Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 13/4/2018
ITSS
Plan estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social
O Consello de Ministros aprobou o Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social 2018-2020; o plan centrarase na calidade do emprego e dará prioridade a actuacións no ámbito da discriminación por xénero e a brecha salarial, a través de catro eixos de actuación, doce obxectivos e 100 liñas de actuación.

Inspección Traballo e SS

Está previsto que se reforce o control da contratación temporal inxustificada, da contratación a tempo parcial e dos contratos formativos; que se realicen actuacións no ámbito de discriminación por xénero, con campañas específicas, incluíndo as referidas aos plans de igualdade nas empresas, e que se potencie a supervisión da brecha salarial e da negociación colectiva a fin de evitar cláusulas discriminatorias.

O plan tamén prevé actuacións para un maior control das horas traballadas, do tempo de traballo e das subcontratas e as empresas multiservizo, así como a posta en marcha de novas unidades de Inspección especializadas en prevención de riscos laborais, actuacións específicas en relación con falsos autónomos, bolseiros e prácticas non laborais e formación para o emprego.

Ademais do Plan estratéxico, o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto 192/2018, do 6 de abril, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Organismo Estatal Inspección de Traballo e Seguridade Social co fin de dotar á Inspección de Traballo dunha nova estrutura e configurala como un organismo estatal, que dará servizo á Administración Xeral de Estado e ás CCAA, prestando servizos a cada unha das administracións en función das materias sociolaborais da súa competencia e desenvolvendo a Lei ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social aprobada durante a pasada lexislatura.

Dentro do organismo créase a Oficina Nacional de Loita contra a Fraude, que permitirá unha maior colaboración coas comunidades autónomas e con outros organismos implicados e que será o organismo estatal de ligazón coa Plataforma europea contra o traballo non declarado no ámbito da Unión Europea.

1