Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
27/10/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Un equipo de químicos da Universidade de Huelva desenvolveu lubricantes biodegradables para maquinaria industrial

I+D+i
Un equipo de químicos da Universidade de Huelva desenvolveu lubricantes biodegradables para maquinaria industrial a partires do quitosano, un composto natural derivado dos caparazóns de crustáceos e aceite de ricino ao que engadiron produtos naturais antioxidantes. Estes aditivos aumentan a durabilidade da formulación final que mantén as características de consistencia e frición e é máis ecolóxica

A tendencia da industria dos lubricantes pasa pola mellora de produtos dende un punto de vista ambiental, xa que a maioría dos actuais lubricantes de uso industrial non resultan biodegradables e poden contaminar.

Os compoñentes principais dunha graxa lubricante son o compoñente oleoso e o axente espesante. En concreto, os investigadores onubenses elaboraron unha mixtura con aceite de ricino e macromoléculas de quitosano procedente do exoesqueleto de crustáceos como gambas e cangrexos. Sobre esta mistura realízase unha modificación química selectiva co gallo de conseguir que as macromoléculas se unan dun xeito estable.

Os resultados do estudo publicado na revista Industrial Crops and Products demostran que, en xeral, os antioxidantes retardan a degradación dos oleoxeles.

Os investigadores onubenses someteron o lubricante a diversas probas para demostrar a súa eficacia mediante comparación con graxas comerciais. En primeiro lugar, os expertos realizaron unha análise termogravimétrico para comprobar as variacións que sofre a graxa cando se lle aplican determinadas temperaturas. Tamén se estudaron as propiedades reolóxicas, que son aquelas que afectan á deformación do material sometido a temperatura. Para iso, avaliáronse dous compoñentes: a viscosidade e a viscoelasticidade dos lubricantes.

O resultado é que os expertos apuntan que esta graxa ecolóxica pode ser unha alternativa ás convencionais. Os mesmos avaliaron a estabilidade mecánica ante os cambios na consistencia do lubricante por mor de vibracións ou do traballo mecánico, en xeral. Estas características resultan esenciais, por exemplo, en mecanismos como as engrenaxes dun aeroxerador, onde se producirían fallos no funcionamento da maquinaria se non mantén as súas características. Finalmente determinouse o coeficiente de frición, que se pode relacionar co aforro enerxético que produce unha boa lubricación.

Os resultados desta batería de probas asemellan as propiedades dos biolubricantes sintetizados aos lubricantes tradicionais, pero ademais coa característica de que se retarda a súa oxidación, o que sen dúbida apunta a que esta graxa ecolóxica pode ser unha alternativa ás graxas convencionais.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais