Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 11/6/2018
Medio ambiente
Informes da Xunta sobre o proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro - O Pino
Logo de numerosas solicitudes formuladas por veciños, agrupacións ecoloxistas, partidos políticos e das peticións de transaparencia da Valedora do Pobo, a Xunta de Galicia permitiu o acceso a 14 informes sobre o proxecto mineiro de Touro e O Pino. Os documentos están elaborados pola Administración autonómica (consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente Sanidade e varias direccións xerais), os concellos de Touro e O Pino, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e o Instituto Geológico y Minero de España. Os informes expñen numerosas eivas sobre proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael SL., que a través da corporación internacional Atalaya Mining pretende a extracción de cobre sin ningunha protección nunha extensión dunhas 700 hectáreas.

Mina Touro O Pino

Imaxe: cobresanrafael.gal

Nos últimos días coñeceuse a valoración do proxecto por parte de Augas de Galicia a través dun informe no que se reflectía contaminación por metais pesados e unha elevada acidez  nos cursos de auga próximos á antiga explotación, pechada en 1986, en cuio entorno preténdese poñer en marcha o novo proxecto. Os problemas que se arrastran da vella mina aparecen no informe da consellería de Medio Ambiente: “non hai unha descrición das repercusións que esta mina tivo sobre o medioambiente, con especial fincapé nos factores e prácticas que propiciaron o impacto medioambiental do que o propio proxecto se fai eco de maneira implícita”; este informe fala tamén de "inconcrecións", "incongruencias" e de "cuestións que precisas dunha argumentación con base científico-técnica sólida e contrastada" en relación á impermeabilización dos residuos perigosos.A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias alerta sobre  diversos riscos para a gandaría: " a reapertura dunha mina de cobre que , ademais dos límites e impactos que xeran todas estas actividades, pode afectar gravemente á gandaría da zona se chegan a contaminarse acuíferos e terreos derivados desta actividade ao poder ocasionar unha intoxicación por cobre na gandería"; a Dirección Xeral de Montes transmite a dificultade de recuperación da capacidade agrícola e forestal do terreo; e Sanidade sinala a ausencia de actuacións ante os riscos de liberación de químicos ou da posible rotura dos depósitos de estériles.

Pola súa parte os Concellos de Touro e O Pino recollen 21 e 24 aspectos a solucionar no proxecto actual.

Entidades ecoloxistas, veciños e partidos políticos non  descartan que unha vez enmendadas as eivas, o proxecto poida saír adiante ao abeiro da nova Lei de fomento da implantación de inciativas empresariais en Galicia.

As plataformas Mina Non, integrada polos veciños de Touro e O Pino, e a  PDRA, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, advierten que o proxecto eliminará  341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación e que se contempla unha media de seis voaduras diarias de entre 9 e 16 toneladas de explosivo a menos dun kilómetro de vinte núcleos de poboación, unha gardería e unha residencia da terceira idade. Segundo o estudo técnico, no proceso de separación do cobre das rochas empregaranse compostos químicos “altamente perigosos para as persoas e o medio ambiente, ademáis de ser potencialmente canceríxenos e nocivos para os organismos acuáticos, con efectos a longo prazo e no n fácilmente biodegradables”

Fontes: gciencia.com, elpais.com

1