Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
25/4/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

RD 231/2017 de 10 de marzo: a sinistralidade laboral como escusa para financiar a fondo perdido a mutuas e empresas

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG
A todas luces a redución da sinistralidade laboral debería ser un obxectivo innegociable e prioritario, dada a súa extraordinaria relevancia económica, social e humana. En maior medida se acaso, cando os distintos indicadores deixan entrever un incremento significativo e constante da sinistralidade que, dende fai xa bastante tempo, aconsella a inmediata adopción de medidas destinadas a conter e reducir esta inasumible lacra sociolaboral.

O pasado venres día 24 de marzo o actual Goberno do PP publicou o Real Decreto 231/2017, do 10 de marzo, que derroga o RD 404/2010, polo que até agora se regulaba o establecemento dun sistema de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que diminuísen de maneira considerable a súa sinistralidade laboral en relación á do seu sector de referencia.

Con este novo Decreto, o Goberno do Estado sorpréndenos unha vez máis dun xeito negativo, ao forzar un cambio radical na filosofía e o enfoque do anterior RD, utilizándoo como unha ferramenta destinada a financiar ás empresas e as propias mutuas, e o que chama moitísimo a atención, eliminando de maneira inopinada os necesarios e imprescindibles controis que si se establecían na anterior normativa.

A partir de agora a través desta nova disposición, as empresas poderán cando menos reducirse un 5% do importe das cotas por continxencias profesionais, e o que é absolutamente incrible e inxustificable, sen necesidade de levar a cabo ningún tipo de actuacións dirixidas a evitar ou reducir a sinistralidade laboral, podendo aplicar a redución incluso a pesares de incumprir gravemente a normativa en materia de prevención de riscos laborais.

Cobrar sen actuar

Efectivamente, neste RD exclúense as obrigacións que establecía a anterior normativa de realizar actuacións concretas e eficaces na prevención dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais, o que claramente supón un auténtico despropósito, cando non unha auténtica barbaridade en termos preventivos e de seguridade laboral, xa que na práctica, deturpando completamente o espíritu da norma, renúnciase a incentivar a realización por parte das empresas de actuacións proactivas a favor da seguridade e a saúde laboral dos seus traballadores/as, fomentando indirectamente a pasividade e a inacción das mesmas. Deste xeito os incentivos (reducións das cotas por continxencias profesionais ata un 5%) recibidos polas empresas por reducir a súa sinistralidade, non estarán vinculadas aos investimentos e actuacións concretas que estas poidan realizar.

No caso de que a empresa declare que realizou inversión en algunha das accións preventivas complementarias recollidas no RD, poderán solicitar e recibir unha redución ou incentivo dun 5% adicional, podendo acadar un “bonus” total do 10% nas reducións das cotas por continxencias profesionais.

Con infraccións graves cobran igual

Sen lugar a dúbidas este desenvolvemento normativo de exclusión das obrigas preventivas, é unha clara mostra da falla de coñecemento e sensibilidade do actual Goberno en relación á seguridade e a saúde laboral dos/as traballadores/as. O feito de que as empresas que a pesares de ter no seu haber ata dúas infraccións graves en materia de prevención de riscos laborais, poidan recibir sen problemas estes incentivos, corrobora a deriva e o brutal desnorte que está a experimentar este Goberno ultraneoliberal e extremadamente incompetente: para eles a prevención de riscos e a saúde laboral é unha simple obriga formal que hai que cumprir por esixencias da lexislación Europea nesta materia. Así as cousas, infraccións como non informar á autoridade laboral dos accidentes de traballo acontecidos ou das enfermidades profesionais detectadas, superar os límites de exposición a axentes químicos ou biolóxicos con risco de danos graves para a saúde dos/as traballadores/as, ou non realizar os obrigatorios recoñecementos médicos, nin as probas de vixilancia da saúde, etc, non terán consecuencias para as empresas infractoras á hora de recibir estes incentivos.

Sin verificación, nin control

Con este novo RD 231/2017, para beneficiarse dos incentivos previstos, as empresas non terán necesidade de demostrar fehacentemente a súa actividade preventiva, quedando excluída en principio calquera forma inicial de contraste e verificación directa por parte da administración pagadora (en última instancia todos nós), eliminándose incluso a necesidade de previa conformidade por parte da representación legal dos/as traballadores/as (representación sindical e delegados/as de prevención) tal e como existía na anterior normativa. Isto é, a mera declaración da empresa sen ningún tipo de contraste cualificado e neutral, simplemente contando co visto bo da mutua (organización empresarial) que corresponda como avalista do cumprimento dos requisitos teoricamente esixidos, será suficiente para captar uns incentivos dos que se poderá beneficiar directamente tamén a propia mutua, previo acordo coa empresa e ata un 10% do seu valor. Dito doutro modo máis claro e directo: ante a inexistencia dun mecanismo de control previo e procedimentado, en principio o aval da mutua que toque será suficiente para que tanto a empresa como a propia mutua se beneficien do incentivo.

Impunidade garantida

O que xa resulta máis grosero, patético e hilarante en termos de ética e práctica lexislativa, é o feito garantido de que para as empresas ou as mutuas mentir nesta declaración de cumprimento de requisitos, non terá consecuencias. Isto é, garántese previamente polo Goberno un importante nivel de impunidade ante a falsificación ou manipulación dos datos que se poida producir en relación á información proporcionada. Anteriormente a este auténtico dislate, as empresas que falseaban os datos relativos ao cumprimento dos requisitos eran penalizadas e excluídas de posteriores convocatorias, impedíndose que accederan a estes incentivos; agora chegaralles no peor dos casos con devolver os incentivos inadecuadamente percibidos, se é que nalgún caso se denuncian e coñecen as irregularidades cometidas.

Desprezo á prevención laboral viaria

Dada a extraordinaria importancia e peso específico que ten no conxunto da sinistralidade laboral a sinistralidade viaria, para poder obter o “bonus” no anterior RD 404/2010, do 31 de marzo, agora derrogado, as empresas no capítulo de Accións preventivas complementarias estaban obrigadas a ter deseñado e implementado como unha acción fundamental un Plan de mobilidade viaria. Pois ben, neste novo RD os Plans de mobilidade e seguridade viaria pasan a unha categoría meramente informativa, non contemplándose nin sequera a súa elaboración para as pequenas empresas.

Do mesmo xeito, a efectos de cómputo, para acceder ao incentivo (bonus) mantense a exclusión dos accidentes «in itínere» da sinistralidade laboral, aínda que o RD 404/2010 si facía mención á relación entre a elaboración de Plans de mobilidade e a redución dos accidentes in itínere, referencia que desapareceu neste novo RD.

Unha vez máis alármanos esta inxustificable falla de implicación e responsabilidade do Goberno do PP respecto da seguridade laboral viaria, cando dos accidentes laborais, os accidentes laborais viais (ALV) veñen supoñendo de maneira constante nos dous últimos anos ao redor do 25% dos accidentes totais, o 46% dos graves e o 54% dos accidentes con resultado de morte, segundo datos extraídos das estatísticas oficiais do propio Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Destes (ALV) unha gran parte dos mesmos correspóndense con accidentes “in itínere”, non entendéndose nin podéndose xustificar de ninguna das maneiras como ante un volume tan elevado de incidencia dos accidentes laborais viais (ALV), estes non aparecen nin tan sequera contemplados neste novo RD 231/2017 como un requisito prioritario e imprescindible de actuación para a redución da sinistralidade laboral e polo tanto para a obtención do bonus correspondente por baixa sinistralidade.

Así as cousas, ante esta nova e inxustificable aberración normativa, pérdese a oportunidade de incentivar a aquelas empresas que no cumprimento das súas obrigas preventivas puxeran en marcha a necesaria implantación de Plans de mobilidade e seguridade viaria.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 24, epígrafe Análise - Opinión. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais