Co financiamento de:
/ Igualdade

As mulleres sofren máis precariedade, acoso e discriminación no traballo.

21-08-2012 - IGUALDADE

Investigadores do Centro de Investigación en Saúde Laboral da Universidade Pompeu Fabra analizaron as respostas dos máis de 11.000 traballadores e traballadoras que participaron na última Enquisa Nacional de Condicións de Traballo. O estudo, publicado na revista Gaceta Sanitaria, afirma que a precariedade laboral é máis profunda entre as mulleres.

A probabilidade de traballar sen contrato é practicamente o dobre que a dos seus compañeiros masculinos (5,6% fronte ao 3,1%), sobre todo nos traballos manuais, onde a probabilidade é 2,32 veces superior.



A temporalidade tamén é maior nas traballadoras (28% fronte ao 27,2%), pero nesta ocasión os contratos temporais son máis habituais nas ocupacións non manuais, onde o risco é 1,34 veces superior. Entre os homes, en cambio, é máis frecuente o traballo a quendas (24% fronte ao 21,6%).



A muller tamén ten máis posibilidades de enfrontarse a riscos psicosociais e discriminación no traballo. Realizar un alto esforzo e recibir a cambio unha baixa recompensa é máis habitual entre as traballadoras, sobre todo nas ocupacións non manuais, onde a probabilidade é 1,29 veces maior.



Pero a desigualdade de xénero é máis evidente en materia de discriminación laboral. En ocupacións manuais, a muller ten máis posibilidades de ser discriminada no traballo que o home (probabilidade de 1,46), cifra que aumenta ata 2,47 veces en ocupacións non manuais.


O acoso sexual no traballo parece un fenómeno exclusivamente feminino. O risco é case tres veces maior nas mulleres, sobre todo nas ocupacións manuais. A probabilidade de sufrir acoso sexual é moito maior para a muller no sector agrario e industrial, en concreto 2,82 e 2,92 veces máis elevada respectivamente. Trátase de sectores fortemente masculinizados. Só na industria, por exemplo, o 75% dos traballadores son homes.



Ademais, as desigualdades de xénero tamén son patentes nos problemas de saúde derivados do traballo. Mentres nas mulleres é máis frecuente a dor osteomuscular do membro superior (8,4% fronte ao 6,4%), nos homes son máis habituais as lesións por accidente de traballo (12,1% fronte ao 8,4%). O estudo, non obstante, non detectou diferenzas significativas de xénero no estrés derivado do traballo nin nas dificultades para conciliar a vida laboral e familiar, aspecto este último que a macroenquisa non contempla en toda a súa magnitude.

 



Fonte de Datos: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS