Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 30/11/2017
saude laboral
A Seguridade Social considera como accidente laboral un cancro por exposición a radón no traballo
O traballador ocupou un despacho no Museo Arqueolóxico, situado no Castelo de San Antón de A Coruña, entre os anos 1996 e 2010, ano no que se detectaron "niveis moi altos de radón, causa recoñecida de neoplasia pulmonar". Esta enfermidade foille diagnosticada a finais de 2016. Tras o recoñecemento da Seguridade Social, o traballador advertiu ao Consello de Seguridade Nuclear e á Xunta, con competencias na materia, co fin de que se tomen medidas e se determine se hai responsabilidades.

Radón

 

Os altos niveis de radiación foron detectados a raíz dun traballo de investigación da Universidade de Santiago sobre a concentración de radón en diferentes edificios municipais realizado no ano 2010, no que se constatou que ningún dos tres volumes que conforman a edificación contaba cun sistema de ventilación forzada. As medicións no lugar de traballo realizadas no ano 2010 rexistraron radiacións entre 1.600 e 2.900  becquerelios por metro cúbico; a día de hoxe, o risco de altas concentracións de radón nos centros de traballo está regulado pola Instrución IS-33, do 21 de decembro de 2011 (BOE Núm. 22, xoves 26 de xaneiro de 2012) onde se estabelece que o nivel para a protección dos/as traballadores/as fronte á exposición nos seus postos de traballo debe ser de 600 Bq/m3 de concentración media anual durante a xornada laboral. Logo de coñecer os resultados das medicións realizadas en 2010, o Concello trasladou a outras dependencias do Museo Arqueolóxico do castelo de San Antón aos traballadores/as que estaban situados nas zonas do edificio onde ese mesmo ano se rexistraran altas concentracións de gas radón, indicando así mesmo ao persoal do museo que non permanecese durante "tempos prolongados" nas estancias con máis concentración de radón. Estas medidas, tomadas polo Concello no seu día, serán avaliadas polo Consello de Seguridade Nuclear, que decidirá se foron correctas ou insuficientes. 

 

    1