A necesidade da perspectiva de xénero na saúde laboral10-05-2012 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 1A problemática da saúde das mulleres no ámbito laboral continúa abordándose de xeito illado, sen que se tomen en conta as diferenzas e necesidades de mulleres e homes no espazo laboral. O enfoque dominante na saúde segue a ser androcéntrico, e mantén invisíbeis moitos dos riscos para a saúde das mulleres, razón pola cal, se ignoran e non se teñen en conta na prevención. | ![]() |
|---|
Na prevención de riscos das mulleres hai que abordar de xeito integral os problemas que nos afectan dunha maneira máis específica, tendo presente non só o factor biolóxico, senón tamén as diferenzas corporais, de socialización e de roles a desempeñar. De esta maneira poderase avanzar na mellora das condicións de traballo e saúde das mulleres, e ir máis alá da protección da saúde reprodutiva e da maternidade.
O mundo laboral aínda funciona segundo un modelo masculino. A organización, os valores, os horarios, seguen estando baseados na división de roles e por iso, as mulleres vémonos sometidas a unha dobre xornada. Seguimos sendo, en maior medida que os homes, responsábeis do traballo doméstico, de coidar das nosas fillas, fillos e familiares dependentes, coas repercusións que isto ten para a nosa saúde, tanto física, como psíquica e social. A dobre presenza como risco para a saúde, está determinada pola dificultade que supón responder a esta dobre carga de traballo, dividímonos entre as exixencias do emprego e as necesidades da familia, o cal xera, na maioría dos casos, unha dobre culpabilidade, aumentando a predisposición a enfermar ou cronificar doenzas e a ter accidentes.
Por iso e atendendo ás condicións laborais nas que se desenvolven as mulleres, a prevención de riscos laborais debe facerse dende a perspectiva de xénero a través da introdución de medidas de acción positiva que favorezan o desenvolvemento dunha nova cultura preventiva xa que, na actualidade, non existen procedementos suficientemente acaídos que garantan a protección da saúde e a sanción do seu incumprimento.
É preciso traballar na identificación de factores de risco específicos poñendo especial fincapé en sectores moi feminizados, visualizando as diferenzas de saúde entre homes e mulleres, a partir de algo tan elemental como as diferenzas biolóxicas e de xénero, para que se teñan en conta na prevención de riscos laborais.
Porque o xénero é unha categoría de análise que nos permite amosar as relacións desiguais que se producen entre as mulleres e os homes, a partires da construción de modelos culturais e patróns en función do sexo, e que conleva unha xerarquía de poder dun xénero sobre o outro, de xeito que as actividades asociadas aos homes gozan dunha maior valorización e recoñecemento que as que asociamos ás mulleres. E isto está relacionado cunha división sexual do traballo, caracterizada, aínda hoxe en día polo mantemento deses roles estereotipados entre mulleres e homes.
A maiores, debemos ter moi en conta no ámbito preventivo os problemas de saúde relacionados coa saúde reprodutiva, non só no que se refire ao aumento da incidencia de abortos e partos prematuros por mor da exposición a axentes nocivos e ás propias condicións do posto, senón tamén no que é facer mención a patoloxías invisíbeis como trastornos da menstruación provocados por situacións de estrés agudo ou crónico, a consecuencia dos cales poden aparecer anemias, déficit de ferro, cansazo ou dores de cabeza, que deberían detectarse e por tanto incluírse dentro dos exames de saúde laboral.
Por todos estes motivos, cómpre que actuemos e fagamos fronte a estes riscos. Para iso é preciso que se promovan medidas sociais que favorezan a igualdade entre as mulleres e os homes no ámbito do emprego e tamén socialmente, a través dunha corresponsabilidade real, dunha verdadeira política que permita a conciliación real entre o traballo e a vida familiar, dun reparto equitativo do uso do tempo, ou dun acceso igualitario á formación. Que a formación sexa impartida dentro da xornada laboral. Que se revisen e actualicen os protocolos de recoñecemento médicos, de xeito que a atención á saúde das mulleres sexa realizada dende unha perspectiva integral, e para iso é preciso realizares investigacións que teñan en conta a singularidade das mulleres, tamén no que se refire ás enfermidades prevalentes en mulleres traballadoras, as súas causas e os indicadores para a prevención.
E para que isto sexa posíbel debemos facer un chamamento á propia participación das mulleres como delegadas sindicais, como delegadas de prevención e dos comités de seguridade e saúde, porque grazas á nosa implicación poderemos facer ver unha problemática que nos afecta de xeito diferenciado e lograr o tan ansiado cambio na saúde laboral, e dende unha perspectiva de xénero.
Podes imprimir este artigo, en formato folleto, no PDF adxunto.