Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
27/6/2013
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A UE acorda crear unha tarxeta para dar máis mobilidade ás profesións reguladas

UE
Os Vintesete e os eurodeputados chegaron a un "acordo político" sobre a revisión da normativa comunitaria sobre cualificacións profesionais na UE vixente dende 2005.

O Consello da Unión Europea (UE) e o Parlamento Europeo (PE) acordaron crear unha tarxeta profesional que poderán adoptar voluntariamente as profesións reguladas e que facilitará a mobilidade destes traballadores entre os Estados membros.

Os Vintesete e os eurodeputados chegaron a un "acordo político" sobre a revisión da normativa comunitaria sobre cualificacións profesionais na UE vixente dende 2005, que agora deberán formalizar ambas as dúas institucións para a súa entrada en vigor.

A proposta busca resolver os desequilibrios entre a oferta e a demanda laboral que se producen en determinados sectores, como o dos servizos sanitarios, facilitando a mobilidade dos profesionais.

"A creación dun sistema máis eficaz para o recoñecemento das cualificacións profesionais contribuirá a facer fronte á escaseza de man de obra en Europa e axudará aos buscadores de traballo altamente cualificados, en particular os mozos", afirmou o comisario europeo de Mercado Interior, Michael Barnier.

A normativa formula a creación dunha "tarxeta profesional europea", un certificado electrónico de carácter voluntario que permitiría aos profesionais interesados lograr un recoñecemento máis doado e rápido das súas cualificacións á hora de prestar os seus servizos de forma temporal ou de establecerse noutro país da UE.

"Cos principios comúns de formación e a introdución por primeira vez dunha tarxeta profesional europea será máis doado que nunca para os profesionais debidamente cualificados buscar traballo noutros países da UE", asegurou o ministro irlandés de Educación, Ruairí Quinn, nun comunicado.

A tarxeta, que poderá utilizarse naquelas profesións reguladas que desexen adoptala, permitirá que os que se trasladen a outro Estado membro vexan recoñecidos os seus títulos "nun prazo razoable", segundo a CE.

A proposta tamén introduce marcos comúns de formación e de exames unificados de acceso profesional, co obxectivo de que se poida recoñecer de xeito automático os coñecementos, cualificacións e competencias dos profesionais.

Ademais, a revisión establece un "sistema de alerta" para evitar que aqueles médicos ou cirurxiáns que fosen inhabilitados nun Estado membro poidan exercer noutros países da UE, especialmente deseñado para os profesionais da saúde.

A lexislación tamén aclara os requisitos lingüísticos aplicables aos solicitantes de recoñecemento de cualificacións e inclúe medidas que buscan promover unha maior transparencia no que respecta á regulación e o número de profesións reguladas na UE.

Os países tamén terán que crear "xanelas únicas" en internet e centros de asistencia para informar aos profesionais interesados en traballar no seu territorio do procedemento e os trámites necesarios para lograr o recoñecemento das súas cualificacións.

 

Fonte de Datos: es.noticias.yahoo.com

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais