Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 9/4/2018
SENTENZA
Condean a unha residencia de anciáns por un accidente laboral
O Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León confirmou a existencia de responsabilidade empresarial por falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo no accidente sufrido por unha empregada nunha residencia da provincia de Ávila.

Sentenza

O accidente tivo lugar cando a traballadora incorporaba a unha usuaria da residencia de anciáns, momento no que sufriu un tirón nas costas, con consecuencias que derivaron nunha incapacidade permanente total polo que se considera que existiu unha falta de medidas de seguridade.

A sentenza recolle parte do informe da Inspección de Traballo,que declara que non existiu unha correcta avaliación dos riscos nin planificación preventiva do posto de traballo a pesar de estar identificados os riscos ergonómicos como posturas forzadas e mobilización de residentes. Ademais non se impartiu á traballadora a formación necesaria acerca dos riscos e tarefas na mobilización dos residentes.

Sinálase que a causa do accidente foi “a inexistencia na empresa dun procedemento de traballo claro que especificase as tarefas que requirían a utilización de axudas mecánicas ou a necesidade de empregar dúas traballadoras”.

A Inspección de Traballo e a Seguridade Social sancionaron á empresa cunha multa de 2.046 euros, declarando a existencia de responsabilidade empresarial por falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo no accidente sufrido pola traballadora.

A condena sanciona á empresa obrigándoa a asumir a recarga das prestacións da Seguridade Social nun 30% e a aplicación do mesmo incremento respecto das prestacións que, derivadas do accidente, puidesen recoñecerse no futuro, así como ao pago dunha indemnización de 100.000 euros.

1