Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
24/11/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Proxecto europeo adicado a xestionar solos degradados

Medio ambiente
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a coordinar dende Galiza un proxecto europeo denominado “Demostración da mellora na biodiversidade edáfica, funcionalidade e servizos ecosistémicos en terreos contaminados e degradados mediante fitoxestión dentro da rexión Interreg Sudoe” (PhytoSUDOE); este proxecto, que está financiado polo Programa Interreg Sudoe, ten como finalidade mellorar a xestión de solos degradados e contaminados. O proxecto traballa con novas técnicas de fitoxestión que melloran a funcionalidade dos ecosistemas, promoven a biodiversidade e garanten un uso sustentable dos recursos naturais.

O traballo, que rematará no 2018, está coordinado polo Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e conta coa participación de socios de España, Francia e Portugal

Segundo explica unha das coordinadoras do proxecto “a contaminación do solo é un problema xeneralizado en Europa. O exceso de compostos químicos degrada a súa calidade e as súas funcións e, en consecuencia, tamén se poden ver afectadas a calidade da auga, a biodiversidade e a seguridade alimentaria. Os metais pesados e outros elementos atópanse entre os contaminantes do solo máis frecuentes”. “Entre as formas de xestión máis eficientes para a recuperación dos ecosistemas afectados por estes contaminantes figura a “fitoxestión”, que abarca un conxunto de técnicas baseadas no uso de plantas e os seus microorganismos asociados para, por unha banda, recuperar a calidade do solo e, por outra banda, xerar un recurso explotable de forma sustentable (por exemplo, a produción de biomasa). Son técnicas menos invasivas e máis rendibles que as de enxeñería civil, e proporcionan outros beneficios adicionais como o incremento da diversidade microbiana ou do secuestro de carbono, o que permite a recuperación dos servizos esenciais do ecosistema”.

Para demostrar o beneficio medioambiental deste tipo de técnicas, estableceuse un conxunto de espazos contaminados en áreas de interese ecolóxico, algunhas protexidas, e con potencial para fornecer importantes servizos do ecosistema en toda a rexión de Sudoe (España, Portugal e Francia). No caso de Galiza os investigadores do CSIC e da USC traballarán en dous emprazamentos en zonas mineiras con altas concentracións de zinc, chumbo, cobre e cadmio.

Dada a variedade dos espazos contaminados que se analizarán, así como os seus usos (industriais, urbanos,...) e condicións ambientais o proxecto poderá avaliar o potencial da fitoxestión na recuperación de áreas degradadas.

No proxecto participan ademais da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do País Vasco, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Centro de Estudos Ambientais de Vitoria-Gasteiz, as universidades de Coimbra, Católica Portuguesa, Aveiro, o Laboratorio Nacional de Enerxía e Xeoloxía e o Institut National da Recherche Agronomique. Como asociados participan o Centro de Valorización Ambiental do Norte, Mairie de Bordeaux, LYONNET, Viveiros Eskalmendi, Basoinsa, Sociedade Pública de Xestión Ambiental Ihobe e o Instituto Politécnico de Beja.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais