Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 3/11/2017
SAÚDE
A Europa dos Mercaderes: Corrupción, prevaricación, deixación de funcións, omisión de responsabilidades, …?
Un informe científico "suprimido" e “enterrado” por altos funcionarios da Unión Europea podería ter conducido á prohibición inmediata de 31 pesticidas con vendas por valor de miles de millóns de euros. O informe recomendaba diversas maneiras de identificar os disruptores endocrinos nos pesticidas vinculados con anomalías fetais, mutacións xenitais, infertilidade e outras enfermidades.

Disruptores endocrinos

Un informe científico absolutamente fiable manexado pola CE, recomendaba diversas maneiras de identificar os disruptores endocrinos nos pesticidas vinculados con anomalías fetais, mutacións xenitais, infertilidade e outras enfermidades. Disputas internas na Comisión Europea e a presión dos fabricantes conduciron a ignoralo.

Do informe derivábase que 31 grandes marcas de pesticidas cun valor de mercado de miles de millóns de libras poderían ser prohibidos debido aos riscos potenciais que supuñan para a saúde, se o informe houbera seguido a súa normal tramitación.

O documento, visto por The Guardian, recomenda maneiras de identificar e categorizar os disruptores endocrinos (EDC) que os científicos vinculan a un aumento de anomalías fetais, mutacións xenitais, infertilidade, e efectos adversos para a saúde que van dende o cancro á perda de coeficiente intelectual.

Fontes da propia Comisión afirman que o informe foi enterrado polos principais funcionarios da UE baixo a presión das grandes empresas químicas que utilizan os EDC en artigos de tocador, plásticos e cosméticos, a pesar dun custo anual para a saúde que se estima en centos de millóns de euros no marco da UE.

O documento non publicado da UE di que os riscos asociados coa exposición aos EDC,  mesmo de baixa potencia, é tan grande que a potencia por si soa non debe servir de base para que os produtos químicos sexan aprobados para o seu uso. O seguimento dos criterios propostos no informe para as categorizacións dos CDE -xunto coa estratexia propugnada para a súa implementación- houbese suposto que a Unión Europea xa tivese prohibido o uso dos máis perigosos o ano pasado.

En relación a este tema, funcionarios da propia Comisión denuncian que baixo a presión exercida dos principais actores da industria química, como Bayer e BASF, procedeuse a bloquear a aplicación dos criterios recomendados. No seu lugar, elixíronse opcións menos estritas e rigurosas, xunto cun plan para unha avaliación de impacto que non se esperaba que estivera finalizada cando menos ata o ano 2016.

"Estabamos listos para levar adiante os criterios estabelecidos no informe científico e unha proposta de estratexia, pero a oficina do secretario xeral díxonos que nos esquecésemos diso," comentou a The Guardian unha fonte da Comisión. "Efectivamente suprimíronse os criterios. Permitimos que se dese a volta á lexislación sobre biocidas e praguicidas".

Catherine Day, a poderosa secretaria xeral da UE, xustificouse botando a culpa á falta de comunicación entre a Comisaria de Saúde da Comisión (Sanco) e a de Medio ambiente (ENVI) departamentos, que comparten a responsabilidade do documento.

"Estaban a traballar en diferentes direccións que non tiñan sentido, polo que a Secretaría Xeral interveu para obrigalos a facer unha avaliación de impacto conxunta, co obxectivo de ter unha análise na que a Comisión puidese basearse", dixo a The Guardian.

"A Comisión non ten ningunha obrigación de publicar os documentos internos de traballo", dixo outro portavoz da Comisión. "Como vostedes saben, a Comisión Europea actúa con plena independencia e en interese xeral europeo." Todo isto sucedeu, ao parecer, a finais de 2013.

Angeliki Lyssimachou, un toxicólogo ambiental de Pesticides Action Europe Network (PAN), dixo: "Se as recomendacións do proxecto  foran aplicadas correctamente pola Comisión, 31 pesticidas estarían prohibidos en cumprimento do mandato do regulamento de praguicidas, de protexer aos seres humanos e o medio ambiente da exposición crónica a baixo nivel a praguicidas disruptores endocrinos".

Jean-Charles Bocquet, o director da European Crop Protection Association (ECPA), dixo que no "peor escenario posible", ata 60 produtos presentes no mercado aínda poderían supoñer unha ameaza na produción de transtornos endocrinos, o que daría lugar á súa retirada do mercado. Estes produtos, moitos deles da familia triazol, representan máis do 40% do mercado europeo, cun valor de  moitos miles de millóns de euros segundo ECPA.

Fonte: The Guardian

1