Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
5/9/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica considera imprescindible realizar un cribado de cancro de pulmón aos traballadores/as que estiveron expostos ao amianto

AMIANTO
A aplicación deste sistema en traballadores/as expostos/as ao asbesto podería ser efectivo para detectar cancro de pulmón asintomático, en estados precoces, co que se podería reducir a súa mortalidade.

A Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (Separ) publicou unha normativa  que revisa aspectos clínicos, radiolóxicos e funcionais de enfermidades relacionadas co asbesto ou amianto, un carcinóxeno recoñecido pola OMS dende 1987 e que no Estado español está prohibido dende 2002.

O traballo, coordinado pola neumóloga Carmen Diego Roza, fai unha chamada urxente a considerar o cribado de cancro de pulmón entre os/as traballadores/as expostos ao amianto, polo que se require un estudo amplo e aleatorizado que permita establecer unhas recomendacións consistentes baseadas en evidencia científica de alta calidade. A aplicación deste sistema en traballadores/as expostos/as ao asbesto podería ser efectivo para detectar cancro de pulmón asintomático, en estados precoces, co que se podería reducir a súa mortalidade.

Segundo a especialista, “a publicación da terceira edición do protocolo de vixilancia sanitaria específica do amianto, xunto coa aparición de novas técnicas diagnósticas, motivounos a promover a elaboración dunha normativa que revisase aspectos clínicos, radiolóxicos e funcionais das diferentes enfermidades relacionadas co mesmo. E tamén que establecese recomendacións para o diagnóstico e o seguimento dos pacientes expostos”.

O desenvolvemento de enfermidade pulmonar trala exposición ao asbesto depende da intensidade desta e do tamaño e características das fibras que o compoñen. Unha vez nos alveolos, as fibras relaciónanse coas células do sistema inmunitario e alteran a súa función. A interacción coas células natural killer altera a súa función citotóxica e permite que as células tumorais poidan escapar ao control do sistema inmunitario.

O amianto pois, está asociado á aparición de enfermidades malignas. A exposición a asbesto constitúe un factor de risco ben establecido para desenvolver cancro de pulmón. Nun recente estudo en traballadores de illamentos, o asbesto aumentou o risco de cancro de pulmón.

Unha maior exposición ao amianto tamén incide no mesotelioma pleural, outro tumor maligno. No Estado, a mortalidade aumentou ata a década actual, e prevese que sigan producíndose mortes por contacto laboral polo menos ata 2040.

A publicación científica OMC Cancro pronostica que entre 2016 e 2020 falecerán no Estado español 1.319 persoas por mesoteliomas pleurais, a un ritmo de 264 persoas ao ano.  A exposición ao amianto tamén se relacionou cun maior risco de aparición de tumores malignos noutras localizacións como larinxe, ovario, farinxe, esófago, estómago, colon e recto.

Fonte: Redacción Médica

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais