Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
28/4/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo. A non prevención mata

28 DE ABRIL
A recente e radical reforma laboral levada a cabo polo Goberno do Partido Popular, entre outras moitas e inaceptables cuestións, ten posto aos pés dos/as empresarios/as a determinación das políticas preventivas e a saúde laboral do conxunto da clase traballadora, con cada vez máis desatrosas e devastadoras consecuencias.

A pesares da constatable e crecente infradeclaración de accidentes laborais e enfermidades profesionais que tentan maquillar a realidade, as estatísticas veñen amosando dende aquel entón un constante e doloroso incremento dos sinistros laborais de carácter grave e mortal, e todo iso a pesares da evidente redución da actividade económica en termos de horas traballadas e, polo tanto, dos tempos percápita de exposición aos riscos nas empresas.

Uns riscos cada vez maiores e menos controlados, como consecuencia do inxustificable deixamento político das Administracións e dos reiterados incumprimentos normativos das empresas que, a pesares de investir cada día menos recursos en prevención e incumprir continuada e sistematicamente a lexislación vixente, ven máis reforzadas as súas actuacións como consecuencia da ineficacia e inexplicable inacción, dunhas Administracións Públicas intencionadamente inoperantes en termos de inspección, supervisión e control. Institucións que están a imcumplir o papel que o actual ordenamento laboral lles ten encomendado, non velando co celo profesional esixible polo rigoroso cumprimento da lexislación vixente en materia de prevención de riscos e saúde laboral. Circunstancia esta que desgraciadamente tanto afecta a millóns de traballadores e traballadoras cada vez máis precarizados e desprotexidos.

Mais nada é porque si. A corrente de poder neoliberal que está a asolar Europa nos últimos anos, coincidindo coa actual e vixente crise económica-financeira, serviulles de escusa imperfecta aos Gobernos das dereitas conservadoras europeas, para iniciar unha ofensiva cruel e sen parangón. Ofensiva destinada a eliminar e reducir dereitos sociais e laborais á mínima expresión, asestando un golpe mortal ao Estado do Benestar e ao Contrato Social até entón vixente. Así, baixo a escusa falaz e fallida da recuperación económica, impuxéronse dun xeito inhumano e profundamente antidemocrático, políticas de extrema austeridade orzamentaria fundamentadas na drástica redución dos gastos sociais, educativos e sanitarios, así como na redución a ultranza, tanto dos custos salariais como dos dereitos laborais.

Nunha situación normalizada, no marco dun auténtico estado democrático e de dereito, empresas, traballadores/as e administración públicas deberían colaborar na consecución dun punto de vista avanzado da prevención. Prevención entendida  tanto como unha inversión altamente rendible en termos humanos, sociais e empresariais, como unha obriga ética e moral nun contexto de respecto e exercicio do dereito irrenunciable á seguridade e a saúde.

O valor humano, económico e social que supón a ausencia de accidentes e/ou enfermidades profesionais, ten que formar sen dúbida parte esencial e innegociable da estrutura básica dunha sociedade xusta e democrática.

Seguir avanzando polo camiño da precarización e o desmantelamento de dereitos sociais e laborais que os poderes neoliberais están a impoñer ás clases traballadoras, é o camiño directo á inseguridade, a inxustiza, a pobreza e a morte física e social. A non prevención mata.

 

Secretaria Confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral

CIG

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais