Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Gabinete técnico de Saúde Laboral - 1/4/2016
I+D+i
Hidróxeno sólido como combustible
Investigadores da Universidade de Valladolid desenvolveron unha tecnoloxía que permite almacenar hidróxeno en estado sólido e liberalo de forma rápida para o seu uso como combustible. O proxecto, denominado HIDROWAVE, podería ter aplicación en diversos sectores, como o da automoción.

Hidróxeno

Logo dos problemas derivados da produción de enerxía a partir de combustibles fósiles, entre os que podemos citar o efecto invernadoiro, a contaminación ou a dependencia enerxética, moitos territorios están a desenvolver iniciativas relacionadas coa xeración de enerxía a partir de fontes renovables; un dos problemas cos que se atopa este tipo de xeración de enerxía é a fluctuación na produción, alternando momentos de falta ou de exceso na mesma; así pois, faise imprescindible desenvolver tecnoloxías que permitan o almacenamento da enerxía excedentaria. Un dos mecanismos que se emprega para este fin é a xeración de hidróxeno; o problema é o almacenamento do mesmo: os depósitos de almacenamento en forma líquida ou ben suponen un perigo (bombonas de hidróxeno comprimido) ou unha penalización enerxética (depósitos crioxénicos); a alternativa de almacenamento en forma compacta a través de compostos sólidos que liberan o hidróxeno ao descomponerse por quecemento presenta o problema de ter que quentar os compostos e da lentitude do proceso.

Este proxecto  baséase en embeber estes compostos de hidróxeno nunha matriz porosa susceptible de ser quentada mediante a acción dun campo de microondas, conseguindo así unha rápida e modulable liberación do combustible. En concreto, deseñáronse uns materiais denominados aeroxeles de silicio, moi lixeiros, con moi baixa densidade e unha alta porosidade, e depositaron nestes poros os compostos sólidos que posteriormente liberarán o hidróxeno; aplicar microondas ao quecemento dos compostos sólidos que liberan o hidróxeno presenta varias vantaxes, segundo apunta o equipo investigador: o quecemento é máis eficiente (maior ao 95 por cento), máis rápido e máis uniforme.

Este sistema podería empregarse en aparellos de baixa potencia como avións non tripulados ou scooters, media potencia como sistemas auxiliares de xeradores ou xeración en lugares remotos (como países en vías de desenvolvemento), ou alta potencia como coches ou autobuses.

1