Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
4/1/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Cun auto cuestionado polos traballadores demandantes e as súas defensas, a Audiencia Provincial de Valencia “frea” o caso colectivo dos enfermos por amianto de Unión Naval de Levante

AMIANTO
A defensa letrada dos extraballadores do asteleiro, anuncia que esgotará todas as vías legais posibles e alega “indefensión xurídica” dos actuais demandantes.

O gran caso colectivo dos extraballadores do que primeiro foi asteleiro Unión Naval de Levante e logo chamouse Unión Naval de Valencia, enfermos segundo a súa demanda por unha prolongada exposición ao amianto no desenvolvemento do seu traballo, experimentou recentemente un importante revés. Tal é así que a Audiencia Provincial de Valencia, estimou nun auto os recursos apresentados tanto polo fiscal como pola empresa demandada contra o proceso iniciado por uns 350 exempleados do asteleiro, todos eles afectados por distintas patoloxías presuntamente ocasionadas, por estar en contacto con po de amianto durante a súa etapa laboral nesta empresa. A denuncia céntrase contra varios responsables de Unión Naval xa que, segundo os demandantes, non se adoptaron as medidas necesarias para evitar a súa exposición a este material tóxico.

A Audiencia xustifica a súa decisión nunha sentenza de conformidade do ano 2009, froito dun proceso semellante que foi impulsado por outro grupo de ex­­empregados contra a empresa polos mesmos motivos. Naquela ocasión, segundo explicaron as defensas dos novos demandantes, acordouse cualificar os feitos como falta (non como delito) a cambio de que os afectados cobrasen unha serie de indemnizacións (máis de 11 millóns de euros en total). Así os responsables evitarían as penas de prisión que lles podería carrexar o proceso, se os condenasen por delitos de homicidio por imprudencia grave ou por lesións. A sala entende que ao cualificar os feitos como faltas xa prescribirían os casos actuais, posto que o prazo é de seis meses. En resumo, a sala considera que os feitos xa foron xulgados.

Con todo, as defensas destacan que na sentenza de conformidade do ano 2009, acordouse que o prazo de prescrición fose o do delito, non o da falta. Ademais, alegan “indefensión xurídica” dos novos demandantes, posto que o acordo da sentenza anterior adoptárono terceiras persoas, non eles. Así mesmo, na nova demanda aparecen seis novos denunciados (dun total de 13) que non se incluíron na anterior.

Así as cousas, nin os demandantes nin parte dos demandados son as mesmas persoas, circunstancia esta pola que os letrados dos traballadores entendan que este é un novo proceso. Ademais, e no caso de que a sentenza de conformidade fose vinculante, esta “debería selo en todos os seus termos”, no sentido das indemnizacións a todos os afectados, incluídos os actuais demandantes.

É por todas estas importantes e fundamentais cuestións que as defensas dos traballadores anunciaron que esgotarían todas as vías legais posibles para evitar esta “freada” no procedemento. De entrada, achegarán todos os documentos que acreditan os acordos adoptados en 2009 para tratar de que o proceso siga adiante.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais