Financiado por:
/ Igualdade

A Seguridade Social  tramitou 77.685 procesos de maternidade e 65.853 de paternidade no primeiro trimestre do ano 2012.

09-05-2012 - Maternidade e Paternidade

O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) xestionou 77.685 prestacións económicas por maternidade no primeiro trimestre do ano. Esta cifra indica un descenso do número de procesos por maternidade do -5,15% con respecto ao ano anterior. Do conxunto de prestacións recoñecidas, a maior parte, 76.401, corresponden a permisos gozados pola nai e 1.284 a permisos gozados polo pai.

Maternidade

A  contía destas prestacións é equivalente ao cento por cento do salario e abónase directamente polo INSS durante as 16 semanas de permiso (ampliables en caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo).

Ademais, o pai pode gozar do tempo cedido pola nai ao mesmo tempo que ela ou a continuación, excepto nas seis primeiras semanas de descanso obrigatorio para a nai, en caso de parto natural (en caso de falecemento da nai, o dereito a estas seis semanas pódeo solicitar o pai). A Lei contempla tamén a posibilidade de gozar a tempo parcial do permiso.

Cando as traballadoras estean a cobrar a prestación por desemprego total e pasen a situación de maternidade, percibirán a prestación correspondente e, tras esgotala, renovarán o cobro do desemprego polo tempo que restase por percibir e na contía que correspondese no momento da suspensión.

 

 Paternidade

O número de procesos por paternidade entre xaneiro e marzo de 2012 foi de 65.853, cun descenso do -5,79% respecto de 2011.

O permiso por paternidade é independente do da nai e compatible co goce compartido do permiso por maternidade, cando é cedido pola nai.

A contía do subsidio por paternidade é a mesma que o importe do permiso por maternidade: 100% da base reguladora da prestación de Incapacidade Temporal, derivada de continxencias comúns. A prestación abónase por un período de 15 días (dous máis por cada fillo a partir do segundo).

 

Distribución por Comunidades Autónomas

En canto a permisos por maternidade, o maior número de procesos correspondeu a Cataluña (14.001), Andalucía (13.875), Madrid (12.408) e á Comunidade Valenciana (7.758). A taxa interanual de permisos por maternidade creceu en Navarra (5,76%), A Rioxa (5,67%) e Canarias (0,75%). As comunidades onde máis descenderon estes permisos neste período son a Comunidade Valenciana (-10,86%), Illes Balears (-9,36%), Murcia (-6,91%), Castela-A Mancha (-6,49%), Madrid (-6,16%) e Castela e León (6,13%).

 

O número de pais que accede a este permiso descendeu o -9,96% respecto ao ano 2011

As comunidades autónomas onde aumentou o número de pais que se acolle ao permiso por maternidade son A Rioxa (100,00%), Extremadura (6,25%), Illes Balears (6,06%), Galicia (4,71%), Aragón (2,44%) e País Vasco (1,61%). Pola contra, onde máis diminuíu a cifra de pais que utiliza o permiso son: Asturias (-25,71%), Comunidade Valenciana (-23,01%), Madrid (-22,42%) e Navarra (-21,43%). Ceuta rexistrou un descenso de solicitudes do -100% e Melilla un aumento do 66,67%.

O maior número de procesos por permisos por paternidade correspondeu a Cataluña (12.658), Madrid (10.623), Andalucía (10.373), a Comunidade Valenciana (6.386) e o País Vasco (3.907). Ceuta e Melilla son as que rexistraron menos subsidios por paternidade, con 70 e 85 casos, respectivamente.

 

 Excedencia por coidado de fillo, menor acollido ou familiar

As traballadoras e traballadores poden solicitar excedencia para atender ao coidado de fillo ou menor acollido ou para o coidado doutros familiares. Neste caso, a duración do período considerado de cotización efectiva dependerá dos supostos contemplados na Lei Xeral da Seguridade Social, modificada coa entrada en vigor da Lei de Igualdade que ampliou o alcance e duración desta prestación.

Durante o tempo discorrido de 2012 rexistráronse 8.461 excedencias por coidado familiar, das que 7.937 correspondían a solicitudes presentadas por mulleres e 524 por homes. No primeiro trimestre de 2011 as altas por este concepto foron 9.137, das cales 8.590 fórono de mulleres e 547 de homes.

Por Comunidades Autónomas, o maior número de excedencias produciuse en Madrid (1.760), Cataluña (1.227), Comunidade Valenciana (980), Andalucía (831), País Vasco (689) e Castela e León (642).

 

 

Fonte de Datos: Ministerio de Traballo e Inmigración

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS