Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
22/9/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Flocos de millo e pantallas líquidas o novo amianto en traballos con risco pulmonar

SAÚDE LABORAL
Un estudo publicado na revista científica The Lancet sobre enfermidades pulmonares laborais, identificou aos novos elementos da produción que provocan asma, bronquiloitis, fibrosis ou cancro nos traballadores: a fabricación de pantallas líquidas, a preparación de flocos de millo, ou o envellecemento de texanos.

Máis dunha decena de centros de investigación internacionais participaron na revisión científica que pon o foco nas patoloxías respiratorias vinculadas ao traballo. Dous millóns de traballadores morren cada ano por accidentes ou enfermidades no ámbito laboral. A terceira enfermidade máis recorrente é de carácter respiratorio. “Queremos sensibilizar de que hai ocupacións que, aínda que afectan a pouca xente, teñen moita relevancia en conxunto porque prexudican a saúde”, sinala o doutor Xavier Muñoz, do servizo de Pneumoloxía do Hospital Vall d´Hebron de Barcelona, o único centro español que participou na investigación.

As novas silicoses están a aparecer entre os traballadores que envellecen os texanos, por exemplo, que utilizan un chorro de area que cae con moita forza sobre poucos centímetros de tea, o que crea unha dispersión do po que o traballador inhala, un po cheo de sílice que se vai aos pulmóns. O procedemento impide tomar medidas preventivas como nas minas” (A sílice das minas contrólase hoxe con medidores: cando se chega a un límite, os mineiros saen e se ventila),explica Xavier Muñoz.

No caso das pantallas líquidas, o causante da fibrosis pulmonar é o óxido de indio que se emprega na fabricación. Non se rexistraron moitos casos, pero todos eles foron moi graves, non hai apenas tratamentos máis aló do transplante, sinala Muñoz. Tamén provoca unha rara acumulación de proteínas nos alveolos impedindo o intercambio de gases imprescindibles para a vida. Neste caso, se se colle a tempo, pódese actuar e estabilizar o problema.

Os flocos de millo non deron enfermidade en Europa, que se coñeza, pero é un problema de saúde relevante en Estados Unidos. Un dos condimentos que se utiliza para dar sabor a manteiga, o diacetilo, se vaporiza ao quentar o millo e, cando persoas con esta susceptibilidade inhálana sofren bronquiolitis. Ten tratamento se se detecta a tempo.”Ese é un dos grandes problemas destas enfermidades laborais, que non son suficientemente coñecidas e é difícil relacionalas cun elemento presente no posto de traballo, o que atrasa ou impide ás veces o seu tratamento adecuado”. O risco non alcanza ao consumidor, pero si a todos os que traballan facendo flocos de millo, dende as fábricas ata os bares das salas de cinema. Mesmo se chegou a relacionar a inhalación do diacetil con algún caso de alzheimer.

Na lista dos novos elementos de risco tamén se cita a fractura hidráulica, a extracción de gas e petróleo forzada coa inxección de auga a gran presión acompañada de produtos químicos que favorecen a fractura das rocas. Esa inxección a presión expón aos que traballan directamente, e aos que viven preto, ao sílice, a elementos orgánicos e a outros produtos que causan un gran abanico de enfermidades, dende a asma ata a enfermidade obstrutiva crónica pasando polo cancro de pulmón.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais