Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 11/1/2018
Saúde laboral
Radón en centros de traballo dependentes de administracións públicas galegas
A CIG presentou denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a Xunta de Galicia, logo da reiterada negativa do Goberno galego a realizar medicións do nivel de radón nos edificios administrativos dos Servizos Centrais situados en San Caetano. A solicitude de medicións foi proposta en repetidas ocasións no Comité de Seguridade e Saúde Laboral, motivada pola inquietude do persoal que traballa nos edificios administrativos da Xunta.

Radón

Recentemente o Consello Galego de Relacións Laborais (situado nun edificio de pedra da zona vella de Santiago de Compostela no que hai salas sen ventilación) levou a cabo medicións que amosaron niveis de concentración de radón que superaban os permitidos, o que obrigou a realizar obras de mellora e evacuación do gas.

No Concello de Ourense, segundo os informes realizados por dous laboratorios da USC (Laboratorio de Análise de Radiacións, da Facultade de Física da USC e Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da Facultade de Medicina da USC), detectáronse niveis superiores aos 1.000 Bq/m3 en varias estancias de edificios municipais. O Concello decidiu o traslado provisional dalgúns traballadores que desenvolven as súas tarefas nestas estancias.

En 2010, un equipo de físicos da USC publicou unha investigación que sinalaba que o 34% dun total de 58 institutos das catro provincias galegas que foron estudados tiñan niveis por riba dos 400 Bq/m3.

Nos últimos dous anos, persoal das facultades de Informática e Socioloxía da Universidade da Coruña foi trasladado temporalmente mentres non se realizasen as medidas correctoras.

1