Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
8/1/2014
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Segundo un informe da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo, as mulleres traballan moitas máis horas que os homes

IGUALDADE
Este informe subliña a necesidade de realizar unha análise que teña en conta a dimensión do xénero sobre os patróns e tendencias laborais nos mercados de traballo europeos. A pesar de moitos anos de lexislación, seguen existindo diferenzas de xénero en moitos aspectos do mercado laboral: mulleres e homes encontran emprego en diferentes ocupacións e sectores, asinan diferentes contratos, reciben un salario a miúdo diferente e pasan diferentes cantidades de tempo no seu posto.

Ademais, no contexto da crise económica, as diferenzas de xénero son evidentes tanto na repercusión inicial da crise coma nas medidas de austeridade en aplicación, que poñen en risco os avances realizados ata o momento en materia de eliminación das diferenzas de xénero. Este estudo baséase nos resultados da quinta Enquisa europea sobre as condicións de traballo (EWCS), realizada en 2010. Utilizouse o seu amplo conxunto de datos, que abrangue uns 44.000 traballadores en 34 países europeos, para explorar as diferenzas de xénero a través de varias dimensións das condicións de traballo e examinar as diferenzas relevantes entre países.

Só cinco dos vinte grupos ocupacionais que empregan o maior número de traballadores contan cunha mestura equilibrada de xéneros: empregados dos sectores de alimentación, madeira e confección; contables; profesionais dos ámbitos legais, sociais e culturais; profesionais dos negocios e empregados de servizos.

O sector público é importante para as ocupacións nas que predominan as mulleres, en mesmo nas ocupacións nas que predominan os traballadores varóns, é máis probable que as mulleres ocupen postos no sector público que os seus compañeiros varóns. Os lugares de traballo proporcionan outra capa de separación, xa que os empregados a miúdo traballan en ámbitos cun único xénero, en particular as mulleres. Mesmo cando as mulleres e os homes traballan en ocupacións mixtas, a miúdo fano en lugares de traballo cun único xénero.

As diferenzas de xénero respecto ao tempo dedicado ao traballo remunerado e non remunerado son importantes á hora de definir as condicións laborais para mulleres e homes. Cando se suman as horas de traballo remunerado, as horas dedicadas aos desprazamentos cara a e dende o posto de traballo e o tempo de traballo non remunerado, os datos da EWCS revelan que as mulleres traballan, en media, 64 horas á semana, en comparación coas 53 horas dos homes. Isto pode explicarse polo feito de que as mulleres dedican, de media, 26 horas a actividades asistenciais, en comparación coas 9 horas dedicadas polos homes; a pesar de que os homes dedican máis tempo ao traballo remunerado (41 horas, en comparación coas 34 horas dedicadas polas mulleres.

 

Fonte: Fundación Europea

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais