Financiado por:
/ Igualdade

As mulleres dedican o dobre de horas ao traballo non remunerado que os homes

10-05-2018 - IGUALDADE

Segundo a Enquisa de Condicións de Vida do INE, as mulleres destinan 26,5 horas á semana, fronte ás 14 horas dos homes, a labores como o coidado de fillos/as ou familiares, tarefas domésticas, cursos e colaboracións sen soldo en ONG. Dá igual se teñen fillos ou non ou se traballan ambos, por regra xeral as mulleres case duplican aos homes no tempo que dedican ao traballo non remunerado. Unicamente os homes dedican un tempo parecido a estas tarefas, 11 horas fronte 13,3 horas da mulleres, cando non teñen parella.

Con fillos ou con parella, as mulleres son as que asumen a maior parte do traballo non remunerado. Os datos indican que o tempo de dedicación a este tipo de labores non remunerados non está especialmente relacionada coa condición laboral, nin co feito de que son as mulleres as que máis traballan a tempo parcial. Así, elas dedican unha media de 29,6 horas por 13,9 nos casos nos que traballan a media xornada e 25,2 horas fronte a 13,9, cando traballan a xornada completa. As horas que dedica un home a traballo non remunerado no caso de que a súa parella non traballe é de 6 á semana, mentres que no caso dunha muller con parella sen emprego son 17,2, un 186,7% máis.

Cando home e muller non teñen parella, pero si descendencia, as mulleres dedican á semana 31,9 horas ao traballo non remunerado por 13,5 horas no caso dos homes (18,4 horas máis). Redúcese algo a diferenza cando ambos teñen parella, traballo e fillos. Nestas circunstancias, eles traballan sen remuneración 20,8 horas. Elas fano 37,5.

Se falamos de traballo polo que se recibe un salario a situación invértese: os homes traballan máis horas tanto a tempo completo (42,4 horas á semana fronte a 39,3) como a xornada parcial (22,7 horas por 21,6). Estes datos sumados ao maior número de mulleres que traballan a media xornada (o 74% de 2,8 millóns de empregos) explican unha parte da brecha salarial.

Segundo os datos recolleitos na enquisa de condicións de vida, as mulleres dedican, de media, máis tempo ao traballo non remunerado que os homes en todas as circunstancias vitais que recolle a enquisa: con parella ou sen ela, con fillos ou sen eles, con emprego pago ou sen el, superándoos en tempo de dedicación en todas as tarefas do fogar analizadas: coidado e educación dos fillos, cociñar ou limpar a casa e coidar a familiares. A situación só iguálase cando chegan os netos. Nese momento, avós e avoas dedican o mesmo tempo aos fillos/as dos seus fillos/as: 16 horas á semana.

Fontes: O País, Enquisa de Condicións de Vida INE

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS