúns dos factores fundamentais e interrelacionados que inflúen nel. Enumera os actores implicados e analiza os riscos psicosociais clave e interconectados que provocan a tensión relacionada co traballo que, á súa vez, pode aumentar o risco de violencia e acoso. Tamén sopesa o impacto que este ten nas persoas e as súas familias, así como nas organizacións e na sociedade.

O capítulo 2 céntrase nos marcos normativos da SST que abordan especificamente o problema, como os instrumentos da OIT, os instrumentos rexionais e os regulamentos nacionais. Examina os requisitos legais para a aplicación das medidas preventivas e os diversos mecanismos de interposición de denuncias que deben adoptarse para facer fronte á violencia e o acoso no lugar de traballo. Analiza especificamente a forma en que os servizos de inspección do traballo poden garantir o cumprimento da lexislación, por exemplo, mediante inspeccións no lugar de traballo, campañas de inspección específicas e ferramentas para os inspectores. Tamén destaca o papel que o diálogo social e os convenios colectivos poden desempeñar na prevención e a eliminación da violencia e o acoso no traballo.

O capítulo 3 describe como integrar a prevención da violencia e o acoso nos marcos nacionais de SST. Iso implica abordar as preocupacións ao redor da violencia e o acoso relacionados coas políticas e estratexias, as directrices e os códigos de recomendacións prácticas nacionais en materia de SST; a recompilación de datos, e a educación, a formación e a sensibilización.

O capítulo 4 examina as medidas que poderían adoptarse para abordar o problema no lugar de traballo por medio de SX-SST. Destaca a importancia de deseñar e aplicar unha política integral no lugar de traballo e un proceso de xestión de riscos para axudar a identificar os perigos e avaliar os riscos asociados á violencia e ao acoso, así como de adoptar medidas tanto para previr como para responder a estas situacións. Conclúe destacando a importancia do control e a avaliación.

O capítulo 5 contén unha lista de conclusións extraídas do informe e formula unha serie de suxerencias sobre a forma en que todos os actores involucrados na violencia e o acoso no traballo, a saber, os gobernos, os servizos de inspección do traballo, os empregadores, os traballadores/as e as súas organizacións, os delegados/as de SST dos traballadores/as, os comités mixtos sobre SST e os especialistas en SST, poderían responder o problema.

O informe inclúe uns anexos para ofrecer unha orientación máis detallada. O anexo I proporciona información adicional sobre as disposicións pertinentes en materia de violencia e acoso incluídas nas normas internacionais do traballo sobre SST. No anexo II examínanse exemplos de leis e regulamentos nacionais relacionados coa SST que abordan a violencia e o acoso no lugar de traballo en países de todo o mundo. O anexo III contén exemplos de estratexias e iniciativas a distintos niveis (internacional, rexional, nacional, local e no lugar de traballo). No anexo IV enumérase unha serie de materiais de orientación da OIT en materia de SST que revisten interese para a prevención da violencia e o acoso no traballo, mentres que no anexo V enumérase unha serie de ferramentas e recursos prácticos non elaborados pola OIT para a adopción de medidas no lugar de traballo.

Ligazón ao informe Contornas de traballo seguras e saudables, libres de violencia e acoso

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS