Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 5/7/2017
Contaminación
A pegada do carbono na Galiza
Un equipo de científicas da Universidade de Santiago de Compostela e do ELSA (Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment) de Montpellier (Francia) presenta o estudo máis detallado feito sobre a pegada de carbono de Galicia, medindo por vez primeira as emisións directas e indirectas de todas as actividades de produción e consumo na Galiza.

Tecnoloxías para eliminar CO2.

A pegada total de carbono no país elévase a 52,7 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano: 17,8 millóns de toneladas por actividades de consumo e 34,9 millóns por actividades de produción.

Dos 17,8 millóns de toneladas derivadas de actividades de consumo, un 88% corresponde aos residentes (5,7 toneladas ao ano por habitante) e un 12% ao consumo turístico.

No estudo identifícanse os principais contribuíntes ás emisións de gases de efecto invernadoiro: encabeza a lista a vivenda (31%), seguida polo consumo de alimentos (29%), o transporte (17%), o consumo de bens (12%) e servizos (11%).

En relación as emisións dos fogares, detectouse que as vivendas unifamiliares son responsables do 60% das emisións, mentres que os pisos xeran o 40% restante; nos dous modelos de residencia, as principais fontes de emisión son a electricidade (que representa o 34% das emisións en casas e o 46% en pisos) e a calefacción (47% en casas e 34% en pisos, debido ao uso de combustibles fósiles).

No que atinxe ao consumo de alimentos, os principais axentes relacionados coa emisión de CO2 son os produtos cárnicos (43%), seguidos polos produtos lácteos (principalmente leite e queixo líquido, 15%) e mariscos (5%); en canto ao transporte, os automóbiles privados supoñen o 79% das emisións, seguidos dos autobuses cun 13%; en relación ao consumo de bens, a compra de derivados de petróleo xera a maior proporción de pegada de carbono (33%), seguida polos automotores (12%) e os téxtiles e marroquinería (12%); os principais contribuíntes dos servizos son os servizos que se prestan de comida e bebida (48%), a reparación e o mantemento do automóbil (10%) e as telecomunicacións (7%).

Segundo os datos do estudo, no consumo turístico é o transporte cun 59% a maior fonte de emisións, (especialmente o transporte terrestre cun 43% das emisións, das cales o 92% corresponden a automóbiles particulares), seguido do aloxamento cun 27% das emisións e da alimentación cun 14%. Entre as de aloxamento, o cámping é a qu causa menos emisións de gases de efecto invernadoiro.

EMISIÓNS POR PRODUCIÓN

A produción galega alcada os 34,9 millóns de toneladas de CO2 ao ano derivados fundamentalmente da xeración de electricidade (21%), seguida da produción de alimentos (19%).

En relación á xeración de electricidade, a combustión do carbón é o principal contribuínte á pegada de carbono, representando o 92% dos impactos da categoría e só o 31% da xeración de enerxía no país; a enerxía hidroeléctrica cun 32% da produción e eólica cun 27% son as outras fontes principais de xeración de electricidade, e achegan só 26 ktCO2e/ano 79 ktCO2e/ano, respectivamente. 

No sector da produción de alimentos, 6,5 millóns de toneladas de CO2 por ano, a maior proporción corresponde á produción de carne (31%), seguida dos produtos do mar (21%) e a produción de leite líquido (14%). O sector primario galego acada 3,4 millóns de toneladas por ano, derivadas en gran parte da produción de alimentos de orixe animal (69%); entre estos, os produtos máis contaminantes son a produción de leite (1,5 Millóns de toneladas de CO2 por ano), seguida da carne de vacún  e a carne de ave.

No sector servizos acádanse os 2,32 millóns de toneladas de CO2 por ano e no sector do transporte 1,6 millóns de toneladas de CO2 por ano, representando o transporte de pasaxeiros o 89% da pegada de carbono (dentro do transporte de pasaxeiros o 86% corresponde ao transporte en automóbiles particulares). As emisións de transporte de mercadorías representan o 11% restante, do cal o 97% corresponde ao transporte por estrada.

Na fabricación de produtos derivados do petróleo, 2,6 millóns de toneladas de CO2 por ano, todos os impactos corresponden ao refinado de petróleo producidos pola única empresa en Galicia dedicada a esta actividade, a refinaría de Repsol en Meicende, en Arteixo, A Coruña.

O estudo inclúe unha análise comparada entre os datos de emisións por consumo obtidos para Galiza e outros resultados acadados nas investigacións máis recentes, con distintas metodoloxías, para Estonia, Letonia, Lituania, Noruega, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos, Australia e Suíza, resultando que os datos de emisións na Galiza están entre os menores dos territorios que entran na comparativa.

Os resultados deste traballo están publicados na revista científica Journal of Environmental Management (Volume 198, Part 1, 1 agosto 2017, páxinas 289–299), no artigo 'Determination of the carbon footprint of all Galician production and consumption activities: Lessons learnt and guidelines for policymakers'

1